Actividades (LGeL)

Charla con Gonzalo Navaza

O 2 de maio Gonzalo Navaza veu ao noso centro a falar cos alumnos de 1º de Bacharelato da súa obra Erros e tánatos. O autor comentounos varios dos relatos e como xurdiron as historias. Tamén nos explicou algunhas das “regras” que empregan os autores para escribir relato e anécdotas sobre a elaboración dos textos. Foi unha charla moi amena na que algún dos alumnos aproveitou para preguntarlle ao autor dúbidas sobre as historias do libro.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Conferencia de Gonzalo Navaza

Visita ao Museo de Pontevedra e á casa de Rosalía de Castro

O 2 de abril, os grupos de 3º da ESO A, B e 3º de PMAR, acompañados polas  profesoras Irene Mera, Helena Fernández e Gloria Paredes, dos Departamentos e Historia e Lingua e Literatura Galega, visitamos o Museo de Pontevedra e a Casa Museo de Rosalía de Castro.

A primeira parada foi no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, onde unha guía nos explicou as  pezas de pintura e escultura dalgunhas salas e un dos cadros estrela prestado polo Museo do Prado: “Retrato de médico”, de El Greco.

A continuación levounos ás salas onde teñen a exposición permante de Castelao, un dos obxectos da nosa visita. Ensináronnos a súa obra gráfica, os álbums de cegos, algún dos seus  cadros e mesmo as carautas e deseños para a representación de Os vellos non deben de namorarse  que alí gardan celosamente.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita ao Museo de Pontevedra e casa de Rosalía de Castro

25 de febreiro: Día de Rosalía

     O pasado 25 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía con lecturas da súa obra en varios idiomas. Neste vídeo podedes ver un fragmento desta actividade:

Visita ao Museo de Pontevedra e á exposición "Alba de Gloria"

          O departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao organizou unha xornada didáctica centrada na figura de Daniel Rodríguez Castelao que dá nome ao noso centro.
          Deste xeito, o alumnado de 2º de Bacharelato que o desexou, visitou, en primeiro lugar, as instalacións do Museo de Pontevedra, onde se lle dedicou especial atención aos fondos depositados na Sala Castelao, alén de visitar outros espazos do museo como os dedicados á arqueoloxía ou á pintura galega.
          A continuación, en xornada vespertina e no espazo compostelán de San Domingos de Bonaval, o alumnado e profesorado acompañante tivermos ocasión de seguir as explicacións que nos guiaron polas diversas seccións que compoñen a magnífica exposición "Alba de gloria", onde a experiencia final dun paseo pola significación do discurso que Castelao pronunciou o Día de Galiza de 1948 a través do recurso da realidade virtual puxo o punto e final a unha xornada intensa e, dalgún xeito, memorable.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita ao Museo de Pontevedra e á exposición "Alba de Gloria"

Visita á Casa Galega da Cultura

     O departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao organizou unha saída  didáctica á Casa Galega da Cultura que se celebrou o  30 de xaneiro de 2019. Asistiron todos os grupos de segundo de bacharelato do centro e nela, os anfitrións do acto, Quico Domínguez, director da Fundación Penzol, e Antón Vidal, presidente do Consello de Administración da Editorial Galaxia, realizaron un percorrido sobre a xénese da Fundación Penzol e a súa evolución ata a actualidade, ademais de abrir as portas aos fondos depositados da devandita fundación e os que custodian do fondo pertencente a Francisco Fernández del Riego, alí depositados.

Álbum: Curso 2018/2019 -> Visita á Casa Galega da Cultura

A louca historia de Galicia

 O día 15 de xaneiro o alumnado de 1º de bacharelato asistiu á representación da obra “A louca historia de Galicia” na sala Ártika de Vigo, acompañados por  Helena, Lorena, Begoña, Elena e Gloria, profesoras do centro.  

Esta divertida comedia fai un percorrido polas orixes, costumes e tradicións da nosa terra, dende os celtas ata a  actualidade. Os alumnos, ademais de pasalo moi ben, aprenderon algo máis sobre a nosa historia.

A peza foi representada pola compañía Fulano, Mengano e Citano.

Contacontos en inglés e galego

     O xoves 15 de novembro os alumnos de terceiro e cuarto tiveron a oportunidade de disfrutar de novo da actividade de Contacontos en inglés e galego, da man das narradoras Patricia McGill e Charo Pita. Escoitamos contos con elementos tradicionais coma bruxas, cabaleiros, princesas e o rei Arturo, amenizados por estas profesionais do relato. Foi unha experiencia moi interesante! Aquí vos deixamos un fragmento da actuación:

     Un grupo de alumnos de cuarto fixeron varias reseñas desta actividade, aquí volas deixamos:

Lemos a Mª Victoria Moreno

 

O pasado 31 e maio, para completar a homenaxe do centro a Mª Victoria Moreno, tivemos unha sesión de lectura de  dous textos seus dramatizados. Participaron nesta actividade, en primeiro lugar, un grupo de alumnos de 4º da ESO do IES Torrente Ballester, centro onde impartiu clases a autora,  coa peza Un can chamado Morito; e, en segundo lugar, por parte do noso centro o alumnado de 2º PMAR leu a peza teatralizada Unha festa no faiado.

Pica na imaxe superior para ver algunhas fotos do acto. Podes ver tamén o seguinte vídeo da lectura:

Roteiro literario pola vila de Cans

     O xoves 24 de maio, o alumnado de 4º da ESO fixemos un roteiro literario pola vila de Cans guiados polo escritor Carlos Meixide, autor da novela homónima. Deste xeito, coñecemos os diferentes lugares que percorren os personaxes. A seguir, asistimos a unha palestra sobre subtitulaxe e linguas minorizadas no ghalpón de Alicia. Todo moi interesante.

Álbum: Curso 2017/2018 -> Roteiro pola vila de Cans
Distribuir contido