Skip to Content

 

Proxecto: Medramos na Biblioteca

 

Concebimos a Biblioteca do noso Centro coma un centro de recursos organizado que poderemos empregar para os seguintes fins:

*      1 Apoiar a aprendizaxe activa nas áreas do currículo escolar.

*      2 Fomentar o hábito lector, e espertar o interese pola lectura coma fonte de lecer.

*      3 Crear lectores competentes na utilización dos distintos textos e en diferentes medios.

*      4 Servir coma factor de compensación social.

Dado que as novas tecnoloxías e particularmente internet nos  están acercando a outra forma de ler, apostamos pola integración das Tics na propia Biblioteca.

Acadar a integración da Biblioteca escolar nos procesos de aprendizaxe, organizala e dinamizala supón toda unha serie de tarefas moi complexas. Tentaremos ser realistas e abordar un número limitado de obxectivos.

Ademais, á hora de elaborar o Proxecto de Biblioteca teremos en conta os aspectos seguintes:

-    O proxecto foi consensuado no Claustro, polo que as actividades programadas formarán parte do Proxecto Xeral Anual e suporá a revisión do PEC, que ha de situarse dentro do marco da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que no seu artigo 113 fai unha mención específica ás bibliotecas escolares, e dentro das indicación que se recollen no portal de “Bibliotecas Escolares” que fan referencia ao modelo de biblioteca recomendado pola IFLA (UNESCO) e á súa importancia para o desenvolvemento das competencias básicas.

-    É necesario partir dunha valoración inicial das posibilidades reais do noso centro.

-    Deberanse analizar os problemas de lectura existentes no centro.

Para realizar este proxecto contamos cun equipo de profesores cun horario suficiente para afrontar a responsabilidade de levalo a cabo. Será preciso contar ademais cun presuposto económico axeitado aos nosos obxectivos.

 

3. Análise da situación de partida da biblioteca e do seu contexto.

O CEP “A Magariños” ten 40 anos de antigüidade e no seu deseño non se contemplou un espazo para a biblioteca. O libros de consulta e as diversas obras bibliográficas que se foron adquirindo íanse dispoñendo nos estantes da sala do profesorado perfectamente clasificadas segundo as normas marcadas pola CDU. Pero o alumnado non tiña acceso ás mesmas a non ser que o mestre as levase ás aulas. Fai preto de vinte anos  construíuse un pequeno anexo de 12 metros cadrados (que se lle roubou á entrada) pois o profesorado consideraba indispensable a existencia no centro dun espazo exclusivo de biblioteca á que puidese ir o acceso ao alumnado e na que os fondos tivesen unha accesibilidade total  (con andeis  abertos).

A mellora foi grande, pero co tempo vímonos limitados a un espazo excesivamente pequeno para  biblioteca. Isto obrigounos a idear alternativas[1].

·         Cada aula ten unha hora semanal asignada para o préstamo e como non caben todos os nenos da clase na biblioteca acceden por turnos, en grupos de 4 e 5. Alí espéraos un mestre que os axuda e os asesora se o precisan.

·        Todas as clases contan ademais cunha “biblioteca de aula”: espazos moi bonitos e mimados, especialmente no 1º Ciclo nos que teñen tatami no chan, coxíns, estantes baixos e libros moi coloristas, vistosos e adaptados. (Na Biblioteca non caben)

·        Creamos “Recunchos de lecer” un espazo de lectura informal para o alumnado (con tatami, coxíns, libros, quebracabezas,  diversos xogos e  tres ordenadores ) a onde van os nenos cando queren para disfrutar lendo ou “investigando”.

No ano 1995-96, varios membros do claustro asistiron a diversos cursos relacionados coas bibliotecas escolares e a animación á lectura. Xurdiu a necesidade de iniciar o proceso de informatización dos recursos bibliográficos de cara a facilitarlle ao profesorado a consulta dos fondos. Iniciouse así o traballo co programa “Biblio”.

No curso 2007/08 logo de recibir a formación necesaria empezamos a empregar o programa “Meiga”  e formouse ao profesorado e ao alumnado no uso do mesmo facilitando a información ás familias. Agora calquera membro da comunidade pode comprobar si o material que precisa se encontra na Biblioteca. Os 45 ordenadores do centro (aulas, biblioteca, administración e informática) teñen un enlace directo no escritorio co páxina da biblioteca.

Mercede a estes cursos de formación fomos tomando conciencia dun modelo de biblioteca coas seguintes características:

Lugar de aprendizaxe

Integrada nos prodeceso de aprendizaxe

Pretende ser un espazo de aprendizaxe e de atención á diversidade.

Espazo para o traballo cooperativo e interdisciplinar.

 

              Xestión

 

 

Centro de recursos para todo o centro.

Pretende ser unha fonte facilitadora de formación

Mellorar o emprego dos recursos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Diversidade de materiais e fontes de información.

Documentos audiovisuais.

Novos soportes de información en especialmente internet.

Libros, documentos e materiais feitos polos propios alumnos/as

Aberta ao exterior

Colaboración con outras bibliotecas en especial coa do Concello.

Aberta a todos os membros da comunidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Marcamos coa cor azul as melloras conseguidas nestes dous últimos anos e en laranxa os aspectos prioritarios para este Proxecto de Mellora: :

A mellora na parte da xestión:

·        Un equipo de sete profesores/as encárganse de manter diariamente informatizado e actualizado o préstamo no programa Meiga. Tres profesores encárganse da catalogación dos recursos. A maioría dos niveis do 3º Ciclo realizan directamente o préstamo no programa e saben buscar no Meiga a información que precisan.

·        Facilitouse a búsqueda de libros na estantería engadindo na “Sinatura 1” as coordenadas do estante no que se ubica o libro.

·        Realizouse unha expurga[2] importante.

A apertura ao exterior

·        Dende fai dous anos as nais e pais poden acceder á Biblioteca pola tarde ao igual que o resto da comunidade educativa. Este é o primeiro ano que veñen con asiduidade

·        Colaborouse coa Biblioteca do Concello, na publicidade de actividades culturais, e cunha visita a Biblioteca Pública e á exposición “Libros fantásticos de Carmen Domec”.

·        Participamos no “intercambio de mestres contacontos” con outros centros do concello.

·        Actualiazamos a páxina web do centro incluíndo un enlace directo á biblioteca.

·        Os nenos da Escola de E I “A Pastora” teñen programada unha visita á nosa biblioteca.

Diversidade de materiais e fontes de información

·        Renovamos os ordenadores e temos dous dos mellares equipos do centro na Biblioteca.

·        Iniciouse a catalogación de recursos en formato CD, DVD, libros feitos polo alumnado, ….

·        Os  45 ordenadores do centro teñen acceso a un servidor na intranet na que están preparados máis de 200 programas audiovisuais clasificados por niveis, materias e centros d interese aos que se pode acceder dende a propia aula. Todos teñen un enlace directo no escritorio coa páxina da Biblioteca do centro.

·        Participamos no programa “A prensa na escola” de La Voz de Galicia.

Atención á diversidade

·        Diversificamos ao máximo as compras feitas para responder ás demandas do Centro.

·        Mercamos libros especiais, a sugerencia do departamento de Orientación, para abordar diferente problemática do alumnado.

·        O Departamento de Orientación en colaboración co Equipo de Biblioteca preparou un programa de mellora da lectura para o alumnado con dificultades, unha presentación en PPT sobre “Comprensión da lectura” para o profesorado e varias sesión para o alumnado e as familias sobre “Técnicas de Estudio” acompañado de trípticos e presentacións en PPT.

Outros

 Neste ano  puxéronse en marcha actividades cooperativas que implicaron a todo o Centro “Cambados ten o seu poeta: Ramón Cabanillas”

O 90 % do alumnado do centro leva unha media de 20 libros de lectura en préstamo.

En conclusión, o mellorar no emprego dos recursos e  a utilización da biblioteca como lugar de aprendizaje son os dous bloques que precisan maior atención e que van se obxecto deste PLAN DE MELLORA:

Polo momento o uso da biblioteca como fonte de consulta e apoio á aprendizaxe é mínimo dado o reducido do seu espacio. Tratase de concretar accións que nos leven a superar esta limitación

 Temos que mellorar tamén o Proxecto Lector de centro. Polo momento nalgunhas aulas do 2º e 3º Ciclo lese e coméntase un libro cada trimestre. Queda mellorar o espacio de lectura libre como espacio de lecer. Dende o curso pasado algúns titores iniciaron  o Plan de Lectura Silenciosa Sostida Sistemática (PLSSS), no que se pretende que se adique un tempo diario a lectura libre (cada alumno le o libro que desexa e non vai ter que respostar a nengunha pregunta sobre o lido, aínda que poderá comentar libremente o que queira) e  silenciosa (o mestre tamén le en silencio). Tentaremos que sexán mais os titores que se sumen a esta proposta.

           

4. Análise das necesidades de renovación e actualización dos fondos documentais ( e mobiliario)

-Carencias respecto ao equipamento e espazo:

-O espazo é tan limitado (12m cadrados) que teríamos que  habilitar de forma permanente un anaco do corredor como parte da biblioteca, espazo que  precisará da adquisición de novos andeis, tatami e mobiliario adaptado, estantes para a exposición de revistas e folletos, taboleiros grandes de cortiza para os anuncios relacionados coa Biblioteca e a animación á lectura.

-Necesidade de conectar coa intranet os tres postos informáticos deste espazo do corredor.

- Carencias existentes no fondo respecto a:

-Necesidade de adquisición de novos fondos para todas as áreas curriculares, xa que a Biblioteca debe ofertar materiais axeitados e suficientes para o seu emprego por parte do profesorado e o alumnado.

-Necesidade de fomentar a lectura . Deberán cubrirse os intereses e afeccións do noso alumnado.

-Necesidade de materiais axeitados para os alumnos/as con n.e.e.

Carencias respecto aos fondos existentes.

Necesidade de revisar os fondos existentes ,atendendo:

 - á súa adecuación ao currículo

- ao  alumnado a quen está dirixido .

-  a variedade.

- atención a diversidade.

- actualización dos fondos existentes, expurgando aqueles que non son útiles

Para a adquisición de novos materiais teranse en conta os seguintes aspectos:

-Análise dos fondos existentes na Biblioteca.

-Relación calidade/valor/prezo.

-Adecuación á idade dos lectores.

-Aspectos visuais.

Ao comezo do curso escolar solicítase do profesorado a elaboración dun listado de títulos que son de interese, recóllense as suxestións do alumnado e, por último, os equipos de Ciclo e Departamentos ( Orientación, Inglés, Normalización, …) completan este listado de propostas.

Nestes intres as necesidades máis salientables son as seguintes:

§          Actualizar os fondos documentais de consulta.

§          Ampliar o número de materiais curriculares en soporte CD-ROM, para traballar co alumnado con n.e.a.e. e do alumnado do centro en xeral que fai uso da aula de informática.

§          Adquirir novas coleccións axeitadas para os primeiros lectores: libros móbiles, troquelados, ...

§          Adquirir novos exemplares dos libros máis demandados polos nenos/as.

5. Obxectivos

                                           Partimos da idea que a Biblioteca ten que ser:

- Un centro de información para todo o alumnado.

- Unha oferta  de lectura para tod@s.

- Un espazo educativo para a aprendizaxe e o ocio.

Partindo desta concepción a Biblioteca terá os seguintes obxectivos:

-                      Facer da Biblioteca un espazo de aprendizaxe.

-                      Potenciar a consecución dunha mellor competencia lectora.

-                      Converter a Biblioteca nunha ferramenta integrada na práctica docente.

-                      Impulsar actividades de lectura como medio de entretemento e información.

-                      Ampliar a oferta (en títulos,  materiais...) que  se ofrece na actualidade .

-                      Potenciar o emprego deste espazo coma elemento de compensación social.

Para acadar estes obxectivos, a Biblioteca debe cumprir as seguintes funcións:

1.                  Asegurar a recompilación, organización ,mantemento e a correcta utilización de todos so fondos que se dispoñen no centro educativo.

2.                  Organizar os recursos de xeito que sexan facilmente accesibles e utilizables.

3.                  Acadar un sistema de información centralizado.

4.                  Informar aos usuarios sobre o acceso e a utilización da Biblioteca.

5.                  Atender aos usuarios, facilitándolles información, e orientándoos sobre a utilización dos diversos recursos que se atopan na Biblioteca.

6.                  Deseñar e poñer en práctica actividades para potenciar a lectura.(contacontos, concursos,contos cooperativos....).

6. Tipo de organización e funcionamento

Para que a Biblioteca funcione coma un centro de información e de lectura para toda a Comunidade Educativa, debe contar cos seguintes servizos:

-Tratamento documental: recepción, selado, catalogación e clasificación dos fondos.

-Servizo de lectura e consulta na sala, tanto de materiais visuais como en formato multimedia.

- Difusión da información no centro.

- Un espazo dinamizador das actividades propostas polo profesorado.

-Colaboración con outras institucións culturais.

- Préstamos dos fondos.

Funcións do equipo da Biblioteca:

O responsable da biblioteca xunto co equipo de apoio establecerá un conxunto de normas para o préstamo dos fondos que se regulará atendendo os seguintes aspectos:

1. Tipo de lectores: alumnado, profesorado, exalumnos e familias, …

2. Duración do préstamo segundo o tipo de lectores ( e número máximo que pode ter cada tipo de lector en préstamo).

3. Accións para cando se produce unha perda , deterioro ou u retraso do material prestado.

Na actualidade o responsable da Biblioteca  e do equipo de apoio,  son os encargados de recopilar e tratar a documentación.

 O equipo de apoio cumpre, ademais, unha importante función pedagóxica pois , en colaboración cos outros docentes ofrecerán ao alumnado novas oportunidades de aprendizaxe, así coma o uso de recursos diferentes aos empregados habitualmente na súa aula.:

-Funcións do responsable de Biblioteca.

-Informar ao Claustro e ao Consello Escolar sobre as actividades feitas e os servizos ofertados.

-Coordinar aos titores para a realización de actividades de fomento da lectura e de emprego da Biblioteca.

-Catalogar os novos fondos adquiridos.

-Colaborar nas sesións de empréstemo ao alumnado.

-Funcións do equipo da Biblioteca.

-Realizar a xestión técnica e organización da Biblioteca.

-Realizar actividades de dinamización lectora.

Colaborar nas sesións de empréstemo ao alumnado:supervisar a devolución do libros e a súa correcta colocación polo alumno no lugar correspondente; orientar sobre os libros de máis  interese segundo idade e preferencias de cada neno; facilitar a búsqueda: nas estanterías, nos ficheiros, no ordenador; informar das novidades: novas coleccións, últimos exemplares adquiridos, ... segundo as preferencias dos nenos.

-Colaborar na catalogación, exposición e divulgación das novas adquisicións.

No próximo curso pretendese reformar o PEC e o Proxecto Lector de Centro, para que fagan referencia á importancia da formación lectora de alumnos/as e a súa formación coma usuarios das diversas fontes de información.

Equipamento e mobiliario.

Na actualidade a Biblioteca ten unha mesa para o profesor encargado, cun equipo informático, que se emprega na catalogación co Meiga (profesorado) e na búsqueda e empréstimo (profesorado e alumnado). Conta ademais con mesas e cadeiras para o alumnado (so caben 9 alumnos), andeis abertos para libros,  así coma outro ordenador para o alumnado, con conexión a internet.

Para o alumnado máis pequeno dispuxemos dun recuncho no corredor, á entrada da biblioteca con expositores baixos e tatami con coxíns no chan para lecturas informais. As sesións de contacontos realízanse na Aula de Usos Múltiples pois na biblioteca non cabe o alumnado dunha aula.

Clasificación dos fondos.

Este ano nomeamos os andeis para facilitar a ubicación dos libros e  sinálase na “Sinatura 1” o anden no que ha de colocarse o libro. Clasifícanse por coleccións. Alén disto hai as seguintes seccións especiais: teatro (etiqueta azul), poesía (etiqueta verde), primeiros lectores (etiqueta vermella), relixión, lingua inglesa, cómics e ciencias (onde se atopan diversas obras de consulta, apoio e ampliación das temáticas traballadas nas aulas).

Para o próximo curso, temos pensado introducir a CDU simplificada.

As novas tecnoloxías e a Biblioteca.

A oferta de documentos en novos soportes, xunto co emprego de internet, amplía os medios de transmisión da información. No  próximo curso, pretendemos conectar  a internet os tres ordenadores do corredor (na biblioteca non caben) para o alumnado.

Organización do profesorado

Contamos cun equipo de biblioteca no que participa  profesorado dos diferentes ciclos e especialidades (Pedagoxía Terapéutica, Música, E. Física, ...), con dispoñibilidade e dedicación específica para a realización das distintas tarefas derivadas do proxecto (préstamo, catalogación, etiquetado, rexistro e colocación dos libros, preparación de exposicións, actualización da web,  animación á lectura...), e que se reflectirá na  elaboración dos horarios do profesorado a comezo do curso escolar.

A coordinadora terá un mínimo de catro horas lectivas para adicarse ás funcións propias do seu cargo. Formará parte da Comisión de Coordinación Pedagóxica. Crearase unha Comisión de Biblioteca no seo do Consello Escolar.

Un dos membros do grupo de Biblioteca, con similar liberación horaria para labores exclusivas da Biblioteca que a coordinadora coincidirá con esta en horario lectivo durante unha sesión semanal para coordinar e optimizar o traballo a desenvolver cada semana. Haberá unha reunión mensual, o martes pola tarde en horario de 16:00 a 17:00 de todo o equipo de Biblioteca para posibilitar a máxima coordinación de todos os membros.

Todos os compoñentes do Equipo de Biblioteca coñecen e traballaron xa ao longo do presente curso co programa Meiga.  Con todo seguimos co compromiso de participar nas actividades de formación sobre biblioteca escolar que se oferten de forma específica para os centros integrantes do programa. O equipo suma 20 horas máis de servivio á biblioteca.

No horario lectivo hai asignadas 12 horas de atención ás distintas aulas que se distribúen entre aqueles profesores que no claustro de organización do curso se anotan a realizar esta labor. No resto do horario cada profesor poderá ir á biblioteca cos seus alumnos cando o estime oportuno ou enviar aos alumnos á mesma comunicándollo á coordinadora para que estableza como atendelos oportunamente. Pola tarde seguirán atendendo a Biblioteca dous profesores os luns, mércores e xoves.




[1] Non se contempla a curto plazo de ampliación da mesma. Solicitamos a ampliación do espacio físico da Biblioteca e informóusenos que que xa se rexistrou a reforma integral do centro (onde se inclúe a ampliación da Biblioteca)  con cargo aos presupostos da Consellería de Educación, pero sen especificar cando se realizará).

 

[2] Revisión de materiais e retirada temporal ou definitiva daqueles que non son de interese (desfase científico do contido, deterioro físico do documento, exemplares duplicados e que non se empreñan). A súa exclusión favorece a eficacia na xestión e facilita a distribución dos espacios. O expurgo non significa a destrucción directa dos documentos, xa que algúns destes poden ser de utilidade para outros usuarios. A Biblioteca do Concello ofrece a posibilidade de donar  estes libros a varios centros ou a ONG



story | by Dr. Radut