Servizos de atención á diversidade
Servizos de apoio á atención á diversidade

Dende a Lei Orgánica de Educación faise fincapé nos principios de calidade baseada na equidade e de esforzo compartido, cobrando polo tanto relevancia por si mesma a atención á diversidade; entendida, non como un axente igualador, senón como a resposta axeitada, no momento oportuno, ás necesidades educativas do alumnado.

A resposta educativa dada asume o principio de inclusión, reforza o traballo a favor da equidade e contribúe a unha maior cohesión social sendo preciso para isto a existencia dunha estrutura de servizos e profesionais altamente cualificados.

Os Departamentos de Orientación na Atención á Diversidade (DO)

Os Departamentos de Orientación (DO) son un servizo interno de atención á diversidade existente nos centros educativos de secundaria e na maioría dos centros de primaria, que presta apoio ao propio profesorado do centro (especialmente os titores) e ao resto da comunidade educativa.

Entre os seus cometidos está o de intentar dar resposta ás necesidades de intervención ligadas a aspectos psicopedagóxicos e a cuestións socio-familiares que teñen incidencia no centro e polo tanto na organización da resposta que dende o centro se dea á diversidade do alumnado.

Foron creados polo Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, e establecéndose a súa organización e funcionamento na Orde do 24 de xullo de 1998.

Os Equipos de Orientación Específicos na Atención á Diversidade (EOE)

Os Equipos de Orientación Específicos (EOE) son un servizo de apoio especializado externo aos Departamentos de Orientación (DO) dos centros educativos, estando composto por diferentes profesionais especializados que pretenden dar resposta ás necesidades de intervención externa ligadas a aspectos relacionados coa atención á diversidade do alumnado no seu ámbito de actuación (a provincia).

No Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, créanse tamén os Equipos de Orientación Específicos (EOE) e na Orde do 24 de xullo de 1998, establécese a súa organización e funcionamento.

Colaboracións na Atención á Diversidade

Colaboracións na Atención á Diversidade Dende as diferentes instancias educativas, e coa pretensión de dar unha resposta o máis ampla e axustada posible ao alumnado dos nosos centros, estableceranse canles de comunicación, participación e colaboración tanto coas familias como con outras institucións implicadas na atención á diversidade.

Tendo en conta a importancia da colaboración entre os diferentes organismos, institucións e servizos implicados na atención á diversidade do alumnado, intentarase a colaboración entre as distintas administracións, entidades, asociacións e outras organizacións con atribucións na prevención, detección temperá e intervención educativa co alumnado, e estableceranse protocolos comúns de actuación, favorecéndose deste xeito o intercambio de información e a difusión de boas prácticas.

Ademais, as nais, pais ou titores legais do alumnado deben compartir o esforzo educativo, participando e colaborando, nos termos legalmente establecidos, nas decisións que afecten á escolarización e aos procesos educativos do alumnado e ao seu desenvolvemento integral (mellora da autonomía, esforzo, autoestima, participación e convivencia, proceso de avaliación inicial do alumnado,posibles avaliacións psicopedagóxicas...).