Skip to Content

Ed. Infantil

DE TODO UN POUCO...

Aproveitando que despois do Entroido estábamos todos un pouco cansos e cansas, decidimos facer diferentes recantos de traballo na aula. Así, empregamos dúas sesións nas cales cada un dos grupos debía pasar por cada recuncho e facer as tarefas que nel se pedían.

RECANTO 1: Programar a abella Bee Boot. Así, eles mesmos escolleron o taboleiro no que querían traballar, a meta a que querían chegar, o itinerario a seguir e os turnos á hora de programar. Para algún era o primeiro día con isto dos robots e, para a maioría, un recordo do traballo cos mesmos. Aínda así, cada día sorpréndenme máis. Sodes moi grandes pequenos xigantes!!!!

 

 

RECANTO 2: Memory.Queríamos incluír este novo material no recanto de xogos de mesa, así que, que mellor maneira de mostralo e coñecer o seu uso que facendoo todos/as á vez. Así, debemos tirar o dado, identificar a cor, sacar un "boneco" e ver se coincide co da nosa tirada. Se é así, xa temos un, se non, debemos ser capaces de lembrar onde estaba xa que o xogo non termina ata que todos esteñan fora. Finalmente, debemos contar quen ten máis e, ese, será o gañador/a.

 

 

RECANTO 3: Lego. Creamos as nosas propias construccións engadindo os engranaxes máis complexos para mellorar as nosas obras e permitir así o seu movemento.

 

RECANTO 4: ABN.  Facemos torres cos policubos e asociamos a cantidade á grafía correspondente.

 

RECANTO 5: Mesa de luz. A única premisa é disfrutar coa experimentación da luz e a creacción de diversas obras artísticas.

 

RECANTO 6: Xogo de coordinación. Este material aínda nos costa un pouco dominalo, pero confío plenamente que, en nada, serán expertos en realizar cada unha das súas tarxetas. Así, deben intentar coordinar os movementos e desprazamentos das fichas, para igualar o modelo da tarxeta escollida.

 

 

 

XOGAMOS NOS RECANTOS.

OS DA NOSA AULA.

Como xa sabedes, cada día, temos un tempo adicado a xogar libremente nos diferentes recantos da aula. Así, antes de comezar o traballo en cada espazo, debemos seleccionar un e anotarnos nel. Para isto, debemos localizar o noso nome entre todos os da clase, escoller recanto e ubicar a etiqueta correspondente nun cadro onde figuran os días da semana e os recunchos de xogo. Porén, temos unha serie de premisas:

- Non superar o número de nenos e nenas permitido no devandito recanto (algúns permiten tres e outros soamente dous).

- Non podemos repetir espazo ó longo da semana.

Así, debemos ser capaces de interpretar, con máis ou menos axuda, este rexistro diario, iniciándonos na interpretación de cadros de dobre entrada. Ó mesmo tempo, traballamos o recoñecemento do nome propio, os días da semana, a cantidade numérica, o respecto polas normas establecidas e a toma de decisións. CASE NADA!!!

Velaquí tedes algunhas imaxes do ben que o pasamos despois.

 

Recuncho de ABN. Traballamos a lóxica - matemática a través da manipulación de diferentes materiais.

 

Recanto dos xogos de mesa. O xeoplano, puzzles e os pinchos onde fundamentalmente traballamos a motricidade fina, entre outras moitas cousas como as figuras xeométricas, a igualdade, a correlación entre cores... Igualmente, contan con outros materiais pero xa os iremos mostrando pouco a pouco.

 

Recanto artístico. Nel realizan as súas obras máis orixinais empregando diferentes materiais e recursos artísticos. Velaquí os tedes facendo un bolso e, nada mellor que, en equipo.

CONTINUARÁ...

 

OS DO PATIO

Recanto de xogo libre.

 Xogos de mesa.

Xogo simbólico.

Recanto literario. Lecturas que continuan noutros momentos libremente...

  Non hai nada máis bonito no noso centro que estes momentos compartidosVergoña

Recanto artístico.  

ARTISTEANDO

ASÍ SOMOS NÓS.

 Comezamos creando un fondo libre con témperas ó ritmo de música clásica...COMO SE FOSEMOS AUTÉNTICOS PINTORES!!!

  

Posteriormente, debuxamos a nosa figura humana en papel de xornal e.....ESTE FOI O RESULTADO!!!

                    

 

ESCULTURAS MAGNÉTICAS.

Temos novo xogo no recanto das construccións e estamos a empregalo a tope. Encántanos facer as esculturas máis sorprendentes ó mesmo tempo que comprobamos as propiedades magnéticas dos nosos imáns.

 

   

 

OBRADOIRO DE GRAFISMOS.

Para comezar, necesitábamos debuxar a nosa man no centro do papel. Máis tarde, extenderíamos grandes liñas dende a punta de cada dedo ó fondo do folio para separar os espazos. Finalmente, e a elección dos nenos e nenas, realizaríamos en cada oco unha serie de grafismos. Algo moi sinxelo aparentemente, pero que para nós, é a mostra de que somos unhas máquinas.

    

 

 

PROXECTO BICHOS

Igualmente, co novo ano, comezamos andaina cun novo proxecto de traballo. Así, e tras unha longa e reñida votación, iniciamos investigación sobre "OS BICHOS". Nesta liña, reflexionamos sobre o que sabemos sobre os mesmos e sobre que queremos aprender.

Chegados a este punto, e tendo estes carteis sempre como referencia, creamos pouco a pouco o noso recanto de investigación sobre a temática. Neste sentido, ían chegando contos vinculados, libros científicos destinados a investigación, imaxes, pequenos e grandes murais e mesmo bichos de verdade que nos encargamos de coidar e alimentar periódicamente, aprendendo así sobre os coidados que precisan os mesmos.

MILLÓN DE GRAZAS FAMILIAS!!!!

DE MOMENTO (PORQUE AÍNDA NOS SEGUEN CHEGANDO COUSAS), ASÍ VAI O NOSO RECANTO....

E AGORA XA SÓ PODEMOS PENSAR EN BICHOS...

 

  

AÍNDA QUE ESTAMOS Á ESPERA DE QUE O TEMPO NOS ACOMPAÑE PARA FACER UNHA BÚSQUEDA MÁIS "PROFESIONAL", ADICAMOS O NOSO TEMPO DE LECER A DESCUBRIR BICHOS POR TODAS AS PARTES. FASCÍNANOS ATOPAR ALGÚN!!!

                    

ENCÁNTANOS VER AS IMAXES MÁIS REALISTAS DOS MESMOS, DESCUBRINDO NOVAS ESPECIES, PECULIARIDADES E COUSAS INTERESANTES DE CADA UN DELES. 


De feito, creemos ver bichos e insectos por todas as partes. Sorprendido

Teremos realmente visitas especiais na aula?

 

 

Pouco a pouco, xa descubrimos que son seres vivos, así como as diferenzas fundamentais entre os insectos e os bichos.

O noso seguinte paso é descubrir todo o posible sobre cada un deles, así que xa comezamos polas ABELLAS.

CONTINUARÁ...

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut