LuminísTICas obtén o 2º premio en Wisibilízalas

LuminísTICas, a proposta do IES de Brión para a 3ª edición de Wisibilízalas, ven de ser recoñecida co 2º premio na categoría Sénior.

O pasado día 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller , déuse a coñecer o fallo do xurado na web oficial de Wisibilízalas, un certame convocado polo  Departamento ETIC da Universidade Pompeu Fabra.

Este traballo foi elaborado por alumnado de TIC I de 1º de Bacharelato Científico Tecnolóxico coa colaboración de alumnado de EPVA de 4º de ESO no apartado gráfico e deseño web.

En LuminísTICas publicamos perfís, entrevistas e referencias de mulleres galegas ou formadas en Galicia que traballan co sector TIC e participan activamente en proxectos de divulgación de mulleres nas TIC.

Grazas a Natalia Costas Lago, Eva Cernadas García, Ana Cidre Perry, Sonia Lois García, Carmen Cotelo Queijo, Laura Milagros Castro Souto, María Saez Fernández, Mercedes Rodríguez García e Miriam Pena Villanueva pola súa colaboración con este proxecto.

Parabéns ao alumnado participante!

.