Skip to Content

Presentación

 

  

INTRODUCIÓN: O CEIP Valle-Inclán é un colexio do rural ourensá no corazón da Baixa Limia, sito no concello de Muíños á beira da Reserva da Biosfera Xurés-Gerês. Neste privilexiado contorno natural é frecuente o consumo de alimentos producidos localmente de gran calidade: produtos da horta, carne ou ovos da casa sen ningún procesado ou aditamento artificial. Non obstante, no noso alumnado non están xeneralizados estes hábitos e nos últimos anos estamos a apreciar, especialmente no ámbito das merendas, un maior consumo de produtos industriais e pouco saudables no noso alumnado. Bolos industriais, embutidos procesados ou zumes e néctares aparecen con frecuencia nos nosos recreos, co elevado aporte de graxa saturada, azucre e sal que implica. Este feito impulsa o noso interese para implicarnos neste Plan, co obxecto de promover no noso alumnado e nas súas familias a importancia duns hábitos alimenticios saudables. No noso centro, ademáis, estamos moi sensibilizados coa obesidade e a diabetes infantil, o que engade maior necesidade dunha actuación neste eido.

 

OBXECTIVOS: O noso centro é un colexio pequeno de 21 alumnos a maioría deles moi familiarizados co ámbito e a vida rural, feito moi presente na priorización de obxectivos; 9 deles cursan Educación Infantil e 12 Educación Primaria. A nosa proposta vai encamiñada ao alumnado de ambas etapas, sendo os obxectivos deseñados dun xeito deliberadamente global, engadíndolles un importante compoñente pedagóxico e social e tentando motivar e atender os diversos intereses, capacidades e estilos de aprendizaxe do grupo.

  • Promover hábitos de alimentación saudables xerais no noso alumnado

  • Vincular alimentación sa e saúde

  • Introducir conceptos relacionados con nutrición e composición dos alimentos

  • Valorar os produtos locais de calidade e a súa produción e elaboración

  • Relacionar a alimentación coa hixiene bucal e a actividade física

  • Salientar as vinculacións positivas entre a alimentación e a cultura local

  • Participar na elaboración de sinxelas receitas saudables

 

ORGANIZACIÓN DESENVOLVEMENTO E METODOLOXÍA: A organización do Proxecto levarase a cabo a través da colaboración de todo o profesorado con destino no centro este curso: titora de Infantil (responsable do colexio), titora de Primaria, mestra de inglés e mestre de audición e linguaxe (coordinador do proxecto). As actividades e desprazamentos serán organizados preferentemente de xeito global para todo o alumnado dado o pequeno número de nenos, distribuíndo as tarefas entre diversos agrupamentos en función das súas características.

O desenvolvemento do noso Proxecto xirará, por unha banda, en torno a familiarización e consumo da froita e dos produtos lácteos solicitados, e pola outra arredor das diversas actividades programadas, as cales planearemos en tres fases desde unha metodoloxía eminentemente participativa e baseada na aprendizaxe significativa: sesións preparatorias e de activación dos coñecementos previos do alumnado, a actividade proposta, e as dinámicas posteriores de posta en común, reforzo e xeneralización do aprendido.

Actividades iniciais propostas no Plan:

  • Froita na escola: solicitada neste Plan

  • Fomentar lácteos: durante o terceiro trimestre, todos os venres os nenos tomarán lácteos ofrecidos polo colexio na hora de lecer.

  • Calendario do lecer san: na aula de infantil farase un seguimento do que levan para comer no recreo para tentar razoar se é saudable (punto verde), pouco (punto amarelo) ou nada saudable (punto vermello).

  • Deporte Escolar: traballaremos a importancia dunha alimentación saudable para practicar diversos deportes, coa mirada posta na carreira de Deporte Escolar deste outono e nas xornadas de xogos tradicionais.

  • Actividades da Consellería de Sanidade: recibiremos no noso centro dúas charlas, unha sobre alimentación saudable e actividade física, e outra do programa "Coidando a miña boca", onde coñeceremos a relación entre saúde bucal e dieta saudable. Tamén participaremos novamente no concurso "Chefs Saudables", que foi todo un éxito na pasada edición cos nosos alumnos.

  • Actividades da Fundación Eroski "Enerxía para medrar": obxectivo de promover entre os máis cativos unha alimentación sa, hábitos saudables, e reducir a taxa de sobrepeso e obesidade infantil.

  • Visita a Casa do Patrón ou ao Rexo (aínda por determinar): tentaremos concretar unha visita para coñecer a elaboración de pan ou queixo artesán con ingredientes naturais.

  • Charla mel: contaremos coa presenza dun pai produtor local de mel que nos explicará o proceso para obter artesanalmente este prezado alimento.

  • Magosto: organizaremos un obradoiro de degustación de castañas, produto de gran importancia culinaria e cultural na zona. Os nenos coñecerán diversas preparación deste froito: crúas, cocidas, asadas, doces, puré, etc.

  • Concurso do Peixiño de Bande: esta festividade do veciño concello de Bande xira arredor do pescado dos nosos ríos, e nós participaremos e aproveitaremos para pór en común os beneficios do seu consumo.

Ao longo do curso tentaremos aproveitar calquera oportunidade que vaia xurdindo para engadir actividades relacionadas co Plan. Na nosa web (http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipvalleinclanmuinhos/) habilitaremos un espazo para rexistrar o desenvolvemento do noso Plan.

 

AVALIACIÓN: A avaliación do noso Proxecto irá encamiñada nunha tripla vertente, en primeiro lugar no grao de consecución dos obxectivos formulados cos nosos alumnos, en segundo lugar na reflexión sobre o noso propio desempeño nas tarefas pedagóxicas e organizativas que o Proxecto leva consigo, e en terceiro lugar na nosa achega global como centro ao programa.



page | by Dr. Radut