Skip to Content

Presentación Proxecto

 

 

No CEIP Valle-Inclán afrontamos o segundo ano dentro do Proxecto con moitas ganas de explorar aínda máis as posibilidades da nosa contorna e de realizar e rematar algunhas das dinámicas que ideamos o pasado curso. O noso colexio, situado no concello de Muiños (comarca da Baixa Limia - Ourense), está situado nun ámbito natural privilexiado aos pés da Serra do Xurés entre os ríos Limia e Salas. A rede fluvial, natural e artificial, que alimenta e conecta as cuncas e encoros destes ríos, xunto con novas obras e acondicionamientos realizados pola administración neste eido, bríndan diversas posibilidades pedagóxicas complementarias aos obxectivos do proxecto. Un aspecto importante que desexamos traballar vai ser o aproveitamento das redes fluviais para o uso humano sostible e a loita contra a contaminación das augas fluviais.

 

A nosa proposta vai encamiñada ao alumnado de Educación Infantil e ao primeiro curso de Educación Primaria, para manter unha continuidade co grupo base do Proxecto no pasado ano. O noso centro é un colexio pequeno de 19 alumnos a maioría deles moi familiarizados co ámbito e a vida rural; 6 deles cursan Educación Infantil e 13 Educación Primaria. Por este feito, a maioría das actividades relacionadas co Proxecto, como saídas ou charlas, van ser realizadas por todo o alumnado, aspecto que valoramos positivamente pola experiencia do pasado ano.Os obxectivos deste Proxecto serán configurados en función do noso alumnado cunha complexidade acorde coas súas idades, capacidades e coñecementos previos.

 

Para os alumnos do Proxecto os obxectivos enfócanse en lograr un coñecemento máis próximo do ecosistema fluvial próximo, incidindo nestes aspectos: a importancia da augas fluviais nas nosas vidas tanto para uso persoal como para as actividades agrícolas e gandeiras cotiás da zona; o descubrimento do ciclo da auga; a observación e inspección de fauna e flora introducindo o concepto de especie invasora; e a importancia da contaminación e a loita que afronta a nosa zona para preservar o medio natural.

 

A organización do noso Proxecto levarase a cabo a través da colaboración de todo o profesorado con destino no centro este curso: titora de Infantil e primeiro curso de Primaria (responsable do colexio), titora de Primaria, mestra de Inglés e mestre de audición e linguaxe (coordinador do proxecto). As actividades e desprazamentos serán organizados, como xa mencionamos, preferentemente de xeito global para todo o alumnado dado o pequeno número de nenos, distribuíndo as tarefas entre diversos agrupamentos en función das súas características.

 

O desenvolvemento do noso Proxecto xirará principalmente en torno ás visitas que realicemos, as cales planearemos en tres fases desde unha metodoloxía eminentemente participativa e baseada na aprendizaxe significativa: sesións preparatorias de e activación dos coñecementos previos do noso alumnado, o traballo de campo, e as actividades posteriores de posta en común, reforzo e xeneralización do aprendido.

 

Neste ano as actividades que estamos deseñando contan cun compoñente práctico importante e moi achegado á realidade cotiá do noso alumnado: percorrido pola recentemente inaugurada ruta dos muíños fluviais do concello, visita ás novas illas limpadoras de algas invasoras no encoro das Conchas ou saída de recoñecemento de especies invasoras da cunca do río Limia como a Ludwigia Grandiflora.

 

A avaliación do noso Proxecto irá encamiñada nunha tripla vertente, en primeiro lugar no grao de consecución dos obxectivos formulados cos nosos alumnos, en segundo lugar na reflexión sobre o noso propio desempeño nas tarefas pedagóxicas e organizativas que o Proxecto leva consigo, e en terceiro lugar na nosa achega global como centro ao Proxecto Ríos. 



page | by Dr. Radut