8 DE MARZO: DÍA DA MULLER

O 8 de marzo celebramos o Día das Mulleres e quixemos representalas cunha prenda que é moi característica: as batas ou os delantais. Así que cada rapaz/a trouxo unha da súa mamá, avoa, tía, veciña, etc. e vestidos con elas recitamos poemas de Rosalía de Castro. Despois colgámolas pola verxa do colexio como símbolo presente durante toda esta semana. 

 

DÍA DE ROSALÍA

Celebramos o Día de Rosalía cun acto de recitado de poesías da autora, por parte de todas as nenas e nenos do colexio. Cadaquén recitou o seu verso e, entre todos e todas, quixemos lembrar ás persoas migrantes que houbo, hai e haberá, errantes polo mundo adiante en busca dunha vida mellor. 

As árbores do colexio quedaron repletas de postais con fotos de mulleres migrantes e versos que Rosalía escribiu e que perduran nos nosos corazóns.

Sempre viva, Rosalía!

O Ceip de Cedeira participa no Proxecto Ríos. Saída "Muíños e Regatos" da man de Álvaro.

Este último día de febreiro fixemos por fin a andaina prometida para observar, concienciarnos e limpar un tramo de ruta da Senda da Auga e río Fondón. Aprendimos moito da flora e fauna que viven nestas paraxes e, ademáis, participamos nunha acción de limpeza que deu como resultado un bo monte de residuos, sobre todo plásticos.

 

ENTROIDO 2020

Como cada ano celebramos o Entroido no Ceip de Cedeira. Este está adicado á alimentación e á reciclaxe, polo que os cursos disfrazáronse de froitas, cociñeir@s, ensaladas e pizzas. Todo o mundo festexou con alegría o percorrido polos camiños de Cedeira e tamén a queima do Meco. As lambonadas que prepararon as familias e que todos e todas degustamos, estaban boísimas. 

25 de novembro: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe no colexio quixemos proclamar a nosa oposición á violencia de xénero, por iso fixemos unha chea de actividades relacionadas. O primeiro foi entrar pola porta violeta que canta Rozalén e, entre todos os cursos, constuír dúas flores cheas de mans de colores de todo o alumnado. Nas aulas tamén traballamos sobre este tema, fixemos murais, vídeoforum, cancións, etc.


 

COLABORAMOS CO BANCO DE ALIMENTOS

O CEIP DE CEDEIRA: UN CENTRO VOLUNTARIO NA RECOLLIDA DE ALIMENTOS. 

O xoves 21 de novembro, Pedro, presidente do Banco de alimentos de Vigo, tivo a amabilidade de ofrecernos unha charla na que nos falou do labor que fan no Banco e na que aprendemos moito. En datas posteriores colaboraremos tamén co Banco de alimentos nas tarefas que levan a cabo no seu centro de Lavadores. Oxalá este labor non fose necesario, pero, de ter que facelo, cantas máis mans axuden, mellor. 

 

O alumnado de 6º colaborou na Gran Recollida Solidaria que organiza o Banco de alimentos de Vigo o venres 22 de novembro, en supermercados de Redondela. Esta recollida faise de forma simultánea en toda España e tamén a nivel internacional. 

Con esta acción queremos participar na visibilización do voluntariado como motor da sociedade, así como tamén poñer en valor o labor que fan os Bancos de alimentos para axudar ás familias que o necesitan porque non poden atender unha necesidade básica como é a alimentación. 

Este curso, o proxecto do colexio chámase "REALIMENTAXE", unindo o tema da alimentación e a reciclaxe, e por iso queremos coñecer máis a fondo a función dos Bancos de alimentos na nosa comunidade.

RECOLLIDA DE ALIMENTOS PARA O SAHARA

Somos un centro solidario e outro ano máis colaboramos coa Asociación de Amigos do Sahara na recollida de alimentos para enviar ás xentes que viven nese territorio do norte de África. As familias colaboraron enviando alimentos non perecedeiros e o alumnado de 6º foi polas aulas reuníndoos.

Grazas a todos e a todas!

 

 

MARGA MADERAL CAL: PREMIO ERNESTINA OTERO. "Loitando pola igualdade"

Mestra, feminista, solidaria, titiriteira... Marga Maderal Cal será galardonada a título póstumo co primeiro premio Ernestina Otero "Loitando pola igualdade" que concede o colectivo feminista de Redondela. Será no transcurso dun acto aberto que se celebra este venres 15 de novembre de 2019, ás 20:30 horas no Multiúsos da Xunqueira.

Un premio convocado polo colectivo feminista co gallo de recoñecer a mulleres pioneiras e relevantes do concello de Redondela, así como a entidades, colectivos, asociacións, empresas ou centros educativos que fomenten a igualdade real entre homes e mulleres do municipio.

A muller homenaxeada nesta primeira edición do premio será Marga, de quen se destaca a súa "vida chea de luz e forza feminista, responsable de marcar tantas xeracións de nenas e nenos na súa profesión como mestra", profesión que desenvolveu nos seus últimos anos no colexio de Cedeira. 

Estás nos nosos corazóns, Marga!

 

 

 

 

 

PROXECTO RÍOS. 2019-2020

O noso centro participa no Plan Proxecta co programa "Proxecto Ríos" en colaboración con Adega. 

Imos desenvolver actividades relacionadas co coñecemento dos entorno fluviais (flora e fauna), así como tamén a través da inspección, coidado e manemento dos cursos de auga que nos rodean.

As nosas accións centraranse en ríos da contorna, nos que realizaremos andainas, inspeccións, recollida de residuos que agochan "paraísos baixo o lixo".

Contaremos co apoio de membros da asociación ADEGA, que nos darán charlas e acompañarannos nas andainas e percorridos. Tamén teremos a colaboración de Álvaro Diego Fuentes, xurista especializado en formación ambiental, dereitos humanos e patrimonio etnográfico; que imparte o programa educativo "Muiños e regatos: Paraísos baixo o lixo" Algunhas destas actividades están subvencionadas pola Deputación de Pontevedra (Pontegal). 

Desde aquí poderedes seguir o noso traballo e tamén premendo na fotografía da dereita.

Charla "Paraísos baixo o lixo" a cargo de Álvaro co alumnado de 4º.

Powered by Drupal - Design by artinet