Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

2º Educación primaria

CONTOS DE BOCA

O pasado 16 de xaneiro recibimos na aula a Juana, a nai de Roque para contarnos o primeiro conto do trimestre. Ela, narrounos as trepidantes historias de Pinocho. Algún e algunha xa viran a película ou leran o conto polo que sabían moito de todos os sucesos que lle ían acontecendo e  por isto, por momentos foi moi complicado non facer spoiler. Aínda así, non perdemos o interese xa que Juana cautivounos coa súa forma de contar!

Volverá no terceiro trimestre, pero esta vez a contarnos un conto que propoñan os nenos e nenas!

GRUPOS INTERACTIVOS XANEIRO

Iniciamos o trimestre e con el os grupos interactivos!

Estas semanas traballamos unha variedade de propostas lingüísticas e matemáticas.

En mar de palabras, afondamos na gramática: singular e plural, feminino e masculino, incluso repasamos as palabras primitivas e derivadas. Tamén houbo tempo para a expresión e comprensión oral a través dunha adaptación do coñecido xogo "Que teño no coco?" e para a ortografía reforzando o uso do "r" suave e do "r" forte tamén a través dun xogo, o tradicional xogo da oca. 

En matemáticas sempre intentamos que haxa propostas de cálculo mental, nesta ocasión foron duas: por unha banda, un xogo de dados "Math dice", no que os nenos e nenas tiñan que usar os máximos posibles para conseguir unha cantidade dada realizando diferentes operacións e por outra, os "crucinúmeros" -unha actividade semallante aos crucigramas pero con números- nos que traballamos as operacións de +1, -1, +10 e -10. Ademais repasamos o sistema monetario e a composición e descomposición de números de 3 cifras con material manipulativo.

Grazas familias por facer posible esta actividade, este momento da semana é moi esperado polos nenos e nenas!

AS PEGADAS DO TEMPO

Rematamos o curso pasado cunha magnífica feira científica na que presentamos á comunidade educativa todo o que aprendemossobre a orixe do mundo: Big-bang, aparición das primeiras formas de vida... e xustamente este ano empezamos no momento da liña do tempo no que o deixamos o ano pasado: a prehistoria.

Para isto, empezamos coa rutina de pensamento: vexo, penso e pregúntome que nos serve entre outras cousas, para explorar ideas e construír debate a partir das ideas xeradas.

Realizamos esta rutina a partir de diferentes imaxes do paleolítico e nos equipos cooperativos. Unha vez suscitada a motivación inicial, a través de diferentes fontes, sobre todo fontes audiviosuales fomos avanzando neste momento histórico.

A aparición do lume, a invención da roda... foron algúns dos acontecementos fundamentais que aprendemos sobre esta epoca. Algo que nos chamou moito a atención foi a arte rupestre, puxémonos ao choio e fixemos a nosa propia versión deste tipo de arte.

 

A maiores, e relacionado con isto, Thais contounos que estivera na cova de Altamira e alí puido observar pinturas rupestres de verdade.

Aproveitamos que teniamos unhas lentes de realidade virtual no cole e coa axuda da profe Iria viaxamos todos ata Altamira! Foi unha experiencia xenial!

Despois de todo isto demos paso á Idade Antiga, onde tivo lugar a aparición da escritura, aprendemos a súa evolución e fixemos unha réplica dunha tablilla de escritura mesopotámica. Esta escritura era pictográfica, é dicir, utilizaba pequenos debuxos e aos poucos foi evolucionando ata o primeiro alfabeto.

Tamén aprendemos sobre Exipto e os faraóns, e sobre Grecia e Roma e organizamos toda a información en pequenos esquemas con palabras clave inicándonos deste xeito no tratamento da información.

 


Neste segundo trimestre remataremos co estudo das etapas da historia comezando na Idade Media!

 

CAMBIOS NA AULA

Este curso grazas a que fomos admitidos no programa de innovación educativa da Consellería: EDUINNOVA, estamos a conseguir dar un pequeno cambio nas aulas de 1º e de 2º de Educación Primaria, tentando construír espazos máis acolledores que faciliten a aplicación de metodoloxias activas así como adquirindo materiais didácticos manipulativos para favorecer as aprendizaxes.

Un día recibimos uns paquetes bastante grandes na aula e claro o interese foi enorme!

En canto os abrimos vimos que eran uns pequenos taboleiros de madeira que non sabiamos moi ben para que servían... menos mal que nos traían as instrucións para a súa montaxe e cunha pequena axuda puxémonos ao choio: interpretación de texto instructivo, razoamento espacial…

Todos e todas formamos parte destes pequenos cambios.

FOTOS NO CROMA

Nestes últimos días de clase aproveitamos o croma para facer unhas divertidas fotos con paisaxes de Nadal. Sen dúbida, a que máis lles gustou aos nenos e nenas de 2º foi a do Polo Norte/inverno. Houbo quen dixo que cando a viran na casa dirían: que facíades aí con ese frío tan pouco abrigados/as? Quedaron uns bonitos recordos! 

CONTOS DE BOCA

Este trimestre en “Contos de boca” tivemos dúas visitas moi especiais, por unha banda, Juana, a nai de Roque a cal non nos contou unha historia nin dúas, senón tres! Estas tres historias máis concretamente eran fábulas, falounos de que as fábulas estaban protagonizadas por animais  e que sempre ao final, nos proporcionan unha ensinanza.

As tres fábulas que nos contou tiñan un mesmo protagonista: o raposo!

Encatáronnos tanto que lle pedimos que nos deixase o libro en clase para poder lelas outra vez. 

Por outra, Sonia, nai de Paula, que nos contou “Aventuras dunha pinga de auga”, este conto trata dunha pinga que viviu durante moito tempo baixo terra e un día quixo sair a ver a luz. Nesta aventura vaise atopando con outras personaxes: outras gotiñas de auga coas que forma un río, vaquiñas, unha nena… é unha fermosa historia de agradecemento.

Paula tamén nos emprestou este conto para a biblioteca de aula e que puideramos gozar del noutros momentos.

 

Grazas por acompañarnos e por facer destas horas de ler un tempo compartido e especial.

Esperámosvos no vindeiro trimestre.

CONMEMORAMOS O DÍA DA DIVERSIDADE

A pasada semana conmemoramos no centro O Día Internacional das persoas con Diversidade. Como o fixemos? Pois partimos dun fermoso conto " O cazo de Lorenzo" que nos fai reflexionar sobre a diversidade. Lorenzo sempre leva consigo un cazo o que lle dificulta o seu día a día e por iso termina por esconderse dos demais, mais un día se atopa con alguén que ve ese cazo como unha fortaleza e consegue que volva a crer nel mesmo. 


A partir do conto falamos sobre cantas veces nos sentimos así e tamén sobre cales eran os nosos cazos, é dicir, as nosas dificultades, ademais, valoramos tamén os nosos puntos fortes. Foi un momento de compartir e de sinceridade. Todo o falado, plasmámolo nunha ficha.

A maiores desta actividade vimos varios videos de artistas con algunhas dificultades motoras e que pase a iso eran quenes de facer verdadeiras obras de arte cos seus pés. Quedamos verdaderamente abraiados e abraiadas. Logo disto, nos puxemos pés a obra, para ver que seríamos capaces de facer nós no seu lugar. Foi unha experiencia marabillosa!

 

 

 

GRUPOS INTERACTIVOS

Nestas últimas semanas traballamos arreo nos grupos interactivos. En "mates en familia" xogamos ao cinquillo das centenas, traballamos a orientación espacial co xogo de mesa Ubongo, repasamos o anterior e o posterior de números de tres cifras e tamén seguimos a afianzar o cálculo mental. En "mar de palabras" repasamos o adxectivo, os campos semánticos, a ortografía de palabras con "h" e traballamos a comprensión lectora a partir de diversos caderniños interactivos de diferente temática: receitas de cociña, vestimenta de piratas, tesouros... 

Logo dos talleres sempre facemos unha avaliación sobre o nivel de dificultade, sobre as preferencias dunhas propostas sobre outras... e a verdade é que as opinións son moi diversas, como a nosa aula! O único no que estamos todas e todos de acordo é que nos encanta ter as familias a aprender con elas.

O vindeiro trimestre máis e mellor! Grazas!

 

 

GRUPOS INTERACTIVOS

É unha verdadeira sorte contar coas familias na aula, compartir con elas momentos e aprendizaxes, ver como dinamizan as diferentes propostas e como os nenos e nenas desfrutan coa súa presenza. Estas semanas en “Mar de palabras”, onde traballamos sobre todo as áreas lingüísticas, estivemos a afianzar o proceso lectoescritor con actividades de conciencia léxica ou de ortografía, traballamos tamén sinónimos e antónimos, a orde alfabética ou o xénero e o número. En “mates en familia” traballamos os procesos psicolóxicos básicos de atención ou memoria a través de xogos de mesa, e tamén a numeración e o cálculo mental. Moitas grazas, familias!

2º EP - Adaptación da programación didáctica curso 2019/20

Seguindo as Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación  Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, adáptase a programación didáctica do presente curso, puidéndose consultar no arquivo adxunto.

Distribuir contido