Masterclass "Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia"

O pasado luns 11 de Febreiro, dúas alumnas de 1º de Bach, Antía Cunqueiro e Tania García, asistiron a unha xornada ou “Masterclass” para celebrar o “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia” na facultade de Física da USC.

Nesta xornada levaron a cabo actividades relacionadas coa Física de Partículas, traballando con datos obtidos no propio CERN. Esta actividade culminou cunha videoconferencia con dúas investigadoras do CERN e outros grupos de alumnas doutras cidades para comentar os resultados obtidos durante a práctica.

Tanto as alumnas como a profesora acompañante desfrutaron moitísimo na xornada, agradecéndolle ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías a organización de dita xornada e, sobre todo, as físicas que nos acompañaron durante todo o día, Beatriz, Alessandra e Clara, a súa implicación e empeño.

   

“Na miña opinión, foi un acerto total asistir a esta xornada. Persoalmente, serviume para achegarme máis á física, que, para min, era unha gran descoñecida. Ao longo da xornada, puiden aprender cousas increíbles sobre a física de partículas, o que fixo que me interesara por ese campo e desfrutara moito. Ademais, a masterclass foi moi amena, o día pasouse voando. A parte práctica permitiume experimentar por min mesma o que anteriormente nos explicaran as estudantes de física que nos acompañaron durante toda a xornada, e coas que estivemos moi a gusto. Sen dúbida, foi un privilexio poder asistir e contarxiarme da súa paixón pola física, a cal é tamén para as rapazas!”

Tania García

“Esta foi unha xornada moi gratificante e motivadora. A min serviume para coñecer esta parte da física que descoñecía completamente e que ademais é moi distinta á que nos explican no instituto e que acabou resultándome moi interesante e atractiva. A parte do día que máis me gustou foi a práctica, que me permitiu empregar todos os conceptos que aprendera dunha maneira moi divertida. Tamén destacaría que esta masterclass estaba dirixida por rapazas e para rapazas, o que me pareceu un excelente modo de motivarnos para que escollamos carreiras universitarias científicas. Sen dúbida foi unha sorte poder acudir a esta actividade e repetiría encantada!”

Antía Cunqueiro