PROGRAMA DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA SPRING WEEK

O noso centro foi seleccionado para participar, do 11 ao 17 de xuño, no programa de inmersión lingüística Spring Week, destinado ao alumnado de 6º curso de primaria. O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Os Peares, en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Nos arquivos adxuntos tedes á vosa disposición a resolución da convocatoria e o dossier co desenvolvemento do programa.

CAMPIONATO PROVINCIAL ESCOLAR DE CAMPO A TRAVÉS

Alumnado do noso centro participou no Campionato Provincial Escolar de campo a través, celebrado no Club de Campo de Ferrol.

Parabéns polo voso esforzo para chegar ata aquí!

 

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO "XOGOS TRADICIONAIS GALEGOS PARA TEMPOS DE RECOLLIDA"

Antón Cortizas e Xabier L. García presentaron na biblioteca do noso centro o libro "Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida". Representantes de toda a comunidade educativa asistiron ao acto, organizado pola Asociación Apelón Educación coa colaboración do centro educativo, e que sen dúbida, resultou inspirador. O alumnado, ademais, participou nun obradoiro de brinquedos tradicionais.

Moitas grazas Antón e Xabier por presentarnos o libro e realizar os enredos co alumnado!

 

RECOMENDACIÓNS DE ACTIVIDADE FÍSICA, REDUCIÓN DO SEDENTARISMO E TEMPO DE PANTALLA

Nos arquivos adxuntos, queremos achegarvos unha serie de recomendacións de actividade física, redución do sedentarismo e tempo de pantalla, publicadas polo Ministerio de Sanidade. O obxectivo das mesmas, é dar a coñecer á poboación cal é a cantidade, intensidade, frecuencia e duración da actividade física que beneficia a saúde. Baséanse nas recomendacións existentes a nivel internacional, e na evidencia científica, tendo como obxectivo final que toda a poboación sexa máis activa físicamente.

TENIS DE MESA

Dentro do programa Xogade e organizado polo Concello, participamos nas Xornadas de promoción do tenis de mesa no Casino Mugardés, dirixidas a todo o alumnado de 3º a 6º de primaria dos centros educativos de Mugardos. Posteriormente, asistimos á xornada de competición no CPI As Mirandas en Ares.

DÍA DA MULLER

Realizamos diferentes actividades para por en valor e visibilizar o traballo de mulleres que son referentes próximos á realidade do alumnado.

O Concello, propúxonos a actividade "As mulleres que nos constrúen" a través da cal o alumnado de 4º, 5º, e 6º de primaria, elaboraron un mural con historias de mulleres que para eles/elas son referentes na súas familias. Educación infantil, realizou a actividade "As mulleres da nosa vida" conxuntamente coa Escola Infantil "As Lagoas", e tamén, todo o alumnado participou na actividade "Coidadoras do planeta", que pretendía visibilizar o traballo das mulleres no medio natural, mudando o imaxinario infantil, e crear referentes, sensibilizando da importancia dos coidados noutro ámbito imprescindible para facer realidade un mundo xusto e igualitario: O noso medio natural.

 

ENTROIDO

Realizar os mandados do Meco, investigar e aprender sobre o Entroido tradicional, merendar doces típicos elaborados polas familias, converternos en auténticos e auténticas choqueiros e choqueiras, compoñer e cantar a nosa comparsa acompañados/as pola Rondalla Mugardesa, participar no pasarrúas organizado polo Concello... Así festexamos o Entroido no CEIP Unión Mugardesa!

Grazas á ANPA e á Rondalla Mugardesa  pola súa colaboración!

 

RESERVA DE PRAZA CURSO 23-24

O prazo para presentar solicitudes de admisión é do 1 ao 20 de marzo. Nos arquivos adxuntos tedes o impreso de solicitude, un documento co número de prazas vacantes que se ofertan por curso, e unha nota informativa sobre o procedemento de admisión do alumnado.

Xunto co impreso de solicitude tamén deberase adxuntar unha fotocopia do libro de familia e (para o alumnado de primaria que provén doutro centro) un certificado de matrícula.

Para realizar a solicitude de admisión de xeito telemático, farase a través da seguinte páxina da Consellería.

https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/PaxinaInicio.action#

ESTREAMOS A NOSA RADIO ESCOLAR!

Xa temos montada a nosa radio escolar dentro do Polo Creativo, e para poder sacar o máximo proveito co alumnado, o profesorado, formámonos no manexo e aplicación didáctica de dito recurso, da man de Isidoro Valerio. Moitas grazas Isidoro por achegarnos ao apaixoante mundo de facer radio! 

CANDELORIA 2023

O 2 de febreiro celebramos a Candeloria, tamén chamada "Día das candeas" ou "Festa da luz". Neste momento (metade do inverno), nótase ben o medrar dos días, e a natureza prepárase para o estoupido de vida que está a chegar. Disque casan os paxariños, comeza o retorno das aves migratorias, e os cortexos anuncian o inicio dunha nova primavera. Este ano adicamos a Candeloria a un dos noso amores, a lingua, deste xeito a comunidade educativa elaborou o noso "muro das palabras bonitas".

Distribuir contido