Skip to Content

Normas

Normas da biblioteca

     • Ficha de lector/a:
O alumnado matriculado nos grupos ordinarios da escola é dado de alta de modo automático e dispón dunha ficha de lector na base de datos.

O alumnado matriculado nas seccións ou nos cursos do CFR (CEFORE), CALC, That’s English!, CELGA ou Linguaxe Administrativa deberá solicitar primeiro unha certificación da secretaría da EOI de Vigo ou do CFR que acredite a súa matriculación. Para acceder á súa ficha, o/a lector/a deberá achegar a certificación de matrícula e dar o seu número de DNI / NIE con letra (ou o número do documento co que efectuou matrícula).

    • Identificación para empréstito:

A persoa encargada de empréstito identificará o alumnado co número do DNI/NIE. Se o alumno/a non fose atopado na base de datos por algunha razón, terá que presentar unha certificación da secretaría da EOI que acredite a súa matriculación.

EMPRÉSTITO

    • Os fondos da biblioteca poden ser consultados no catálogo online ou presencialmente.

    • Aviso importante: Tras obter os resultados dunha busca no catálogo, nunca prema no enlace inferior “[Reservar exemplar]” porque o material quedará bloqueado e non se poderá emprestar.

    • Os andeis para a consulta dos materiais no 1º andar están abertos durante o horario de atención ao alumnado (consulte o horario).

    • Cando retire un material (libro, dvd, etc.) dun andel, deixe inmediatamente un cartón vermello (dispoñible na biblioteca) no lugar onde o material se atopa. Se finalmente non o leva emprestado, devolva o libro ao seu lugar. O cartón vermello indicaralle onde estaba situado o material retirado.

    • Pode tamén retirar un material dos andeis e máis tarde deixalo no carriño que se atopa á entrada da sala.

    • Unha vez elixido o material, poderá realizar o empréstito coa persoa encargada na mesa de empréstitos. O material quedará rexistrado na súa ficha de lector/a.

    • Pódese solicitar o empréstito de dúas obras como máximo.

    • O empréstito farase por un período de 15 días.

    • Renovación: Se é necesario, poderá renovar o empréstito unha vez por outros 15 días. Non é posible a renovación online nin por teléfono. Deberá traer o material emprestado á biblioteca porque se debe indicar a nova data de devolución do material tras renovación.

    • Penalizarase o atraso na devolución: Perderase o dereito a levar material emprestado por tantas semanas como días de atraso haxa na devolución. Contabilízanse só os días lectivos.

    • A devolución farase no horario de atención ao alumnado mediante entrega á persoa encargada. Tamén poderá deixar o material na caixa de devolucións no exterior, a carón da porta do primeiro andar.

    • O lector ou lectora é a persoa responsable de devolver o material en perfecto estado. Se ve que está deteriorado ou falta algo, avíseo antes de levalo emprestado. A persoa usuaria deberá repoñer ou pagar a reposición do material.

    • O servizo de empréstito empeza 5 minutos despois da chegada da persoa encargada e remata 10 minutos antes do fin da súa quenda. Respecte os horarios.

    • Se o ordenador de empréstitos non funciona, se a ficha de lector/a non é atopada na base de datos, se hai algunha incidencia coa ficha de lector/a ou se o material está deteriorado, o empréstito non poderá efectuarse nese momento.

SUXESTIÓNS

Para calquera suxestión sobre o servizo de biblioteca ou sobre o material que lle gustaría ter na biblioteca, utilice a páxina de contacto da EOI de Vigo ou a caixa de suxestións que se atopa na biblioteca.

Por favor, respecte as normas.

GRAZAS POLA SÚA COLABORACIÓN

Distribuir contido


by Dr. Radut