I XORNADA DE DEBATE SOBRE RESPONSABILIDADE E MEDIOAMBIENTE.

26/04/2019 11:15
26/04/2019 12:05
Europe/Madrid

O vindeiro venres, 26 de abril de 2019, ás 11:15, no noso centro, teremos o pracer de ser a sede dun debate, destinado a alumnado de 5º e 6º, e de 1º e 2º da ESO do IES Fernando Blanco,  e a todo o profesorado, pais, nais e familiares que podades estar interesados ou interesadas nesta charla. 

O inicio da charla terá lugar coa exposición dunha reportaxe, elaborada pola xornalista Sabela Romar (que nos acompañará en persoa nesta xornada) sobre Greta Tunberg, a activista sueca que, con tan só 15 anos, comezou a primeira folga escolar polo clima, en agosto de 2018, e que por sí soa iniciou un proceso que a día de hoxe tén repercusión mundial. 

Preténdese realizar unha xornada de reflexión coa que axudar a espertar e fomentar o pensamento crítico en xeral, e, en particular, o pensamento sobre o dereito a vivir nun planeta sustentable e as accións coas que podemos contribuir ao mesmo. 

Agradecemos enormemente a iniciativa e contribución nesta actividade de María Bella, Sabela Romar, a Asociación Boca de Sapo e a Anpa Alén. 

Nos arquivos adxuntos podedes ver o cartaz sobre o evento. 

XOGOS POPULARES E PARTIDOS DE DOCENTES CONTRA DISCENTES.

O pasado venres, 12 de abril, vimos de celebrar un dos xa tradicionais eventos no noso colexio. Coma xa hai uns anos, o venres antes de Semana Santa as actividades lectivas transfórmanse nunha xornada de xogo, tradición, rivalidade e diversión. 

Entre as 10:00 e as 11:30, aproximadamente, todo o alumnado e profesorado do centro desfrutou dunha sesión de xogos populares. Coordinados por Laura, a mestra de Educación Física, e coordinados polos máis maiores do centro (o alumnado de 5º e 6º exercían como monitores e monitoras), o alumnado, dende 3 anos a 4º, desfrutaron dunha sesión entre carreiras de sacos, xogos de bolos, chapas, catro esquinas, tiro de aros, bolos, carreiras con zancos... A diversión estivo asegurada para todos eles, que sempre agardan con ansia a chegada deste día. 

 

A continuación, tódolos cursos, un por un, se bateron contra o profesorado en diversas competicións. Primeiro e segundo, en competición de pano; terceiro e cuarto, en brilé; e, por último, 5º e 6º, en fútbol. 

O resultado foi unha xornada altamente divertida, que grandes e pequenos vivimos con gran intensidade. 

Nos arquivos adxuntos, atoparedes fotografías do evento. Iremos subindo máis a medida que dispoñamos delas. 

 

ORGANIZACIÓN DO CENTRO O VINDEIRO VENRES, 1 DE MARZO DE 2019

01/03/2019 10:00
01/03/2019 13:30
Europe/Madrid

Vista a previsión do tempo para o vindeiro venres 1 de febreiro, o Festival de Entroido realizarase dende a Casa da Cultura de Corcubión, e non dende o colexio. 

O horario previsto, será o seguinte:. 

 

10:00h. - Recibimento do alumnado na Casa da Culura. 

10:00 a 10:30 -  Disfrazámonos. 

10:30h. - Se o tempo o permite, realizaráse un pasarrúas polo pobo. O itinerario previsto podedes velo nos arquivos adxuntos. 

De non ser posible este desfile, polas condicións climatolóxicas, realizaráse dentro da Casa da Cultura, igual que o ano pasado. 

11:15h. - Inicio das actuacións na Casa da Cutura. 

12:15h. (aprox) - merendola, a cargo da ANPA e familias. 

13:15h. - Volta ao colexio para usuarios e usuarias do servizo de comedor. 

 

Queremos dar as grazas, coma sempre, á ANPA, ao Concello e ás familias de alumnado pola vosa colaboración nas actividades. 

 

Desexámosvos a todos e todas un moi feliz entroido!!!

 

 

DÍA DE ROSALÍA E SAÍDA AO MONTE DE 1º E 2º

 

 

 

O 24 de febreiro, tódolos galegos e galegas estamos de noraboa. Celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro: muller, pioneira, galega, e unha das principais responsables do rexurdimento galego, e, polo tanto, da conservación da nosa cultura. 

 

Como este ano o 24 será o domingo, no colexio celebramos hoxe, venres 22. Con tal motivo,, elaboramos un cartel, que enchemos de flores e bolboretas, unha por cada alumno/a, e ao que lle puxemos unha bonita estrofa de Rosalía, con cheiro a infancia.

 

"Aquelas risas sin fin

aquel brincar sin dolor, 

aquela louca alegría, 

por que acabou?"

 

Ademáis disto, os cativos e cativas de Primaria, os discentes de 1º e 2º, realizaron unha saída ao monte, na que non desaproveitamos a oportunidade de facer a nosa particular homenaxe á nosa ESCRITORA.

 

A saída de 1º e 2º.

Como xa contamos noutras ocasións, a asociación Boca de Sapo, (que está realizando un  gran labor en prol da deseucaliptización, á par que buscan realizar un labor educativo), invitou ao noso colexio a participar da prantación de froiteiras e especies autóctonas que están realizando neste momento nun dos montes do concello, coa axuda deste.

 

Xa publicaramos anteriormente outras actividades que, xa dende o pasado curso, e tamén este, se realizaron en colaboración con esta asociación.

 

Esta vez, a actividade consistiu en sair prantar carballos cos nosos cativos e cativas.

 

Todo comezou durante os meses de outubro e novembro, no que recollemos e prantamos algunhas castañas e landras coa esperanza de crear un pequeno viveiro. Das máis de 20 sementes que puxeron, medraron dúas.... así é a natureza. Pero non hai que darse por vencidos!!

 

Na asociación tiñan outras prantas que foron doadas por xente que quixo colaborar neste labor. Así que dispuxemos delas e... alá fomos!!!

 

Subimos ao monte camiñando, e de camiño aproveitamos para ir buscando especies de prantas coñecidas.

 

Xa no monte, agardábannos Alex e Paco, de Boca de Sapo, que estiveron colaborando con nós en todo momento, aprendéndonos os traballos que había que facer no monte e amosándonos as prantas que xa había alí.

 

Entre elas, vimos un teixo, acivros, unha oliveira, castiñeiros e carballos. Tamén aprendemos cales son os eucaliptos e as acacias, e explicáronnos algunhas das razóns polas cales non son favorables para os nosos montes.

 

Paco, amosounos como se podaba unha árbore, xa que o teixo tiña pólas que estaban precisando ser cortadas.

 

A continuación da breve charla e un descanso para levar algo ao corpo, comezamos coa prantación.

 

Primeiro, aprendemos a prantar, en gran grupo. Puxemos dous carballiños que recibiron o nome de “ Carballo de prata” e “ O carballo de 1º e 2º”.

A continuación, dividímonos en grupos de 9. Un dos grupos foi con Bárbara, outro con Martina e outro con Alex e Paco. Así, espallámonos polo monte para sementar prantas.

 

Ao finalizar, quedaba unha das dúas pequenas árbores que trouxeramos do cole. Decidimos prantala xuntos, e poñerlle o nome de “Rosalía”. E todos xuntos, arredor, recitamos unhas coplas da autora que leva o seu nome, que tiñamos previamente preparadas. Foi unha bonita homenaxe e o broche de ouro a unha actividade que fixo as delicias de grandes e pequenos.

 

Á próxima, invitarémosvos. Podedes ver, nos arquivos adxuntos, as fotos do día de hoxe. 

 

 

 

 

ENTROIDO NO CEIP PRAIA DE QUENXE.

01/03/2019 10:00
01/03/2019 13:30
Europe/Madrid

Estimadas familias:

 

O vindeiro VENRES 1 DE MARZO, o CEIP Praia de Quenxe, xunto coa Escola Infantil Municipal de Corcubión, celebraremos o Festival de Entroido na Casa da Cultura do Concello, evento ao que INVITAMOS a toda a comunidade educativa.

 

Para este día precisamos a aportación das familias, como viñemos facendo os últimos anos. Pedimos que cada neno/a aporte uns pouquiños (2 ou 3 unidades) doces de entroido para ese día (filloas, orellas, rosquillas...). Debedes levalos directamente á casa da cultura pola mañá e a ANPA encargarase de organizalos para que todos/as poidades degustalos o día da celebración. Se fose posible, facédeos chegar en envases de usar e tirar ou poñédelles o nome a tódolos utensilios que enviedes para facilitar a devolución.

 

Queda totalmente prohibido entrar con comida ou bebida no salón de actos da Casa da Cultura.

Se fose posible, habilitarase, para a degustación, a mesma sala empregada durante o festival de Nadal.

 

Para levar a cabo este programa cóntase cunha redución de xornada autorizada (10:00-13:30).

Ao remate da xornada (13:30h) o alumnado, segundo corresponda, dirixirase ao autobús en compañía do profesorado para asistir ao comedor ou ben poderán marchar cos seus responsables directamente desde a casa da cultura, sempre avisando aos mestres responsables (titores).

En caso de marchar antes de que finalice toda a xornada, é necesario firmar unha autorización de saída.

O horario de comedor será de 13:30 a 15:00h.

 

Na vindeira semana enviaremos o programa co horario e orde de actuacións.

 

…………………………

ROGAMOS, que as familias se coloquen da oitava fila para atrás e que non invadan o corredor central para non interferir o normal desenvolvemento da actividade. Grazas.

…………………………

 

Aproveitamos para desexarvos un feliz entroido.

 

SAÍDA DOS NENOS E NENAS DE 3º E 4º Á PISCIFACTORÍA

Seguimos a coñecer o noso contorno.

Desta volta, o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria achegámonos a coñecer as instalacións de Stolt Sea Farm en Quilmas. 

Ao longo da mañá, visitamos todas as instalacións desta piscifactoría, acompañados de Fran e Jose. Puidemos ver o proceso de crecemento do rodaballo desde que é unha pequena larva ata que chegan ao peso e tamaño correcto para poder comercializalo.

Queremos agradecerlles ás traballadoras e traballadores a súa colaboración e polos agasallos que lles entregaron ás nenas e aos nenos.

Para poñerlle a guinda ao pastel, fomos a un dos enclaves máis destacados da Costa da Morte: a Fervenza do Ézaro. Unha pequena parada para despedir un bo día de aprendizaxe.

 

CONTACONTOS NA BIBLIOTECA.

Faltounos tempo para facer crónica do luns, e aí vai. Por cortesía da editorial SM, o pasado luns visitounos na biblioteca, como contacontos, a actriz Sabela Gago. Fixo as delicias dos e das cativas do centro, relatándonos a historia sobre un neno que nuuunca, nunca estaba contento co que lle tiña... Implicou aos e ás discentes en diversos xogos participativos e pasárono en grande.

Dende aquí, queremos agradecer a oportunidade de recibir no centro a profesionais coma esta que axudan a dinamizar e alegrar a vida do centro ao tempo que amosan as súas espectaculares habilidades para contar historias.

Adxuntamos algunha fotos do evento. 

SAÍDA DE CAMPO DOS NENOS E NENAS DE 3º DE EDUCACIÓN PRIMARIA.

Ao longo da mañá do día 12 de febreiro, os nenos/as de 3º de primaria saíron á parcela (pertencente ao concello), xa libre de eucaliptos, que a Asociación "Boca de Sapo" está a traballar para recuperar o bosque autóctono.

Durante a saída realizaron fotografías de animais e plantas que, posteriormente, clasificarán na aula en fichas que se recollerán nun pequeno caderno de campo.

Desde a aula de 3º agradecen a "Boca de Sapo",  e en especial a Serxio, María e Paco pola súa colaboración.

 

Xúntanse fotos nos arquivos adxuntos. 

CHAMAMENTO PARA SOLICITAR CHAVEIROS E CALENDARIOS CON FOTO FÓRA DE PRAZO.

Aínda que venceu o plazo, encontramonos con varios pais e nais que nos comentan que se despistaron de entregar o papel para dacer as fotos e os calendarios dos sus rapaces ou rapazas do centro, ou que mesmo que perderon o papel.

 

Non hai problema.

Os que queirades as fotos, enviade un whatsapp ó teléfono 636012183 (susana) que aínda estades a tempo.

 

Vos recordamos que todo o que se recaude se vai destinado a actividades para os vosos fillos.

Día escolar pola Non - Violencia e a Paz.

Hoxe, mércores 30 de xaneiro de 2019, como tódolos anos, celebramos no noso colexio o "Día escolar da Non Violencia e a Paz". 

Como a temática arredor da que xiran as nosas actividades durante o presente curso é o mar, neste día da Paz fixemos un mar no colexio. Un mar cheo de peixes de cores. Cada peixe é un de nós, e tódolos peixes nadan en harmonía cara a mesma dirección. 

Así, representamos a intención da nosa comunidade educativa en formarnos cidadáns e cidadás críticos e comprometidos cos seus dereitos e cos dos demáis, e lembramos a necesidade de expresar as frustracións sen recorrer á violencia,así como da preocupación polos sentimentos dos demáis, desenvolvendo a nosa empatía.

Ademáis de colocar os nosos peixes de cores no noso mar, tamén asistimos á representación do conto “Nadarín”, que os e as discentes de 5º e 6º cursos escenificaron con marionetas nun pequeño teatriño, despóis do cal todos xuntos cantamos unha canción con contidos pacíficos, como é “Chea de vida” de Guadi Galego.

Tódolos días está presente na nosa escola o traballo sobre unha adecuada expresión dos sentimentos, sen caer en violencias, e sobre a empatía cos compañeiros e compañeiras. Os valores de convivencia e de traballo en equipo son a nosa prioridade. Aproveitamos cada oportunidade para lembralo, xa que vivimos momentos nos que a violencia está á orde do día, e é necesario seguir formándonos, cativos e maiores, en conxunto, para mellorar esta situación.

Nas distintas aulas e departamentos, tamén se realizaron, ao longo da semana, distintas actividades para reforzar todos estos contidos, aproveitando a proximidade desta celebración. Entre elas, o obradoiro de papiroflexia que Helio e Carolina, compañeiros de 3º curso, ofreceron en tódalas aulas de Educación Primaria, e no que elaboramos unhas bonitas pombas, símbolo universal da Paz, que agora adornan o alto dos nosos corredores.Tamén a exposición na biblioteca de contos que traballan contidos de paz e non violencia, que estiveron á disposición de alumnado e profesorado xa desde a pasada semana.  

Achegámosvos, nos arquivos adxuntos, as fotografías que tomamos nesta ocasión. Aproveitamos para mandarvos un agarimoso saúdo a toda a nosa comunidade educativa.

 

 

 

Distribuir contido