Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Infantil

O PATIO

Pero o mellor é o patio: o camión, o areeiro, o esbaradoiro....mentres nos dure o bo tempo, claro....

RECÉN CHEGADAS/OS

Comezamos polos nenos e nenas que acaban de chegar ao cole. Houbo choros, risas, chamadas por mamá, por papá, empurróns, apertas....e tamén debullamos as fabas, collimos noces coas pinzas, coñecimos a asemblea, pintamos, xogamos....

INICIO DE CURSO

Iniciamos este curso co cartel de ABERTO POR ALEGRÍA e co encontro coas familias para explicarlles que faremos, como o faremos e sobre todo....pedirlles COLABORACIÓN....aínda que xa sabemos que contamos con todas e todos vos !!!.

CONTAMOS

CLAUSURA DO PROGRAMA CONTAMOS

    Coa historia dunha quenlla desdentada amiga dun polbo ferreiro, rematou o Programa Contamos do curso 2015-2016. Para pechalo tivemos a fortuna de desfrutar da compaña de Indalacio Cabana Leira,  Xefe Territorial da Consellería de Educación e, polo que puidemos ver, experto narrador de contos marinos. Con él, os nenos e as nenas de infantil de Centieiras navegaron polos mares preocupados pola azarosa vida da quenlla. Ao final, e xa coa grande axuda recibida do amigo polbo, o alumnado respirou con alivio e puido recompensar ao narrador cun fermoso cadro dun merlo afanado en comer cereixas, da autoría da clase de sexto de infantil, que, ademais, recitou un poema para todos os asistentes. E foron moitos, pois estaban con nós no colexio o noso alcalde, Juventino Trigo; os concelleiros, Amalia García e César Daniel Castro; as directivas da ANPA Ángeles Coira e María Permuy;  e a inspectora do centro, Elena Urtiaga (que foi quen no seu día inaugurou o Programa Contamos). O escollido, como non!, foi  o poema que inspirou o cadro,  O Merlo, de Manuel María, autor co que este ano celebramos as Letras Galegas.

Grazas a todos! Grazas a todas as persoas que, desde fóra da nosa escola, viñeron á nosa biblioteca e son así xa membros da nosa comunidade! Grazas ao traballo do equipo de profesorado de educación infantil  e, sobre todo, moitas grazas aos nenos e nenas de Centieiras por permitirnos gozar dunhas xornadas literarias e pictóricas tan espléndidas!

 

O Equipo de Biblioteca do CEIP Centieiras

 

 

           

           

EXPOSICIÓN DE MALALA

Na nosa biblioteca poderedes contemplar as láminas que se utilizaron para  facer a película de Malala. Pasade por alí e veredes que artistas hai neste centro.Se clicades na imaxen veredes unha pequena mostra.

8 de MARZO, D'IA DA MULLER

Durante a primeira semana do mes de marzo tivemos moita actividade. Coñecimos a historia real de MALALA, fixemos traballos sobre ela, debuxos sobre a súa vida e estamos a rematar un mural no patio cuberto...Todo porque conmemoramos o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Tamén escoitamos o relato A CENICIENTA QUE NON QUERÍA COMER PERDICES que nos contaron as nenas e nenos de 5º de Primaria e vimos un conto sobre a vida de Malala.

 

Sabemos que as mulleres e os homes, as nenas e os nenos somos iguais en dereitos, oportunidades e temos as mesmas expectativas. Foi un día magnífico e aprendimos cousas que non esqueceremos.

 

VISITA Á EXPOSICIÓN "METÁFORAS VISUAIS " DE ROMÁN MONTESINOS

 

 O día 17 de febreiro fomos á Casa da Cultura do Concello. Alí visitamos a exposición de fotografía de Román Montesinos titulada "Metáfora visual". Tivemos a sorte de que o autor nos acompañara e nos explicara as súas metáforas e a forma de presentación de obxectos que "parecen unha cousa pero son outra". Miramos con moita atención as fotos, o catálogo, os títulos, TODO¡¡¡¡¡  e agora xa sabemos como preparar as nosas exposicións.

Ah¡¡¡ pero o mellor foi o camiño de ida e volta porque tamén viñeron as nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria que se fixeron cargo de levar da man a cada neno e nena de Infantil (fixérono tan ben que ao chegar ao cole aplaudímoslles)

 

Pelaba de frío....pero pasámolo moi ben.

 

CONTAMOS

Contamos” no Día de Rosalía.

 

            Para celebrar con nós o Día de Rosalía, e contarnos moitas historias do seu pobo mariñeiro, de Porto do Son, estivo en Centieiras Ánxela Franco, deputada provincial responsable da área de Educación, Benestar e Igualdade de Xénero. Recibírona  no colexio o noso alcalde, Juventino Trigo, e a concelleira de Educación, Amalia García. Nós aproveitamos para ensinarlle uns debuxos moi fermosos (ela díxonos que lle gustaban moito) que fixemos sobre unha estrofa dun poema de Rosalía. Debuxamos en todas as clases, así que xuntamos máis de duascentas obras de arte. Estamos tan orgullosas e orgullosos delas que vos convidamos a vilas ver cando queirades!

            A Ánxela regalámoslle o cadro que pintaron os nenos e as nenas de quinto de infantil, e ela convidounos a ir a Porto do Son, para ver Baroña,  os petróglifos, as lagoas...

 

CONTAMOS

Programa “Contamos”

 

            Tivemos xa a segunda sesión de “Contamos”.

 

            O martes, 26 de xaneiro, estivo na nosa biblioteca Amalia García, concelleira de Cultura e Ensino do concello de Fene, acompañada por Ángeles Coira e María Permuy, directivas da ANPA do colexio. Amalia contounos un conto de animais e explicounos que lle gusta moito ler, aínda que pola súa profesión, non pode ler tanto como querería, e por riba está rodeada de libros, porque tén unha profesión preciosa: é libreira!

 

            Si, si. Tamén lle pintamos un cadro para que o levase. Era de chuvia e paraugas, porque estes días estivemos a xogar e a aprender coa chuvia! Gustoulle moito!

 

Contamos 2

 

 

Enlace:http://www.fenecidadan.net/actualidade/nova.php?id=3672&lg=gal

CONTAMOS

Programa “Contamos”

 

                        O ano 2016 tróuxonos a primeira sesión, neste curso, do Programa “Contamos”. O venres, día 22 de xaneiro, estiveron con nós o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a inspectora da nosa zona educativa, Elena Urtiaga. Reunímonos na biblioteca do colexio as alumnas e alumnos de educación infantil e primeiro de primaria e, alí, Elena contounos un conto moi moi fermoso, que xa lles tiña contado na casa aos seus fillos, e que sabía que a nós nos ía gustar moito: “Unha manchea de bicos”.

           

            Si, si, neste programa queremos que nos veñan visitar, para coñecernos todas aquelas persoas importantes para nós que teñan algo que desexen contarnos: un conto, unha historia, un poema… Aquilo que esas persoas sintan próximo e querido, como tamén nós queremos sentilas a ellas: próximas e queridas, por coñecérmolas e por formaren parte da nosa comunidade escolar.

 

            Sabemos que Elena e Juventino pasárono ben con nós, que lles gustaron os nosos regalos (un cadro para cada un, feitos polo alumnado da aula de cinco anos), e sabemos que volverán visitarnos, porque nolo prometeron.

Xa vos contaremos!

 

contamos 1

 

Enlace:http://www.ferrol360.es/o-ceip-centieiras-de-fene-acolle-a-primeira-sesion-do-programa-contamos/

Distribuir contido