Plan Dixital

Áreas temáticas do DigCompOrg

Áreas ou elementos temáticos que contempla o Marco Europeo para Organizacións Educativas Dixitalmente Competentes (DigCompOrg), referencia para a dixitalización dos centros educativos.

O Plan Dixital de centro é un documento a través do cal os centros analizan a súa realidade en relación ao uso das tecnoloxías dixitais e, a partir desta situación de partida,  definen un plan de actuación que incluirá os obxectivos a conseguir, as actuacións específicas para implementar este plan, a súa avaliación e difusión. O obxectivo final da posta en marcha do Plan Dixital é mellorar o desenvolvemento da competencia dixital do alumnado e o uso das tecnoloxías dixitais na aprendizaxe a través do desenvolvemento da competencia dixital do profesorado -tanto individual como colexiada- e da transformación dos centros en organizacións educativas dixitalmente competentes.

Como apoio aos centros educativos atópase dispoñible a ferramenta de autoavaliación SELFIE, da Comisión Europea, que proporciona un informe de situación do centro.

A partir do Informe SELFIE, o centro poderá xerar unha análise DAFO que é de utilidade para a análise de situación e para a elaboración das liñas fundamentais do Plan Dixital en termos de obxectivos e actuacións. Aquí podemos ter en conta  elementos como as infraestruturas tecnolóxicas, a  competencia dixital docente e do alumnado, ou a actitude favorable cara ao uso das tecnoloxías como medio de mellora do proceso de ensino-aprendizaxe, entre outros.