Gallego

Acción Titorial

A acción titorial está intrinsecamente vinculada á función docente. A titoría convértese no eixo da función orientadora, ao entender a orientación como o acompañamento e o asesoramento do alumnado ao longo do período escolar como un proceso continuo e dirixido ao desenvolvemento integral de todo o alumnado a todos os niveis.                                                                    

Neste espazo dedicado á “titoría educativa” preténdese ofrecer unha serie actuacións, recursos e medios á comunidade educativa coa intención de favorecer a participación do alumnado en temáticas do seu  interese, facilitando a organización dun espazo e tempo para o coñecemento de cada alumn@ titorado, considerado individualmente e en grupo a fin de intervir axudándolles no seu proceso de crecemento persoal e social.

O Plan de Acción Titorial (PAT) é o marco en que especificamos os criterios e procedementos para a organización e funcionamento da acción titorial nos centros educativos. Trátase dun proceso necesario na comunidade educativa (colaborativo, continuo e sistemático).

As tarefas titoriais e orientativas, como conxunto de actividades educativas inseridas no currículo, teñen unha dimensión técnica, polo que necesitan de planificación e sistematización, e fundamentalmente, unha dimensión humana relacionada co perfil do profesorado, coa interiorización das funcións docentes e coa necesaria empatía cos distintos colectivos do grupo que tItoriza (alumnado, familias e equipo educativo).

Mentres que as funcións do profesorado titor, na educación infantil e primaria, se centran prioritariamente na adaptación e na adquisición de aprendizaxes básicas, na educación secundaria deberanse incluír tamén, como medidas prioritarias, todas as que xiren arredor da orientación profesional na súa dobre vertente de inserción académica (opcionalidade educativa) e de inserción laboral (transición do período formativo á vida laboral).

Deste xeito, no profesorado titor, xunto co resto do equipo docente, recaerán tarefas como: axudar o alumnado na construción da súa identidade persoal, buscar maneiras de mellorar a súa capacidade de aprender e de pensar, desenvolver no alumnado capacidades sociais para unha boa convivencia contribuíndo a que melloren a súa capacidade de adaptación escolar e social, ensinar e aprender a tomar decisións, etc.

Non obstante, este acompañamento é traballo de moitos axentes, debendo estar implicados nas accións mencionadas o/a titor/a, o equipo docente, o departamento de orientación, as familias, o equipo directivo, especialistas externos/as ao centro (ofrecendo asesoramento e apoio técnico) e as persoas e institucións do contorno máis próximo.

Polo tanto, o traballo do departamento de orientación en xeral, e da persoa orientadora en particular, en relación co apoio que deberá prestar ao correcto desenvolvemento da función titorial, figurará no plan de acción titorial que, redactado polo/a xefe/a do departamento e tendo en conta as propostas da comisión de coordinación pedagóxica, será o documento onde se recollan as distintas accións que cumprirá levar a cabo co alumnado e as súas familias. Nel farase referencia, entre outras actividades, polo menos a:

  • actividades de acollida tanto para o alumnado como para as súas familias,
  • técnicas de traballo intelectual que favorezan a adquisición das competencias básicas por parte do alumnado,
  • técnicas de traballo en grupo,
  • organización dos tempos de traballo e lecer,
  • actividades que favorezan o desenvolvemento da intelixencia emocional, respecto ás diferenzas e a cohesión do grupo clase,
  • actividades que favorezan a convivencia dentro e fóra das aulas e a resolución pacífica de conflitos,
  • actividades que potencien o gusto pola lectura e pola reflexión,
  • actividades encamiñadas á consecución do pensamento crítico e diverxente,
  • actividades que favorezan o consumo responsable e o coidado do medio natural,
  • calquera outra actividade que favoreza o desenvolvemento equilibrado do alumnado.
     
Gallego
Acción Titorial

Alumnado con necesidade específica de apoio educativo por condicións persoais ou de historia escolar

Un alumno ou alumna pode presentar necesidade específica de apoio educativo derivada de condicións persoais ou de historia escolar cando manifesta dificultades na evolución das súas aprendizaxes e na adquisición de obxectivos e competencias por motivos de saúde, por pertenza a determinados grupos sociais ou minorías étnicas, por situacións socioculturais desfavorables, por escolarización desaxustada ou pola combinación de varios dos motivos mencionados.            

Entre este alumnado inclúese aquel que presenta un retraso escolar significativo nunha ou en varias áreas ou materias, cun desfase curricular xeral de dous ou máis cursos ou niveis, e este non poida explicarse por necesidades educativas especiais, nin por dificultades específicas de aprendizaxe, nin por incorporación tardía ao sistema educativo.

Entre este alumnado podemos considerar:

Escolarización irregular, absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización

Dentro desta temática pode comos considerar as seguintes definicións:

  • Escolarización irregular: situación na que a asistencia do alumnado ao centro escolar non é continuada.
  • Absentismo: escolarización irregular do alumnado en idade de escolarización obrigatoria sen causa debidamente xustificada. Esta ausencia ao centro escolar suporá, cando menos, un dez por cento (10 %) do horario lectivo mensual.
  • Abandono escolar temperán: situación daquel alumnado que, podendo seguir escolarizado por idade, abandona o sistema educativo sen a obtención da titulación correspondente.
  • Desescolarización: situación na que persoas en idade de escolarización obrigatoria non se atopan matriculadas en ningún centro educativo.

Mecanismos de prevención, seguimento e control

A consellería con competencias en materia de educación promoverá o acceso, máxima permanencia e promoción do alumnado no sistema educativo mediante programas e medidas proactivas, directamente ou en colaboración con outras administracións ou entidades públicas ou privadas.

Estableceranse mecanismos de coordinación entre as institucións educativas e os poderes públicos con competencias, para previr, detectar e abordar as situacións de absentismo, desescolarización e abandono escolar temperán, adoptando, a tal efecto, os protocolos de actuación que correspondan.

Os centros educativos establecerán, nas súas normas de organización e funcionamento, os procedementos para a aplicación dos citados protocolos, recollendo, como mínimo, as seguintes actuacións ante situacións de desescolarización, escolarización irregular, absentismo e/ou abandono escolar temperán:

a)    Control e rexistro das incidencias na asistencia do alumnado aos centros escolares.
b)    Información ás nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado e intervención ante a detección de casos.
c)    Se procede, traslado da información á inspección educativa por parte da dirección do centro.

Plan autonómico

Impulsarase a posta en marcha dun plan autonómico de promoción da escolarización e prevención do absentismo e o abandono escolar temperán, no que se integren actuacións dos servizos educativos, sociais, de saúde, de emprego e, en xeral, de cantas administracións promovan e desenvolvan actuacións destinadas á redución do absentismo e do abandono escolar do alumnado.

Atención educativa hospitalaria e domiciliaria

A atención educativa hospitalaria e/ou domiciliaria terán por finalidade a continuidade do proceso formativo do alumnado que curse ensinanzas de réxime xeral en modalidade presencial en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición facultativa, debido a enfermidade ou lesión, non poida asistir con regularidade ao centro por un período prolongado de tempo. En todo caso, priorizarase a atención ao alumnado das etapas de ensinanza obrigatoria

Será destinatario de atención educativa hospitalaria o alumnado que deba permanecer ingresado nun centro hospitalario, a tempo completo ou en hospitalización de día, nalgunha das seguintes situacións:

a) Longa hospitalización: máis de trinta días.
b) Media hospitalización: entre quince e trinta días.
c) Curta hospitalización: menos de quince días.

O alumnado de longa e media hospitalización será quen reciba atención educativa en coordinación co centro de orixe, mentres que o de curta hospitalización poderá realizar no centro hospitalario actividades educativas de carácter xeral.

Estableceranse convenios cos centros hospitalarios para garantir, cando proceda, a atención educativa do alumnado hospitalizado neles.

Será destinatario de atención educativa domiciliaria o alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos que deba permanecer convalecente no domicilio por un período de tempo superior a un mes. Igualmente, será obxecto desta atención o alumnado  que padeza algunha enfermidade crónica que sexa a causa de faltas de asistencia ao centro de seis ou máis días continuados ao mes dentro dun período mínimo de seis meses.

A autorización da atención educativa domiciliaria correspóndelle á administración educativa, de acordo co procedemento que se estableza.

Destinaranse os recursos específicos que garantan a continuidade do proceso educativo do alumnado que precise atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, así como os criterios e procedementos para a súa atención e a coordinación interprofesional.

Alumnado menor sometido a medidas de responsabilidade penal

A escolarización do alumnado menor de idade ao que, por decisión xudicial, se lle impoñan medidas que afectan á súa escolarización realizarase de acordo co establecido no artigo único, apartado cuarto, da Lei orgánica 8/2006, do 4 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores. En todo caso, respectarase o dereito á educación do alumnado en idade de escolarización obrigatoria.

Alumnado sometido a medidas de protección e tutela

Desenvolveranse accións de carácter compensatorio destinadas ao alumnado sometido a medidas de protección e tutela, asegurando o seu acceso e permanencia no sistema educativo. Na súa atención, propiciarase a subscrición de convenios de colaboración e protocolos de actuación con outras administracións ou entidades sen ánimo de lucro, co fin de garantir o cumprimento destas medidas.

A escolarización do alumnado sometido a medidas de protección e tutela realizarase de conformidade co procedemento establecido con carácter xeral, sendo considerado este alumnado como alumnado con necesidade específica de apoio educativo por condicións persoais ou de historia escolar desfavorables. Os centros docentes deben adoptar as medidas de atención á diversidade que procedan, para asegurar o seu proceso educativo.

Garantirase ao alumnado asignado a familias acolledoras unha praza escolar no centro educativo no que se escolarice outro alumnado dependente desas mesmas familias, fillas ou fillos ou outro alumnado acollido, sempre que no centro se impartan as ensinanzas que lle corresponde cursar.

Cando as medidas de protección e tutela supoñan un cambio de centro escolar a súa tramitación e resolución levarase a cabo coa máxima inmediatez.

Alumnado afectado por medidas de violencia de xénero e/ou acoso escolar

Dentro do ámbito competencial educativo e de acordo co establecido na Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, garantirase a escolarización inmediata do alumnado que se vexa afectado por cambios de centro derivados de situacións de violencia de xénero. Así mesmo, os centros educativos prestarán atención especial á inclusión e normalización do devandito alumnado.

Nos casos en que sexa necesario un cambio de centro por motivos de violencia ou acoso escolar, garantirase a escolarización inmediata do alumnado afectado.

Alumnado pertencente a familias itinerantes

Será destinatario de atención educativa aquel alumnado que, por razóns de itinerancia da súa familia, non poida asistir ao mesmo centro educativo de xeito continuado.

Facilitarase a escolarización deste alumnado nos centros do contorno a onde itinere a súa familia ou representantes legais, nas condicións establecidas con carácter xeral para todo o alumnado e coas medidas de atención á diversidade que procedan, a fin de garantir a continuidade do seu proceso de aprendizaxe.

O cambio, por razóns de itinerancia, dun centro educativo ao outro realizarase segundo o establecido para os traslados de centro, polo que o centro de orixe deberá facilitar  ao centro de destino, previa petición deste, a información pertinente.

Atención educativa a xoves embarazadas

En cumprimento da Lei 5/2010, de 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, arbitraranse as actuacións ou medidas de apoio educativo necesarias para facer posible a continuación dos estudos por parte da menor embarazada e, se é o caso, do futuro pai en idade de escolarización obrigatoria, de forma compatible coas esixencias derivadas do embarazo e coas obrigas da maternidade e da paternidade.

Os centros docentes deberán proporcionar ás mulleres embarazadas que cursen estudos de ensinanza obrigatoria e postobrigatoria a adecuación dos procesos de ensinanza e aprendizaxe ás súas necesidades durante o seu embarazo e nos dous anos seguintes ao parto, nos termos que se establezan.

A menor de idade, durante o proceso de xestación e, posteriormente, no caso de que se fixese cargo da atención da súa filla ou fillo, terá dereito a que se lle autorice, pola administración educativa, a súa asistencia intermitente ao centro no que está escolarizada, de acordo coas súas necesidades.

 

Gallego
Alumnado con NEAE por condicións persoais ou de historia escolar

O conselleiro de Educación inaugura a V Xornada Debate en torno á "Discapacidade e Educación" en Santiago de Compostela

No encontro participaron máis dun centenar de representantes de organizacións de discapacitados de toda España

O encontro xira en torno á atención a diversidade no sistema educativo, e aos estudantes universitarios con discapacidades

Gallego
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaug
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta maña a V Xornada Debate “Discapacidade e Educación” Autor: Conchi

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta mañá a V Xornada Debate “Discapacidade e Educación”, que se celebra durante todo o día no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.

Ante máis dun centenar de asistentes, representantes das distintas asociacións de discapacitados tanto de Galicia como do resto do Estado, o conselleiro falou da súa satisfacción por celebrar en Galicia este encontro que tal e como recordou, xira en torno a un tema de plena actualidade: educar na diversidade. Asemade Vázquez Abad dixo que “estou seguro de que podemos contribuír ao sempre continuo e inacabado debate entre necesidades sociais e respostas educativas”. Ao tempo que destacou que “o obxectivo máis ambicioso e irrenunciable é lograr o máximo desenvolvemento persoal, social e profesional de todos o estudantes, porque disto depende a súa autonomía e participación activa nunha sociedade democrática, libre, responsable e crítica”.

O conselleiro destacou o labor levado a cabo polo equipo da Consellería de Educación, “que ten posto todos os medios dispoñibles para que o alumnado obteñan a atención educativa precisa, tendo en conta tanto as súas potencionalidades como as súas necesidades educativas”. Neste sentido recordou que “o froito do esforzo levado a cabo en Galicia é o Decreto de Atención á Diversidade, que xa foi aprobado no Consello da Xunta. Trátase dun compromiso que recolle as achegas do profesorado, organizacións sindicais e asociacións de alumnado con discapacidade, pensado por e para o alumnado, dando prioridade á educación inclusiva como colaboración activa entre as familias, centros educativos e sociedade”.

Decreto de Atención á Diversidade

Neste punto cómpre destacar que o Decreto ten como obxectivo que ningunha circunstancia persoal ou social sexa motivo de discriminación ningunha no sistema educativo. Así, o decreto favorece que os centros docentes ofrezan unha resposta educativa que compense as diferenzas individuais de todo o alumnado, no marco dos principios de normalización e inclusión e desde a consideración da diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade.

Así dito texto, que derroga o Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidade educativas especiais, define o absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización (non matriculación) e regula a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e a dos que estudan en aulas hospitalarias. Ademais regula as accións para a escolarización do alumnado en situacións excepcionais como o sometido a medidas de responsabilidade penal, de protección e tutela, ou que está afectado por violencia de xénero, acoso escolar ou pertencente a familias itinerantes. Do mesmo xeito, e en cumprimento da Lei 5/2010, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, a consellería apoiará a continuación dos estudos das menores embarazadas e dos pais do seu fillo.

Desta forma procúrase a maior permanencia do alumnado no sistema educativo, a súa promoción e o éxito escolar. Para isto o decreto prevé o impulso de medidas proactivas de detección e prevención das devanditas situacións, en colaboración con institucións, organismos especializados e familias. Estas iniciativas terán a súa base nas medidas de formación inicial e permanente do profesorado, incluíndo a atención á diversidade entre as liñas prioritarias dos plans de formación para os docentes.

O congreso

Na acto inaugural tamén estiveron presentes o  alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; o presidente de Futuex - entidade xestora do Observatorio Estatal da Discapacidade-, Francisco de Jesús Valverde; o presidente de CERMI Galicia, Anxo Queiruga; a secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar, Cristina Ortiz Dorda; e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, José Luis Mira.

Tras a intervención do conselleiro deuse paso a relatorio “Diversificando a inclusión para incluír a diversidade. Unha achega desde a norma”, a cargo de Manuel Rey Fernandez, vocal asesor da Consellería de Educación. Xa a media mañá comezará a mesa de debate “A atención á diversidade no sistema educativo”, coa intervención de expertos e profesores con experiencia en discapacidade e diversidades.

Pola tarde presentarase o libro “O impacto da Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade na lexislación educativa española” a cargo das súas autoras, Inés de Araoz e María José Alonso Parreño.

Posteriormente desenvolverase unha segunda mesa de debate en torno aos estudantes universitarios con discapacidades na que participaran representantes das universidades de Extremadura, Santiago de Compostela e de Valencia, como un representante relativo á formación profesional.

Colectivo: 

Orientación

No contexto educativo actual, considérase a orientación como inherente á propia educación, pois trata de contribuír á formación integral do alumnado, coa finalidade de capacitalo para unha aprendizaxe autónoma e unha participación activa, crítica e transformadora da sociedade ao longo de toda a súa vida, e á implicación e ao asesoramento dos pais e do resto dos axentes da comunidade educativa.     

Orientar será, polo tanto, educar para a vida (aprendizaxes funcionais, capacitalos para a aprendizaxe autónoma, coñecemento de si mesmos, habilidades sociais,....), educar na capacidade para tomar decisións (asesorando sobre itinerarios, opcionalidade, alternativas educativas e laborais,...) e proporcionar unha verdadeira atención á diversidade que presenta a poboación escolar (reforzos e apoios ao alumnado con neae...).

Neste espazo poderán atoparse todas aquelas iniciativas e recursos destinados a promover a calidade educativa desde o autocoñecemento, o control do proceso de aprendizaxe, o axuste das medidas educativas, o coñecemento e tomada de decisións na elección dos diferentes itinerarios formativos, a promoción da escolarización, as saídas profesionais e o mundo do emprendemento.

Gallego
Orientación

Atención á diversidade

A atención á diversidade pode considerarse como o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.

Tamén debe ser entendida non como un axente igualador, senón como a resposta axeitada, no momento oportuno, ás necesidades educativas do alumnado. Esta resposta educativa asume o principio de inclusión, reforza o traballo a favor da equidade e contribúe a unha maior cohesión social.

Este espazo pretende ofrecer de xeito concentrado algunhas orientacións e unha pequena mostra de recursos e enlaces de interese que contribúan na atención á diversidade e respondan a unha educación equitativa e de calidade, dentro dos principios inclusivos e de individualización da intervención educativa.

A diversidade, pois, é unha realidade social, e, polo tanto, unha realidade en cada centro educativo; realidade derivada da singularidade biolóxica, psicolóxica, social e cultural de cada alumna e cada alumno, da singularidade de cada familia e de cada unha das profesoras e dos profesores, tamén das particularidades de cada centro e de cada comunidade educativa no seu conxunto. E a resposta educativa a esa diversidade debe concretarse en cada un dos proxectos educativos, en cada unha das ensinanzas, na coordinación docente, na personalización da educación de cada unha das alumnas e alumnos, nos recursos e medidas educativas, nos compromisos familiares e sociais, e en todo o que contribúa ao máximo desenvolvemento persoal e social do alumnado e á súa preparación para convivir e participar, de forma autónoma, nunha sociedade democrática.

Gallego
Atención á diversidade

Plan de Acollida ao alumnado procedente do estranxeiro. Orientacións para a súa elaboración.

Ante a nova diversidade que se atopa nas nosas aulas derivada do incremento da poboación escolar procedente do estranxeiro, dende a administración educativa estanse a desenvolver unha serie de actuacións, conxuntamente con outras administracións, que teñen como finalidade facilitar a atención educativa a este alumnado.

Neste sentido, conscientes das dificultades que esa atención pode supoñer para os profesionais implicados, temos entre os nosos obxectivos principais o de elaborar materiais de apoio que lle faciliten á comunidade educativa dar una resposta axeitada aos novos retos que este alumnado suscita.

Consideramos que a eficacia da integración destas persoas pode depender, en boa medida dese primeiro contacto co noso sistema educativo, momento no que lles debe proporcionar una información clara sobre aspectos tan importantes como son os seus dereitos e obrigas, e no que se deben ter en conta as súas características e condicións propias.

A incorporación dun alumno ou alumna que procede do estranxeiro adoita ir precedida dunhas connotacións especiais que non se dan no caso da incorporación doutro tipo de alumnado. Á súa chegada, cada día máis frecuente e variada, fai necesario establecer medidas de atención axeitadas ás súas necesidades, e unha delas, consiste en axustar a acollida que se lles vai dispensar. De que estas medidas sexan adecuadas, comezando polo Plan de Acollida, dependerá que este alumnado acade rapidamente unha boa integración escolar e que, non menos importante, os demais se enriquezan co coñecemento de novas culturas e costumes, e aprendan na convivencia os valores da tolerancia e respecto mutuo.

A presente publicación aborda un aspecto que consideramos de suma importancia como é a acollida que se debe prestar nos centros ao alumnado procedente do estranxeiro e ás súas familias no momento de iniciar estudos na nosa comunidade autónoma.

As orientacións que se presentan nesta publicación van nesta liña. Pretenden dar pautas para que aos centros educativos lles resulte máis doado contextualizar as súa resposta, pero sendo conscientes sempre de que o Plan de Acollida é só una máis do conxunto de actuacións que se deben contemplar co alumnado procedente do estranxeiro.

Ao longo das páxinas desta publicación preséntanse una serie de pautas e orientacións que teñen por finalidade que cada centro educativo poida establecer o seu propio plan, tendo en conta o seu contorno xeográfico e sociocultural, e no que se contemplen tanto as acción de acollida do alumnado procedente do estranxeiro como aqueloutras que permitan o enriquecemento das súas aulas a través das oportunidades que se lle brindan ao conxunto do centro, como son o coñecemento de novas realidades e o fomento da convivencia, o respecto e a tolerancia.

Desexamos que esta publicación sexa de utilidade para tan importante tarefa, conscientes da repercusión positiva que ten na futura integración profesional e social de quen se achega a vivir connosco unha boa incorporación ao sistema educativo, contribuíndo así, entre todos, a que a inmigración e o retorno da emigración sexan fontes de riqueza para a nosa sociedade.

Gallego
Plan de Acollida. Orientacións para a súa elaboración.

Documentos de uso académico-administrativo

Relación de documentos para a recollida e intercambio de información do alumnado, en especial do alumnado procedente do estranxeiro, que facilitan a mellor atención educativa posible.

Trátase dunha colección de 23 documentos introducidos cun índice interactivo, con posibilidades de ser ampliada, referidos a diversos ámbitos de actuación nos centros educativos: o propio centro educativo (1), o alumnado (4), o profesorado (2) e as familias (16).

RDOC 00 – Relación de documentos. Índice (en galego interactivo)

- Documentos do Centro Educativo (CE):

CE01 – Documentación necesaria para matricularse no centro educativo

-  Documentos de uso exclusivo do Profesorado (PROF):

PROF01 - Informe-resumo da escolarización anterior do alumno/a.
PROF02 - Informe para a incorporación do alumno/a ao grupo de adquisición de linguas.

- Documentos relativos ao Alumnado-Titor/a e de recollida de información directa do Alumnado polo Profesorado (ALUM):

ALUM01 - Ficha de identificación do alumnado-titor/a.
ALUM02 - Rexistro do alumnado-titor/a - Avaliación e integración do alumnado procedente do estranxeiro.
ALUM03 - Entrevista inicial do profesor/a titor/a ao alumnado.
ALUM04 - Entrevista do profesor/a titor/a ao alumnado ao longo do curso.

- Documentos de recollida de información das Familias (FAM):

FAM01 - Carta de benvida ás familias.
FAM02 - Autorización para o uso da imaxe pública do alumnado.
FAM03 - Declaración da familia xustificando a escolarización previa (se o/a alumno/a non achega o libro de escolaridade).
FAM04 - Ficha de recollida de datos básicos das familias.
FAM05 - Entrevista inicial do profesor/a titor/a ás familias.
FAM06 - Entrevista inicial do profesor/a titor/a ás familias do alumnado de E.Infantil.
FAM07 - Entrevista do profesor/a titor/a ás familias ao longo do curso.
FAM08 - Autorización das familias para saídas e excursións do alumnado no contorno próximo ao centro (para todo o curso).
FAM09 - Autorización das familias para a participación do alumnado nas actividades complementarias e extraescolares.

Gallego
Documentos frecuentes de uso académico-administrativo

Guía de Comunicación Básica (en 10 idiomas)

Nesta Guía, dispoñible en dez idiomas (galego, castelán, alemán, árabe, chinés, francés, inglés, portugués, romanés e ruso), inclúense unha serie de preguntas arredor de información que é probable que o centro educativo demande das familias e que as familias demanden do centro educativo, trátase dunha axuda para establecer unha comunicación básica. Esta guía compleméntase coa  publicación Guía do Sistema Educativo Galego, tamén dispoñible nos mesmos dez idiomas.

Gallego
Guía de Comunicación Básica (en 10 idiomas)

Guía do Sistema Educativo Galego (en 10 idiomas)

A realidade social galega está transformándose e está traendo consigo cambios importantes na realidade educativa dos nosos centros escolares. Unha das mudanzas máis salientables é o aumento da diversidade do alumnado que a eles acode: diversidade de intereses, diversidade de motivacións, diversidade de capacidades e, tamén, diversidade cultural. Como reflexo da sociedade na que están, os nosos centros escolares son cada vez máis multiculturais.

Esta diversidade de orixes e cultural supón un reto educativo importante, pero tamén achega novas oportunidades para a educación das cidadás e dos cidadáns do futuro no desenvolvemento das competencias que lles permitan realizarse como persoas na sociedade cambiante e complexa na que lles vai tocar vivir.

Deste xeito serán capaces de abrir vías de relación e intercambio entre culturas poñendo maior énfase nos elementos comúns e no fomento de valores para a convivencia pacífica.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é consciente da necesidade de facilitar a incorporación ao noso sistema educativo de todo o alumnado da comunidade. Nesta liña de actuación, unha das prioridades é tentar minimizar as dificultades que tanto os alumnos e as alumnas como as súas familias poidan ter na súa incorporación ao noso sistema educativo.

A esta preocupación responde esta publicación que pretende contribuír a garantir e facilitar o exercicio do dereito á educación e cumprir co deber da escolarización obrigatoria proporcionando unha información non exhaustiva pero completa das características do noso sistema educativo, en dez idiomas (galego, castelán, alemán, árabe, chinés, francés, inglés, portugués, romanés e ruso) .

O obxectivo é permitirlles ao alumnado de nova incorporación procedente do estranxeiro e ás súas familias unha primeira toma de contacto coa realidade escolar, facilitando deste xeito o seu proceso de adaptación ao sistema educativo da comunidade galega.

Fíxose un esforzo especial en que a linguaxe utilizada fose o máis sinxela posible, procurando evitar terminoloxía que puidese resultar complicada. Esta publicación, complétase cunha Guía de Comunicación Básica, dispoñible nos mesmos idiomas, e que pretende facilitar a comunicación inicial do centro educativo coas familias cando estas non coñecen as linguas da comunidade.
 

Gallego
Guía do Sistema Educativo Galego

Atención educativa hospitalaria e domiciliaria

A atención educativa hospitalaria e/ou domiciliaria terán por finalidade a continuidade do proceso formativo do alumnado que curse ensinanzas de réxime xeral en modalidade presencial en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición facultativa, debido a enfermidade ou lesión, non poida asistir con regularidade ao centro por un período prolongado de tempo. En todo caso, priorizarase a atención ao alumnado das etapas de ensinanza obrigatoria.

Será destinatario de atención educativa hospitalaria o alumnado que deba permanecer ingresado nun centro hospitalario, a tempo completo ou en hospitalización de día, nalgunha das seguintes situacións:
a) Longa hospitalización: máis de trinta días.
b) Media hospitalización: entre quince e trinta días.
c) Curta hospitalización: menos de quince días.

O alumnado de longa e media hospitalización será quen reciba atención educativa en coordinación co centro de orixe, mentres que o de curta hospitalización poderá realizar no centro hospitalario actividades educativas de carácter xeral.

Estableceranse convenios cos centros hospitalarios para garantir, cando proceda, a atención educativa do alumnado hospitalizado neles.

Será destinatario de atención educativa domiciliaria o alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos que deba permanecer convalecente no domicilio por un período de tempo superior a un mes. Igualmente, será obxecto desta atención o alumnado  que padeza algunha enfermidade crónica que sexa a causa de faltas de asistencia ao centro de seis ou máis días continuados ao mes dentro dun período mínimo de seis meses.

A autorización da atención educativa domiciliaria correspóndelle á administración educativa, de acordo co procedemento que se estableza.

Destinaranse os recursos específicos que garantan a continuidade do proceso educativo do alumnado que precise atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, así como os criterios e procedementos para a súa atención e a coordinación interprofesional.

Orientacións e respostas educativas: A atención educativa hospitalaria e domiciliaria en Galicia

Sensibilidade é a capacidade que temos os seres humanos para percibirmos e comprendermos o estado de ánimo, o xeito de ser e de comportarse das persoas, así como a natureza das circunstancias e dos ambientes, para actuar correctamente en beneficio dos demais.

Sensibilidade é, pois, a primeira calidade que debe posuír o persoal, docente e sanitario, que comparte a dura experiencia da enfermidade dun neno ou nena con este e coa súa familia.

Esta calidade permitiralle ao dito persoal comprender a angustia e a inseguridade que provocan a miúdo nos pequenos e pequenas a doenza e máis a hospitalización;  facilitaralle o ser paciente coa desmotivación que acompaña o aburrimento dunha longa convalecencia; levarao a ser flexible para adecuarse ás necesidades e aos ritmos de cada criatura, así como a priorizar a comunicación do alumnado enfermo con outros nenos e nenas; axudarao a valorar o papel das familias e a orientalas para que todos os esforzos a prol do fillo ou filla enfermos converxan nunha soa dirección.

Esta sensibilidade, que sen dúbida veñen mostrando xa tanto os docentes das aulas hospitalarias coma os do centro ordinario de onde proceden as nenas e nenos convalecentes, é un requisito fundamental para o éxito da intervención educativa en circunstancias de enfermidade. A publicación que aquí comeza só quere, xa que logo, apoiar a dita intervención divulgando a existencia das aulas hospitalarias e da atención domiciliaria, ofrecendo documentos que axilicen os trámites e posibiliten a debida coordinación entre todos os axentes implicados ou presentando ferramentas que faciliten a comunicación dos nenos e nenas enfermos a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

Pero o máis importante, o achegamento enchoupado de sensibilidade aos pequenos e pequenas que sofren unha doenza e ás súas familias, continúa estando nas mans dos docentes, en quen confiamos.

 

Gallego
A atención educativa hospitalaria e domiciliaria en Galicia