Skip to Content

PROCEDEMENTO PARA A ACREDITACIÓN DAS COMPETENCIAS DIXITAIS DO ALUMNADO

ACREDITACIÓN DO ALUMNADO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA OBLIGATORIA

        1. O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación.
       2. O alumnado matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.
       3. O alumnado que titule ou que supere a proba específica recibirá a certificación ComDix de nivel iniciación ou de nivel intermedio, respectivamente. As ditas certificacións serán emitidas de oficio conforme aos procedementos establecidos no Marco galego de competencias dixitais e no Rexistro de certificacións en competencias dixitais, de acordo co que se recolla no documento Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais.
       4. A acreditación do alumnado terá unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.

 

ACREDITACIÓN DO ALUMNADO DE BACHARELATO

       1. A obtención do título de bacharel acredita que a alumna ou o alumno ten os coñecementos,habilidades e actitudes das áreas de dominio 1, 2, 3 e 5 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais.
       2. O alumnado matriculado en 2º de bacharelato poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias da área de dominio 4 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais.
       3. No caso de que unha alumna ou un alumno obteña o título de bacharel e ademais supere a proba específica da área de dominio 4 do nivel intermedio, recibirá a certificación ComDix que acredita o nivel intermedio. A dita certificación será emitida de oficio conforme aos procedementos establecidos no Marco galego de competencias dixitais e no Rexistro de certificacións en competencias dixitais, de acordo co que se recolla no documento Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais.
       4. O alumnnado que titule sen superar a proba específica e o alumnado que non titule e supere a proba específica poderá solicitar no centro docente un documento que acredite os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio de competencias dixitais de nivel intermedio superadas.

  O documento de acreditación terá unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.   

REQUISITOS DO ALUMNADO PARA PARTICIPAR NAS PROBAS ESPECÍFICAS

 O alumnado que desexe participar nas probas específicas deberá cumprir os seguintes requisitos:
       a) Estar matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria para presentarse á proba específica que acredita as competencias dixitais de nivel intermedio.
       b) Estar matriculado en 2º de bacharelato para presentarse á proba específica que acredita a área de dominio 4 de competencias dixitais de nivel intermedio.

 

SOLICITUDE E INSCRICIÓN NAS PROBAS ESPECÍFICAS

 O alumnado de 4º de educación secundaria obrigatoria e o alumnado de 2º de bacharelato que desexe realizar a proba específica solicitará a súa inscrición empregando o seguinte modelo que deberá entregar debidamente cuberto na secretaría do centro antes das 12:30 horas do venres 15 de marzo

 

CONVOCATORIA DAS PROBAS ESPECÍFICAS

       1. As convocatorias de probas específicas, no curso 2023/24, realizaranse consonte ao seguinte calendario:
              a) A proba específica que acredita a área de dominio 4 de nivel intermedio realizarase durante o mes de abril (alumnado matriculado en 2º de bacharelato ).
              b) A proba específica que acredita o nivel intermedio realizarase durante o mes de maio (alumnado matriculado en 4º de ESO).
       2. As probas realizaranse nos centros docentes que impartan a etapa de educación secundaria obrigatoria ou bacharelato con alumnado inscrito o día e no horario que se estableza segundo o número de alumnado interesado e a dispoñibilidade de equipos informáticos do centro.
Informarase do día e da hora coa antelación suficiente.

A convocatoria de cada proba específica será única.

 

INFORMACIÓN SOBRE AS PROBAS ESPECÍFICAS

       1. A proba específica para acreditar o nivel intermedio axustarase ás cinco áreas de dominio definidas no Marco galego de competencias dixitais (https://competenciasdixitais.xunta.gal/areas.html). A alumna ou o alumno debe responder nun tempo máximo de 90 minutos un total de 60 preguntas de diferente complexidade e tipoloxía referidas a cada unha das cinco áreas de dominio (12 preguntas por cada área).
Para superar a proba específica de nivel intermedio deberase responder correctamente a un 70% do total de preguntas, sendo necesario obter un mínimo do 60% de respostas correctas en cada unha das cinco áreas.
       2. A proba específica para acreditar a área de dominio 4, Seguridade e privacidade, axustarase á definición de dita área no nivel Intermedio no Marco galego de competencias dixitais (https://competenciasdixitais.xunta.gal/areas.html). A alumna ou o alumno debe responder nun tempo máximo de 20 minutos un total de 12 preguntas de diferente complexidade e tipoloxía. A proba específica da área de dominio 4 do nivel intermedio considerarase superada ao responder correctamente ao 60% das preguntas.



ACREDITACIÓN DE PERSOAS QUE OBTIVESEN O TÍTULO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA NOS CURSOS 2021/22 OU 2022/23

As persoas que obtivesen o título de educación secundaria obrigatoria nos cursos académicos 2021/22 e 2022/23 tendo participado no programa E-Dixgal nun mínimo de tres cursos académicos poderá solicitar a acreditación das competencias dixitais no centro no que rematase cuarto de educación secundaria obrigatoria.

 

mais información...

Competencia dixital do alumnado (información, modelos de proba, ...)

Normativa: Resolución do 28 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023/24.

 

 

 



book | by Dr. Radut