Orientación

BOLSAS PARA ALUMNADO NEAE 2024/25

INFORMACIÓN E INSTRUCIÓNS RELATIVAS A BOLSAS NEAE 2024-2025*

Normativa de referencia: RESOLUCIÓN DE LA SECRETARÍA DE ESTADO DE EDUCACIÓN, POR LA QUE SE CONVOCAN AYUDAS PARA ALUMNOS CON NECESIDAD ESPECÍFICA DE APOYO EDUCATIVO PARA EL CURSO ACADÉMICO 2024-2025

  • SOLICITUDES: As familias cubrirán, tal como indica a convocatoria, o formulario accesible por internet na dirección www.educacionyfp.gob.es ou a través da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional na dirección https://sede.educacion.gob.es. Se o/a solicitante dispón de firma electrónica poderá completar o proceso el mesmo na páxina web acompañando a documentación que lle pida a propia aplicación. No caso de que non se dispoña de firma electrónica poderase imprimir a solicitude cuberta e presentala no centro con todas as firmas e documentación necesaria.
  • O prazo de presentación de solicitudes no centro remata o 13 de setembro de 2024. Aconséllase presentalas o antes posible en dirección e pedir unha copia da entrada.
  • É moi importante asegurarse de que consten as firmas requiridas de todos os membros computables.
  • Documentación necesaria (segundo proceda):
    • En TODOS os casos:
      • Fotocopias dos DNIs ou NIE
      • Certificado bancario do número de conta no que debe figurar o alumno/a
    • En caso de atoparse nas seguintes circunstancias:
      • Fotocopia de documento que acredite ser familia numerosa
      • Certificado de discapacidade igual ou superior ao 25%
    • Alumnado con trastorno grave de conduta, trastorno grave da comunicación ou da linguaxe: Certificado do departamento de orientación do centro educativo ou da comunidade autónoma.
    • Alumnado TEA:
      • Certificado médico dos servizos de saúde sostidos con fondos públicos + Certificado do departamento de orientación do centro educativo ou da comunidade autónoma
    • Ademáis, se a axuda é para reeducación pedagóxica ou da linguaxe: 
      • Memoria do centro onde se vai recibir a reeducación que informe sobre as carácterísticas do tratamento, a súa duración e custo
      • Declaración responsable da persoa que vai impartir a reeducación.Debe acreditar a formación necesaria

*Válido salvo erro ou omisión. Para información completa e detallada acceder á resolución adxunta.

CONVOCATORIA BECAS NEAE 2024/2025

30 de Xaneiro: Día Escolar pola Paz e Non Violencia

Hoxe celebramos no cole o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia con actividades nas que teñen participado todos os cursos.

O obxectivo didáctico que perseguimos con esta celebración é procurar que os nosos alumnos e alumnas cheguen a ser no día de mañá cidadáns e cidadás que promovan na vida unha cultura de paz.

Para axudar a esta celebración creei estes xogos que quero poñer aquí á vosa disposición. Abonda con que premades na imaxe e o xogo abrirase nunha nova xanela.

Quiz sobre os Premios Nobel da Paz

 

Series Día da Paz

 

Día da Paz. Atención 1

 

Bo Nadal!!

Dende o Departamento de Orientación do noso cole pedimos para o aninovo que podamos seguir xuntos andando camiños, salvando obstáculos e rachando barreiras.

Bo Nadal!!

Felicitación Nadal DO Corcubión

Imos contar no Nadal

Velaquí unha nova actividade para o Nadal. Esta creeina para que os máis pequenos practiquen contando con obxectos propios do Nadal. Só hai que arrastrar o número de obxectos que cada actividade indica e o propio xogo corrixe a actividade premendo no botón "Comprobar".

Tedes un menú mediante o que acceder a actividades para contar de 1 a 5 ou a outras de 1 a 9.

Como sempre, premendo na imaxe o xogo abrirase nunha xanela nova.

Espero que vos guste!!

Xogo "Atopa as diferenzas"

Tráiovos un clásico xogo de atopar as diferenzas que veño de crear con imaxes de Nadal porque xa o temos á porta.

En cada un temos que localizar 5 diferenzas na imaxe da dereita tendo á vista como modelo a imaxe na esquerda. E mesmo deixei pistas por se alguén se atranca e non dá localizado todas.

Tamén podedes atopalo, como tantos outros recursos, na web de Aulas Galegas, o colectivo de mestres e mestras que creamos contidos didácticos completamente de balde e para a promoción da lingua galega e que formamos a raíz do confinamento. Nela podedes atopar recursos para todas as etapas educativas e para todas as materias.

Espero que o disfrutedes!!

Premendo na imaxe o xogo abrirase nunha nova xanela.

 

25-N Día pola eliminación da violencia de xénero

O 25 de novembro de 1960 na República Dominicana  as irmás Mirabal, Patria, Minerva e Mª Teresa, que loitaban pola liberdade política no seu país foron asasinadas por orde do ditador Rafael Leónidas Trujillo.  

O 17 de decembro de 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A ONU convidou a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gubernamentais a organizar actividades dirixidas a sensibilizar á poboación en xeral no tocante a este problema.

A violencia de xénero é unha forma moi dura de discriminación pero o peor é que mesmo pode chegar a matar, a facer que unha muller ou unha nena falten na súa casa, na súa familia, pola mera circunstancia do seu xénero, por un acto machista.

As mulleres debemos ter liberdade para poder saír, entrar, pasear, festexar, opinar, … sen que ninguén crea que pode reprimirnos, gobernarnos, ou directamente eliminarnos.

Podedes decargar o documento adxunto editado polo Ministerio de Igualdade que axuda a recoñecer os primeiros signos de maltrato e tamén orienta sobre que facer a continuación.

Querémonos vivas e libres!!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

20 anos do "Prestige"

O buque Prestige, cargado con 77.000 toneladas de fuel, naufragaba frente á costa de Fisterra o 13 de Novembro de 2002.

Pedía axuda cunha rotura no seu casco pola que o fuel empezaba a saír ao mar. As autoridades españolas mostraron unha indecisión pola que non foron quen de actuar de xeito que se lograse impedir a catástrofe e 6 días despois, o 19 de Novembro, o Prestige partíase en dous e afundía a uns 250 km da nosa costa.

Isto provocou non unha, senón ata 4 mareas negras, e o chapapote emporcallou as nosas praias, matou a nosa fauna e empobreceu a economía da nosa xente do mar e, por conseguinte, a de todos.

Este desastre ecolóxico chegou mesmo ás costas portuguesas e francesas.

Calcúlase o custo das consecuencias do naufraxio do Prestige en máis de 4.000 millóns de euros. Meditade un momento nesa cifra, neses cartos, dá vertixe, nonsí?

Creei este vídeo interactivo con información sobre esa catástrofe para que o lembremos e aprendamos desa tráxica experiencia. Nel atoparedes varias actividades para desenvolver.

Nunca Máis!!

Bo Nadal e Feliz Aninovo

Cos nosos mellores desexos

 

3 de Decembro: Día da Discapacidade

     O 3 de Decembro é a xornada na que se celebra o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. O obxectivo desta delebración é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade e, ao mesmo tempo, concienciar sobre a situación destas persoas en todos os aspectos da súa vida diaria.

     Neste ano 2020 o lema é "Un día para todos" coa intención de que que entendamos que a discapacidade é unha cuestión de todos e todas, xa que forma parte da propia condición humana e iso fai que todos e todas, nalgún momento da nosa vida, podamos experimentar unha discapacidade temporal ou permenente e é labor nosa lograr que a sociedade estea preparada para iso.

     A Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade foi aprobada no ano 2006 e asinada por 180 países e di: "A accesibilidade e a inclusión das persoas con discapacidade son dereitos fundamentais".

     Dende esa Convención pídese que as pesoas con discapacidade podan levar unha vida independente e participar activamente no desenvolvemento da sociedade para o que se solicita aos diferentes Estados que tomen medidas apropiadadas para garantir pleno acceso á actividade cotiá así como eliminar todos os obstáculos que dificulten a súa integración.

      Se premedes nesta imaxe visitaredes a páxina da Federación Galega de Dano Cerebral que promove este ano, entre outras moitas organizacións, a iniciativa "Baixo o mesmo paraugas" que consiste en que vos tomedes unha foto baixo un paraugas colorido e a fagades circular polas redes sociais.

      Nesta outra imaxe atoparedes a aportación de Aulas Galegas, á que pertenzo, para este día. Xa sabedes que somos un colectivo de profes que creamos materiais educativos pero sempre en lingua galega e sen ánimo de lucro. 

 

      E, xa que vén choiva, velaquí unha moi interesante e moi apetecible escolma de vídeos que tratan o tema e que son especialmente apropiados para o público infantil, déixoo como arquivo adxunto. Descargádeo e veredes que é interactivo, podedes ir premendo sobre o vídeo, sobre a peli, que queirades ver.

      E por último, para máis información sobre este tema, estes enlaces:

Ler o manifesto deste ano.

Sitio web das Nacións Unidas.

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade na Wikipedia.

 

Xogo do Samaín

Ola a tod@s!!

Xa temos aquí o Samaín, a celebración milenaria que está rexurdindo con moita forza dende hai xa uns anos. Pois se queres comprobar canto sabes sobre o Samaín velaquí tes este xogo co que poderás abrir a porta que conecta co mundo dos espíritos, pero sentidiño!! Que hainos bos pero tamén malos…

Premede na imaxe e abrirase unha nova xanela para xogar.

Saudiños e saudiña. 

Xogo do Samaín

 

 

Distribuir contido