Título node Learning object

Atención á diversidade
Lun, 12/12/2011 - 22:23
Atención á diversidade

A atención á diversidade pode considerarse como o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.

Tamén debe ser entendida non como un axente igualador, senón como a resposta axeitada, no momento oportuno, ás necesidades educativas do alumnado. Esta resposta educativa asume o principio de inclusión, reforza o traballo a favor da equidade e contribúe a unha maior cohesión social.

Este espazo pretende ofrecer de xeito concentrado algunhas orientacións e unha pequena mostra de recursos e enlaces de interese que contribúan na atención á diversidade e respondan a unha educación equitativa e de calidade, dentro dos principios inclusivos e de individualización da intervención educativa.

A diversidade, pois, é unha realidade social, e, polo tanto, unha realidade en cada centro educativo; realidade derivada da singularidade biolóxica, psicolóxica, social e cultural de cada alumna e cada alumno, da singularidade de cada familia e de cada unha das profesoras e dos profesores, tamén das particularidades de cada centro e de cada comunidade educativa no seu conxunto. E a resposta educativa a esa diversidade debe concretarse en cada un dos proxectos educativos, en cada unha das ensinanzas, na coordinación docente, na personalización da educación de cada unha das alumnas e alumnos, nos recursos e medidas educativas, nos compromisos familiares e sociais, e en todo o que contribúa ao máximo desenvolvemento persoal e social do alumnado e á súa preparación para convivir e participar, de forma autónoma, nunha sociedade democrática.