Skip to main content

ASESORÍA DE BIBLIOTECAS

CARTAZ BIBLIOTECAS ESCOLARES 2021/22

 
 
 A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2021/2022. O lema elixido, A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA, quere poñer o foco na palabra e a oralidade. 
 
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2021-2022 é obra do ilustrador, escritor, deseñador e artista visual Pablo Otero, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en formacións e obradoiros.
 
Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan o alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 
 
Máis aínda, como instrumentos a favor da equidade, as bibliotecas dos centros educativos deben procurar o acceso igualitario ao coñecemento e uso do léxico que garante unha mellor comprensión lectora, toda vez que os expertos nos falan da diferencia abafante entre o número de palabras que contén o léxico do alumnado de infantil en función dos contextos familiares, diferencia que marca xa as posibilidades de éxito fronte á lectura. 
 
Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 
 
A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade. 
 
 
 

ORGULLOSOS DA NOSA BIBLIOTECA LÍA. 2!!

CHEGAR A ONDE ESTAMOS NON FOI DOADO, PERO A CREACIÓN DUN GRUPO ESTABLE DE PROFESORADO, SEMPRE ARROUPADO POLO ALUMNADO VOLUNTARIO, LEVOU Á BIBLIOTECA CARLOS LABRAÑA A SER UN REFERENTE. SOMOS UNHA BIBLIOTECA LÍA.2, NA QUE ADEMÁIS DE LER, A COMUNIDADE EDUCATIVA PODE ARGALLAR: COSER, PROGRAMAR, IMPRIMIR EN 3D, DRAMATIZAR, EXPLORAR... INVESTIGAR. DENDE HAI ANOS A VIDA DA NOSA BIBLIOTECA ESTÁ ABERTA ÁS FAMILIAS, AO POBO E ENLAZADA Á VIDA DAS OUTRAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DO POBO, CREANDO COMUNIDADE. INICIATIVAS QUE SE CONCRETAN EN TRABALLOS POR PROXECTOS INTERCENTROS, RADIO ESCOLAR, FORMACIÓN DE USUARIOS, APADRIÑAMENTOS LECTORES.... ASÍ NACERON PROXECTOS PREMIADOS POLA ASESORÍA COMO: "MARES DE CEDEIRA", "DE FESTAS POLA VILA", "CRÓNICAS...", "PEGADAS NA IAUGA".

ESTE ORGULLO QUE TEMOS, VÓLTASE AGRADECEMENTO CARA A ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES, POIS SOMOS CONSCIENTES DE QUE ESE BO FACER FOI RECOMPENSADO CON AMPLIACIÓN DE ESPAZOS E MATERIAL. NÓS CONTINUAREMOS COA NOSA MIRADA FIXA NA AMI (Alfabetización Mediática e Informacional), PRIORIZANDO A PRODUCIÓN PROPIA DO ALUMNADO. GUIANDO OS SEUS PASOS PARA AXUDALOS A SER CRÍTICOS COA INFORMACIÓN QUE MANEXAN. INTEGRANDO A TODOS, TODAS E CADA UN, POIS XUNTOS SOMOS MELLORES. E, SOBRE TODO, OFERTANDO E CUBRINDO AS NECESIDADES DE LER, DE DESCOBRER, DE IMAXINAR.

ENTRADA ASESORÍA

Distribuir contido