Alumnado con necesidade específica de apoio educativo
Alumnado con necesidade específica de apoio educativo

Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

Alumnado con necesidades educativas especiais

Enténdese por alumnado que presenta necesidades educativas especiais, aquel que requira, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta.

Alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe

Considérase que unha alumna ou un alumno presenta dificultades específicas de aprendizaxe cando o seu rendemento en relación á adquisición e uso dunha ou varias das capacidades de comprensión e expresión oral, lectura, escritura, razoamento e cálculo matemático é significativamente discrepante co seu potencial de aprendizaxe.

Alumnado con altas capacidades intelectuais

Unha alumna ou un alumno presenta altas capacidades intelectuais cando manexa e relaciona, de maneira simultánea e eficaz, nun nivel sensiblemente superior á media, recursos cognitivos verbais, numéricos, lóxicos, memorísticos, espaciais e creativos. Considérase talentoso o alumnado que destaca especialmente e de maneira excepcional no manexo dun ou varios destes recursos.

Considérase alumnado con sobredotación intelectual cando amosa as seguintes características: unha capacidade intelectual moi superior á esperada para a súa idade, unha alta creatividade e un alto grao de motivación e perseveranza.

Alumnado de incorporación tardía (procedente do estranxeiro)

A chegada de poboación de orixe estranxeira á nosa Comunidade Autónoma, así como o retorno de emigrantes galegos e das súas familias, está a incidir notablemente na evolución da diversidade na nosa poboación escolar, de xeito que proporcionar unha resposta educativa a este alumnado convértese nunha liña prioritaria de actuación.

Adoptaranse cantas medidas se consideren necesarias para proporcionar a debida atención educativa ao alumnado procedente do estranxeiro que presente todas ou algunha das seguintes circunstancias: descoñecemento das dúas linguas oficiais de Galicia, desfase curricular significativo, graves dificultades de adaptación. Estas medidas poderán ser tanto de tipo curricular como organizativo, irán dirixidas a todo o alumnado que conte cunha idade comprendida entre os tres anos e o límite da escolarización obrigatoria.

Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo por condicións persoais

Un alumno ou alumna pode presentar necesidade específica de apoio educativo derivada de condicións persoais ou de historia escolar cando manifesta dificultades na evolución das súas aprendizaxes e na adquisición de obxectivos e competencias por motivos de saúde, por pertenza a determinados grupos sociais ou minorías étnicas, por situacións socioculturais desfavorables, por escolarización desaxustada ou pola combinación de varios dos motivos mencionados.

Entre este alumnado inclúese aquel que presenta un retraso escolar significativo nunha ou en varias áreas ou materias, cun desfase curricular xeral de dous ou máis cursos ou niveis, e este non poida explicarse por necesidades educativas especiais, nin por dificultades específicas de aprendizaxe, nin por incorporación tardía ao sistema educativo.

Entre este alumnado podemos considerar:

  • Alumnado en situación de absentismo, abandono escolar temperán e/ou desescolarización.
  • Alumnado que precisa atención educativa hospitalaria e domiciliaria.
  • Alumnado menor sometido a medidas de responsabilidade penal.
  • Alumnado sometido a medidas de protección e tutela.
  • Alumnado afectado por medidas de violencia de xénero e/ou acoso escolar.
  • Alumnado pertencente a familias itinerantes.
  • Atención educativa a xoves embarazadas.