Skip to Content

Novas da Xunta

Rueda anuncia para o vindeiro curso a posta en marcha do plan FPGal360, dotado con 24 M€ ata 2028, co obxectivo de reducir o abandono escolar e orientar profesionalmente á mocidade

Novas da Xunta - Lun, 17/06/2024 - 17:30

Summary: 

Destaca que a idea é “conseguir que o 100 % dos rapaces galegos sigan formándose ata, polo menos, cumprir os 18 anos”, así como “atraer de novo ao sistema educativo a persoas con baixa cualificación ou que queren mellorar a que teñen”

O plan inclúe máis de 60 medidas de actuacións dirixidas a alumnado e profesorado, así como para a poboación sen cualificación de entre 24 e 34 anos

Trabállase para reducir a cero a taxa de abandono temperá e que o 100 % dos rapaces sigan formándose ata, polo menos, cumprir a maioría de idade

Tamén se busca atraer de novo ao sistema educativo aquelas persoas con baixa cualificación co fin de enriquecer a súa formación e xerar oportunidades profesionais

Idioma Gallego

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia porá en marcha o vindeiro curso o Plan FPGal360 de orientación profesional integral, dotado con 24 M€ ata 2028. Unha medida que, tal e como apuntou, conta cun dobre obxectivo: “conseguir que o 100 % dos rapaces galegos sigan formándose ata, polo menos, cumprir os 18 anos e atraer de novo ao sistema educativo a persoas con baixa cualificación ou que queren mellorar a que teñen”, sinalou.

Trátase por tanto, de reducir o abandono escolar na comunidade, a pesar de que Galicia está en “mínimos históricos” na taxa de abandono temperá (8,8%) - adiantándose sete anos ao obxectivo do 9 % fixado pola UE para 2030- fronte ao 13,6% do conxunto de España. “Queremos seguir avanzando e o ideal sería chegar á taxa de abandono escolar cero”, apuntou.

Neste sentido, o Consello da Xunta celebrado esta mañá aprobou o plan da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, consistente en 60 accións específicas, co fin de establecer un sistema integral de orientación profesional que guíe e acompañe á cidadanía na súa toma de decisións educativas e profesionais desde idades temperás e ao longo de toda a vida.

Así pois, mediante o FPGal360, a Xunta de Galicia ofrecerá unha orientación profesional integral que lles ensine ás persoas a planificar e tomar decisións sobre a súa vida laboral e a formación que implica.

Isto suporá implantar un conxunto de servizos dirixidos a axudar ás persoas de calquera idade -especialmente para os máis novos e persoas con baixa cualificación- e en calquera momento das súas vidas a tomar decisións axeitadas a nivel educativo, formativo e laboral, a xestionar a súa traxectoria profesional creando o seu itinerario formativo; a reflexionar sobre as súas ambicións e intereses e a súa cualificación e capacidade, e a comprender o funcionamento do mercado laboral.

Alfonso Rueda apuntou que as actuacións previstas no plan artéllanse en “tres eixos” que inclúen “o alumnado que está actualmente dentro do sistema educativo, uns 230.000; a mocidade que abandonou este sistema e que cómpre recuperar, uns 80.000 mozos de 24 a 34 anos con baixa cualificación; e a poboación en xeral que queira ampliar a súa formación para mellorar a súa inserción laboral”, sinalou.

Fomentar a continuidade na formación

O primeiro dos eixos abrangue iniciativas concretas dirixidas a “fomentar a continuidade dos rapaces no ensino” e, deste xeito, reducir a mínimos o abandono escolar temperá. Isto é, que o alumnado perciba que continuar a súa formación dentro do sistema sexa unha oportunidade para unha mellor cualificación.

Para iso establécense catro liñas e 15 medidas entre as que destacan a elaboración de novos programas de orientación profesional e vocacional e de materiais de apoio á labor orientadora; o reforzo da FP básica coa actualización da oferta e a mellora de recursos;  actuacións para reducir o abandono escolar nos colectivos máis desfavorecidos; impulso da formación especializada en orientación profesional, incidindo nas potencialidades da FP básica, e enquisas para alumnado e familias como ferramenta para a mellora da toma de decisións.

O segundo céntrase en “potenciar un sistema de orientación vocacional e profesional que conduza á inserción laboral efectiva”, a través de cinco liñas de actuación e 30 medidas específicas recollidas no plan. Entre elas destaca a creación do Espazo e da Rede FPOrienta, a difusión e promoción das novas tecnoloxías, innovación aplicada á orientación profesional e formación especializada en orientación profesional e vocacional, entre outros.

Itinerarios formativos atractivos

O terceiro eixe do plan diríxese a “facilitar a cualificación e titulación da mocidade galega” desde o sistema educativo, con itinerarios atractivos e que supoñan unha porta profesional e persoal de futuro.

A través de catro liñas e 15 medidas impulsaranse a coordinación e colaboración entre os distintos axentes para a cualificación da poboación. Ademais, reforzarase a capacitación profesional a través do procedemento de acreditación de competencias profesionais, a orientación profesional nos centros de educación permanente de alumnos e o desenvolvemento de accións formativas especializadas que respondan ás demandas específicas do tecido produtivo.

Estes tres eixes desenvolveranse a través da colaboración público-privada, coa participación doutros departamentos da Xunta de Galicia, así como de asociacións e outras entidades implicadas na orientación profesional. 

Entre as liñas de actuación globais, ao abeiro deste plan, a Consellería de Educación reforzará a información e formación dirixidas ao persoal orientador dos centros educativos e aos equipos directivos e docentes.

No caso do alumnado, incidirase en facilitar información e orientación ao alumnado desde idades temperás e deseñaranse actuacións específicas dirixidas ao alumnado vulnerable, con especiais necesidades de aprendizaxe ou en risco de abandono.

Recuperar a persoas que abandonaron o sistema

Tamén se atenderá especificamente ao alumnado que abandonara o sistema educativo sen acadar unha titulación, co fin de recuperalos e darlle unha nova oportunidade de formación e, deste xeito, que melloren as súas oportunidades e expectativas laborais.

Outras liñas de traballo irán dirixidas a actuacións sobre a poboación que non conta con formación acreditada, con propostas específicas, sobre todo con especial atención á mocidade que se atope nesta situación.

O Plan FPGal360 recollerá tamén unha epígrafe de asesoramento personalizado e orientación profesional para colectivos de persoas desempregadas que participen en procesos de acreditación de competencias adquiridas por experiencia laboral.

No período de vixencia do plan, entre este ano e o 2028, o conxunto de medidas que se van poñer en marcha suporán un investimento global de 24 M€, nove dos cales se farán efectivos durante o presente exercicio 2024. 

A posta en marcha deste plan enmárcase na Estratexia de formación profesional Galicia 2030, que ten entre os seus eixes a orientación profesional á cidadanía na creación dun itinerario personalizado de formación para o emprego e a difusión das oportunidades da formación, adquisición de competencias e recoñecemento delas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta recoñece o traballo de centros de Abegondo, Santiago, Poio e Vigo en prol da igualdade co selo biblioteca escolar solidaria

Novas da Xunta - Lun, 17/06/2024 - 17:28

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández entrega o recoñecemento ao Colexio CEIP Plurilingüe Seis do Nadal, de Vigo

Tamén se premian as experiencias de voluntariado de lectura de 10 centros de Carballo, Muros, Outes, Sober, O Irixo, Bueu, A Estrada, Ponteareas e Vilagarcía 

A Consellería de Educación convoca o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e os Clubs de Lectura para o vindeiro curso

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo) para facerlle entrega do Selo Biblioteca Escolar Solidaria, un galardón concedido pola Xunta para recoñecer a centros  cuxas bibliotecas traballan de forma salientable a igualdade de oportunidades e fomentan o voluntariado cultural e social entre os seus integrantes.

Ademais do da cidade da oliveira, obteñen este recoñecemento os colexios CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio) e CEIP Plurilingüe Frián-Teis (Vigo), así como o Centro Integrado de FP Compostela (Santiago). Os cinco realizaron unha planificación da biblioteca solidaria sobre problemas reais que afectan á comunidade educativa, e que se poidan orientar arredor dos obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable. 

Cada un deles recibirá unha asignación de 1.500€, que deberá destinarse a actividades da biblioteca escolar no ámbito da atención da diversidade para facilitar avances na configuración dunha biblioteca inclusiva ou en relacións aos obxectivo da Axenda 2030 e con implicación das familias.

Voluntariado de lectura

Por outra banda, ao abeiro desta convocatoria recoñecéronse outras 10 experiencias na modalidade de Voluntariado na biblioteca escolar entre as bibliotecas dos centros de Educación Primaria, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Trátase dos colexios CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Plurilingüe de Louro (Muros), CEIP Plurilingüe de Outes (Outes), CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), CEIP Virxe da Pena da Sela (O Irixo), CEIP Plurilingüe Montemogos (Bueu), CEIP do Foxo (A Estrada), CEIP Fermín Bouza Brey (Ponteareas), CEIP A Lomba (Vilagarcía de Arousa) e CEIP O Piñeiriño (Vilagarcía de Arousa).

Neste caso os centros recoñecidos recibirán unha asignación de 600€ para o desenvolvemento dun obradoiro especializado sobre lectura expresiva, narración oral, escrita creativa, a radio como medio de comunicación, a elaboración de booktrailers (pezas audiovisuais de presentación dun libro), os xogos cooperativos ou a música e danza tradicionais.

O obxectivo destes recoñecementos é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura entre o alumnado de 5º e 6º de Primaria, a través de actividades como as lecturas compartidas dentro e fóra do centro (na vila, con outros centros, coa biblioteca pública ou outras institucións do concello, por exemplo), así como as accións de acompañamento na lectura a outros compañeiros do propio colexio, denominados como apadriñamentos e amadriñamentos lectores.

Incremento da participación

O número de centros que participan no programa de Bibliotecas Escolares Solidarias incrementouse de xeito significativo este curso e son 89 os centros que o desenvolven na modalidade de voluntariado escolar para 5º e 6º de Primaria, un 20% máis ca no 2022/23. Nesta categoría o alumnado forma parte do equipo de colaboradores que, xunto co profesorado, contribúen ao bo funcionamento biblioteca e ao desenvolvemento das súas iniciativas, organizando ademais lecturas compartidas dentro ou fóra do centro, con persoas maiores, entre outros.

Na modalidade de Secundaria e outras ensinanzas hai 132 centros integrados no programa, un 15% máis ca no curso anterior. A súa participación materialízase en actividades de colaboración relacionadas coa biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida ou de traballo coa información, organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro.

Novas convocatorias 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar tamén as convocatorias do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e dos Clubs de Lectura para o vindeiro curso. 

No caso do PLAMBE, poderanse incorporar 25 centros novos a este programa, que este curso chega aos 842 centros educativos de toda Galicia. O orzamento total da convocatoria, que contempla tanto os colexios e institutos de nova incorporación como os que continúan participando na iniciativa, é de 1,5M€. Ademais da achega económica, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería. 

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 18 de xullo e, como é habitual, a convocatoria incide na adquisición de fondos nas librarías de proximidade e dá prioridade aos centros do rural, de tal forma que, en igualdade de puntuación, terán preferencia os situados en concellos de menor poboación.

Por outra banda, o departamento educativo da Xunta pretende superar os 450 centros no programa de Clubs de Lectura o vindeiro curso. Como novidade, este curso haberá unha modalidade de nova incorporación e outra de continuidade, aínda que os centros que xa participaron noutros cursos non terán que achegar un novo proxecto para este ano. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de outubro.

Poderán participar os centros que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca escolar en tempos de lecer ou horario extraescolar. A dotación total do programa ascende a 400.000€ e con estas axudas os centros poderán adquirir libros para as actividades do club.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Os Bolechas estrean no colexio A Igrexa-Calo un libro adicado ao Camiño en Teo

Novas da Xunta - Lun, 17/06/2024 - 15:14
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, asisten ao Colexio CEIP A Igrexa-Calo, xunto Os Bolechas, co gallo da presentación do libro Os Bolechas visitan Teo.

No libro, os personaxes infantís galegos máis coñecidos percorren o concello de Teo e os seus lugares máis emblemáticos a través do camiño portugués.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o curso 2024/25

Novas da Xunta - Lun, 17/06/2024 - 14:41
Idioma Gallego

Publícase a Resolución do 10 de xuño de 2024 da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de  Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o curso 2024/25.

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación desta convocatoria no portal educativo e finalizará o día 18 de xullo de 2024.

Acceso á aplicación informatica de programas bibliotecas (https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas/)

 

File: 

Resolución do 10 de xuño de 2024

Tema: 

Programas e plans Plan LÍA Bibliotecas escolares

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Subdirección Xeral de Centros Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Resolución do 7 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula o bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), para o curso 2024/25

Novas da Xunta - Lun, 17/06/2024 - 10:32
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 7 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula o bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), para o curso 2024/25.

  • O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contactos coas Universidades para establecer colaboracións:
 

Universidade de Santiago de Compostela

Universidade da Coruña

Universidade de Vigo

 

File: 

Resolución do 7 de xuño de 2024 Resolución do 7 de xuño de 2024 (DOG) Anexo I: Solicitude

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez felicita ao instituto IES Illa de Ons de Bueu polo musical Os Miserábeis, no que participan máis de 70 persoas

Novas da Xunta - Dom, 16/06/2024 - 20:53
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asistiu, no Pazo de Cultura de Pontevedra, á estrea do musical Os miserábeis realizado polo Instituto IES Illa de Ons.

O titular de Educación da Xunta felicitou ás máis de 70 persoas que integran o elenco, entre alumnos, profesorado, persoal non docente e algunhas familias. A excelente representación é froito do traballo en conxunto do equipo de montaxe, iluminación, realización, vestiario, maquillaxe e perruqueira, entre outros. O proxecto foi creado durante o horario lectivo, como parte dun proxecto educativo integral do centro.

No ano 2019, o instituto, pola realización dunha obra como esta, recibiu o primeiro Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Este galardón, impulsado polo Goberno galego, contribúe ao incremento do uso da lingua, á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa e á posta en valor do galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Un total de 645 estudantes de Bacharelato participarán este verán nas estadías lingüísticas no estranxeiro impulsadas pola Xunta

Novas da Xunta - Dom, 16/06/2024 - 14:37

Summary: 

O Portal Educativo vén de publicar a listaxe de seleccionados, que mellorarán as súas competencias en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona ata o 92% da mesma

Ademais, 1350 alumnos de 45 centros galegos poderán integrarse no sistema educativo doutros países o vindeiro curso a través do programa EduExchanges

Idioma Gallego

Un total de 645 estudantes de Bacharelato participarán este verán nas estadías lingüísticas no estranxeiro impulsadas pola Xunta de Galicia co fin de mellorar as súas competencias nos idiomas inglés, francés, portugués e alemán tal e como pode consultarse no Portal Educativo.

Nesta convocatoria foron seleccionados un total de 407 alumnos de 1º de Bacharelato e outros 238 de 2º de Bacharelato, que gozarán de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto.

Así pois, 339 estudantes desprazaranse a Reino Unido e 230 a Canadá para mellorar as súas competencias en inglés; 60 farano a Francia para mellorar o seu francés; dez irán a Alemaña para perfeccionar o idioma alemán; e seis a Portugal para reforzar o seu portugués.

Curso

Modalidade

Prazas

2º Bacharelato

Inglés en Canadá

90

Inglés no Reino Unido

120

Francés en Francia

20

Portugués en Portugal

3

Alemán en Alemaña

5

1º Bacharelato

Inglés en Canadá

140

Inglés no Reino Unido

219

Francés en Francia

40

Portugués en Portugal

3

Alemán en Alemaña

5

 

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Con cargo a esta partida, a Xunta sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén entrar en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro. Deste modo, favorécese o desenvolvemento académico e persoal do alumnado. Para acceder a estas axudas os alumnos debían ter acadado unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de 6 no curso 2022/23, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.

EduExchanges ata o 23 de setembro

Por outra banda, ata 1350 alumnos de 45 centros galegos poderán integrarse o vindeiro curso no sistema educativo doutros países a través do programa EduExchanges, de promoción dos intercambios entre estudantes. Poden beneficiarse desta convocatoria os alumnos de 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato de centros educativos públicos que desenvolvan programas de intercambio durante o curso 2024/2025. A lingua vehicular do intercambio pode ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada e o réxime será de residencia coa familia do alumno de intercambio estranxeiro.

O alumnado galego participante deberá estar acompañado polo profesorado designado polo centro educativo, que realizará durante a súa estadía observación directa das metodoloxías do centro educativo estranxeiro e do seu impacto nos procesos de aprendizaxe do alumnado. Deste xeito,  potenciarase o traballo conxunto e fomentarase a reflexión sobre actuacións innovadoras, que redundarán no establecemento de proxectos comúns. O centro educativo será o encargado de chegar a acordo cun centro estranxeiro e de seleccionar ao alumnado participante.

O prazo para solicitar a participación neste programa estará aberto ata o 23 de setembro e as peticións deberán formalizarse a través da aplicación de Programas Educativos. A convocatoria conta cun orzamento de 350.000€.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Escola de Cantería de Poio expón o talento do seu alumnado na mostra ‘Arías Xidas’

Novas da Xunta - Sáb, 15/06/2024 - 18:56

Summary: 

O titular de Educación da Xunta subliña a importancia de potenciar o oficio da cantería fomentando a innovación e a tecnoloxía e atendendo ás demandas do sector

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou a exposición Arías Xidas, que inclúe as obras do alumnado da Escola de Cantería de Poio, e maquetas do patrimonio cultural, coa obra do veciño José Manuel Magdalena Otero. Ambas exhibicións permanecerán abertas ata o 8 de xullo.

O titular de Educación da Xunta, ademais de felicitar aos  estudantes polo excelente traballo desenvolvido, tamén aproveitou para recordar as novidades da Escola de Cantería para o vindeiro curso 2024-2025. O centro converterase nun Centro Integrado de FP, logo de que o Goberno autonómico asumira a súa titularidade, e aumenta a oferta formativa con catro novas titulacións. Os estudantes interesados poderán solicitar praza a partir do 24 de xuño.

O alumnado beneficiarase das melloras, xa que a partir deste curso, as ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional. Tamén, para o próximo curso, se ofertarán os ciclos duais de Proxectos de Edificación e de Construción. Estas titulacións de alta especialización son unha proposta exclusiva de Galicia onde, atendendo a demandas específicas por parte dos sectores produtivos, deséñanse itinerarios formativos moi especializados feitos ad hoc.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

As tres universidades públicas galegas ofertarán 17.000 prazas de grao e másteres o vindeiro curso

Novas da Xunta - Vie, 14/06/2024 - 18:18

Summary: 

Autorízanse o Grao Dual en Enxeñaría de Automoción da Universidade de Vigo e sete másteres, catro deles interuniversitarios entre a USC, a UVigo e a UDC 

Román Rodríguez denuncia o retraso da verificación definitiva da oferta por parte do Goberno central, que debería terse aprobado xa

Tamén se ratificou a proposta de matrículas universitarias gratuítas a partir de setembro, como paso previo para a aprobación no Consello da Xunta

Reitérase o compromiso da Xunta para garantir a contratación de axudantes doutores por parte das universidades malia a falta de concrecións e crédito do Goberno central

Idioma Gallego

As tres universidades públicas galegas ofertarán arredor de 17.000 prazas o vindeiro curso 2024-25, tras a incorporación de novos títulos de grao e máster aos que lles vén de dar o visto e prace o Consello Galego de Universidades, cuxa reunión de hoxe presidiu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. 

O titular do departamento educativo do Goberno Galego explicou que desde Galicia se seguen dando pasos para pechar a oferta do próximo curso pese ao retraso do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades que, a través da Conferencia General de Política Universitaria, “ten a última palabra” para autorizar a oferta definitiva. Como denunciou, a proposta que Galicia eleva á Conferencia de Política Universitaria aprobábase sempre entre finais de maio ou principios de xuño. Sen embargo, este ano, a día de hoxe nin sequera está convocada a reunión, co conseguinte bloqueo.

No que atinxe ás titulacións, condicionado á resolución de verificación favorable por parte do Consejo de Universidades a nivel estatal, o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe autorizou a implantación do Grao Dual en Enxeñaría de Automoción, da Universidade de Vigo. Será o primeiro deste tipo que se implante en Galicia e contará cun total de 20 prazas. 

En canto aos másteres universitarios públicos, o Consello de Universidades autorizou sete másteres universitarios (catro deles interuniversitarios), aínda que dous deles non se implantarán aínda o vindeiro ano por decisión autónoma das propias universidades. 

Así pois, están autorizados e prevese a implantación para o próximo curso dos másteres interuniversitarios entre as tres universidades públicas en Biofabricación, Internet das Cousas-IoT e Ensino do Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua (aínda que neste último a Universidade de Vigo non vai ofertar prazas o vindeiro curso). 

Pola súa banda, autorizouse o máster en Biociencias Moleculares na Universidade de Santiago de Compostela e o máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable na Universidade da Coruña. 

Tamén quedaron autorizados hoxe o máster interuniversitario en Economía Circular entre a USC, a UVigo e a UDC, pero que as propias universidades acordaron non ofertar  aínda para o vindeiro ano, así como o máster en Cronicidade e Novos Modelos de Atención Sociosanitaria da UDC, que tamén acordou non ofertar aínda prazas pese a obter xa a autorización. 

Taxas universitarias gratuítas

O Consello Galego de Universidades tamén deu o visto e prace á acción da Xunta para implantar a gratuidade da primeira matrícula universitaria para os alumnos de grao a partir de setembro, que se materializará tras a aprobación por parte do Consello da Xunta.

A Consellería presentou ao órgano de consulta e asesoramento universitario esta medida pioneira de apoio ás familias galegas para os estudos universitarios dos seus fillos, con matrícula de balde para todos os que se matriculan por primeira vez, así como para o resto dos cursos en función da porcentaxe de aprobados.

Apoio á contratación de profesorado

Por outra banda, o Consello Galego de Universidades analizou a situación do profesorado universitario tras a entrada en vigor da nova Lei de Universidades, que implica unha redución das horas de docencia para o profesorado asociado e o axudante doutor e, en consecuencia, a necesidade de cobertura das mesmas mediante a convocatoria de novas prazas para asegurar o normal funcionamento das titulacións.

A este respecto, Román Rodríguez denunciou a “falta de transparencia, a improvisación, o nulo talante negociador e o cambio das regras de xogo” do Goberno do Estado durante todo o proceso e, sobre todo, “o escurantismo”  en canto á dotación dos fondos estatais para financiar as novas prazas.

Cómpre lembrar que o pasado mes de abril, o Goberno central impuxo ás comunidades un acordo no que o Ministerio financiaba o 66% das prazas durante seis anos e as administracións autonómicas o restante 33%. Porén, agora o Ministerio comprométese só á financiación do 60% das prazas e só durante catro meses, deixando no aire como se vai proceder ao pagamento desa porcentaxe ata 2030. Porén obriga ás comunidades a asinar un acordo no que as compromete a asumir o 40% das prazas ata 2030.

En todo caso, o conselleiro subliñou que a Xunta “vai actuar con absoluta responsabilidade” para cumprir o compromiso acadado cos tres reitores neste eido e, para ilo, xa está mantendo reunións de traballo entre a Consellería de Educación e de Facenda e as tres universidades para dar solución a un problema “xerado polo Goberno central e que agora nos toca ás comunidades autónomas arranxar”.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez gaba o esforzo e o talento dos graduados en Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo no Campus de Pontevedra

Novas da Xunta - Vie, 14/06/2024 - 18:15

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP exerce de padriño de honra no acto de graduación da XV promoción de estudantes que saen desta facultade

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, Román Rodríguez, gabou hoxe o esforzo, a dedicación e o talento dos 30 estudantes graduados en Dirección e Xestión Pública no Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. 

O titular de Educación do Goberno galego participou esta tarde como padriño de honra da XV promoción da facultade, onde estivo acompañado polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa.

Román Rodríguez puxo en valor a calidade académica dos coñecementos adquiridos no sistema universitario público galego durante a etapa formativa “dunha xeración que de seguro contribuirá a xerar emprego, riqueza e benestar en Galicia”. Tamén aproveitou para desexarlles a todos os graduados un “exitoso” futuro persoal e profesional e agradecer ás familias “o apoio e esforzo” amosado durante estes anos. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta inviste 4,8 M€ nas novas instalacións do IGFAE para dar un salto cualitativo nun dos centros de excelencia da investigación galega

Novas da Xunta - Jue, 13/06/2024 - 20:22

Summary: 

É o único centro galego acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu, un recoñecemento estatal que lles facilita colaborar con institucións como o CERN

A Xunta está a investir máis de 22M€ en melloras nas infraestruturas da Universidade compostelá 

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, visitaron hoxe as obras que se están a realizar para habilitar a nova sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), un centro de titularidade compartida entre ambas institucións. A actuación conta cun investimento de 4,8M€ por parte da Xunta de Galicia ao abeiro do convenio entre a Consellería e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. Na visita participaron tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o director do instituto, Carlos Alberto Salgado.

O titular do departamento de Ciencia do Goberno galego destacou que o obxectivo desta actuación é aumentar a superficie deste centro, especialmente en laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas destinadas ás actividades de divulgación. “Isto vai supoñer un salto cualitativo nas instalacións deste instituto, que forma parte da Rede de centros de Investigación universitaria de Galicia”, sinalou o conselleiro.

As obras para habilitar a nova sede do IGFAE inclúen tanto o acondicionamento dos espazos xa existentes como a execución dun novo volume en planta baixa. O obxectivo é dotar ao centro de flexibilidade para adaptar os diferentes espazos os requirimentos das actividades de investigación, ao tempo que se actualizan e melloran os espazos existentes e se crean outros novos dedicados a laboratorios, entre outros. Segundo o programa de necesidades a superficie total de actuación é de 4.880,15 m², dos que 348,5 m² se corresponden co volume de ampliación.

Amplo apoio á USC

A Xunta está a investir máis de 22M€en melloras nas infraestruturas da universidade compostelá. A actuación no IGFAE enmárcase no convenio entre a Consellería e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. A isto súmase o plan de mellora de infraestruturas, no que o Goberno galego inviste 40M€, dos que arredor de 16M€ serán para a USC. A través deste plan prevese mobilizar arredor de 100M€ en obras nas tres universidades públicas galegas.

As actuacións ao abeiro deste plan na Universidade de Santiago de Compostela pasan pola creación da nova Cidade da Saúde na capital galega, coa construción dun conxunto de edificios que acollan a Facultade de Enfermaría, a Facultade de Farmacia, un centro de investigación na área de Ciencias da Saúde e un aparcadoiro, así como a reforma da Facultade de Medicina e Odontoloxía. No Campus de Santiago tamén está prevista a primeira fase da reforma integral da Facultade de Química.

Centro de relevancia internacional

Román Rodríguez destacou o potencial deste centro mixto da Xunta e a Universidade de Santiago, “o único centro de investigación galego que conta coa acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que ademais vén de revalidar”, explicou. Tamén incidiu na “marca de calidade que esta distinción estatal imprime á actividade que se realiza nel, e que lle abre as portas a seguir participando en proxectos internacionais de tanta relevancia como os desenvolvidos en colaboración coa Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra”.

A acreditación facilita, así mesmo, a formación de persoal investigador e a captación de talento a nivel internacional. Non en balde, case o 30% dos 103 investigadores do IGFAE é persoal captado do estranxeiro. O centro mantén, ademais, unha elevada porcentaxe de éxito en convocatorias de alto prestixio, como as do European Research Council (ERC), Marie Sklodowska-Curie e Ramón y Cajal, que agardan reforzar coa renovación da acreditación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez destaca en Galicia Biodays o papel fundamental da comunidade na biotecnoloxía

Novas da Xunta - Jue, 13/06/2024 - 20:18
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, achegouse hoxe ata Galicia Biodays, o foro da industria da Biotecnoloxía e Ciencias da Vida no Espazo Atlántico Europeo, organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e co que colabora a Xunta. Alí puido visitar os stands que conforman o evento e asistir á mesa redonda Os clústers como ferramenta para impulsar a competitividade empresarial.

Este tipo de encontros, que busca poñer en común aos axentes dinamizadores do sector e establecer sinerxías e oportunidades de negocio, reflexan o papel fundamental que ten Galicia no eido da biotecnoloxía, ao abeiro da Estratexia de Consolidación do sector Bio 2021-2025. “Con esta iniciativa queremos continuar posicionando a Galicia como rexión referente en biotecnoloxía, fomentar a xeración de negocio e garantir a consolidación empresarial”, salientou o titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Seis centros galegos rematan o seu primeiro curso no programa Escolas de fronteira entre España e Portugal

Novas da Xunta - Jue, 13/06/2024 - 20:11

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participa na clausura desta iniciativa que promove as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe en Xinzo de Limia no encontro internacional que conclúe o programa Escolas de fronteira deste curso. A Xunta promove, con esta iniciativa, as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal. 

Neste curso, participaron na iniciativa un total de 49 centros de España e Portugal, deles seis galegos. Trátase dos colexios CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra do Miño), CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), CEIP Princesa de España (Verín) e CEIP Plurinlingüe Amaro Refojo (Verín). 

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitounos pola  súa disposición por formar parte desta iniciativa e polo seu interese por tecer redes educativas e culturais cos centros do país veciño. Durante a xornada, os colexios participantes presentaron o seu proxecto en conxunto co seu centro espello portugués, co cal promoveron a creación e intercambio de recursos pedagóxicos. Para levar a cabo estas actividades, o profesorado realizou unha formación específica sobre metodoloxía de proxectos multiculturais.

Así mesmo, participaron no encontro representantes da Embaixada de España en Portugal, así como membros das delegacións e gobernos de Portugal, Estramadura e Castela e León.

O encontro evidencia a importancia de fomentar a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués, dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono.  As actividades interdisciplinarias realizadas engloban as realidades de ambos países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan.

Proxecto EBIF

O proxecto EBIF (escolas bilingües e interculturais de fronteiras) promove a educación intercultural e bilingüe nos centros situados na zona fronteiriza entre España e Portugal. A iniciativa fomenta a cooperación entre ambos países e as comunidades autónomas, coa Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) como socio estratéxico. Ademais, conta coa participación das Universidades de Aveiro e Complutense de Madrid, as cales tamén asistiron a inauguración do encontro internacional.

A iniciativa fomenta as relacións entre ambos países e as comunidades autónomas. Por iso, durante a xornada, establecéronse as liñas da próxima edición en relación a autonomía, formación e recursos, co fin de continuar promovendo as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria do Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2024

Novas da Xunta - Jue, 13/06/2024 - 13:28
Idioma Gallego

Convócase o Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2024 para os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional durante o curso escolar 2023/24.

Os centros docentes poderán participar en dúas categorías:

Categoría A: destinada a educación infantil e educación primaria.

Categoría B: destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial.

Concederanse, para cada categoría, catro premios:

Categorías

Premio

Importe

A

1º premio

5.000€

2º premio

2.500€

3º premio

1.000€

Mención de honra

500 €

B

1º premio

5.000€

2º premio

2.500€

3º premio

1.000€

Mención de honra

500 €

 

Os centros premiados co primeiro premio recibirán ademais o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.

O prazo de presentación das solicitudes será contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ata o 30 de setembro de 2024 (incluído).

 

File: 

Resolución do 12 de xuño de 2024

Tema: 

Atención á diversidade Axudas e premios Premios autonómicos

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Atención á diversidade e orientación Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Resolución definitiva de solicitudes admitidas e excluídas do programa PIALE 2024

Novas da Xunta - Jue, 13/06/2024 - 11:41
Idioma Gallego

Tal e como se recolle no Artigo 15.3. da Orde do 30 de xaneiro de  2024, faise pública a Resolución Definitiva de solicitudes admitidas e  excluídas do programa PIALE 2024. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e exporase no portal educativo da  Consellería na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/piale/.

 

Acceso á aplicación

 

Anuncio principal: 

Convocadas prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao programa PIALE para o ano 2024

Servizo relacionado: 

PIALE

Tema: 

Programas e plans PIALE

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Innovación e Programas Educativos

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Linguas estranxeiras
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta abre o prazo para participar no programa Educación Responsable, que este curso superou o centenar de centros

Novas da Xunta - Mié, 12/06/2024 - 20:19

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita unha actividade no IES Antón Losada Diéguez co gallo da publicación desta convocatoria

A iniciativa sobre benestar emocional desenvólvese en colaboración coa Fundación Botín

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES Antón Losada Diéguez, na Estrada, coincidindo coa publicación no Portal Educativo da convocatoria do programa Educación Responsable para o vindeiro curso. Precisamente, neste centro puido comprobar o desenvolvemento desta iniciativa, que fomenta a formación do alumnado incidindo na importancia da educación emocional no seu desenvolvemento persoal e académico.

Poderán incorporarse ao programa un total de 15 centros que impartan ensinanzas de Infantil, Primaria, ESO, Educación Especial ou FP Básica. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de xullo por medios electrónicos.

O programa Educación Responsable, en colaboración coa Fundación Botín, funciona a través dunha rede galega na que, durante o ano académico 2023/24, participaron 102 centros, 6.985 alumnos e 438 docentes. Todos eles recibiron formación, recursos educativos e seguimento por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Fases en tres cursos

Recollido na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, está centrado na aplicación didáctica, dentro das áreas curriculares, dunha serie de recursos de educación emocional, social e creativa, que se realiza de forma coordinada na rede de Centros Educación Responsable de Galicia.

A iniciativa desenvólvese ao longo de tres cursos nos que, a maiores de levar ás aulas as actividades e materiais dos que dispón o programa, os centros contan con formación vencellada ao Plan de Formación Permanente do Profesorado, así como financiación para desenvolver o programa a través dos Contratos-Programa.

O obxectivo da fase inicial e de crecemento (1º curso) é que o equipo de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e aplique as actividades da iniciativa; mentres que na fase de expansión (2º curso), o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria dentro do seu proxecto educativo, recibindo formación para o resto dos docentes e estendendo o programa a un maior número de alumnado.

A fase de consolidación (3º curso) ten como obxectivo que o centro utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos profesores incorporen nas súas programacións de aula actividades de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.

Ademais de en Galicia, o programa desenvólvese noutras comunidades españolas, concretamente en Cantabria, Madrid, A Rioxa, Navarra, Murcia, Castela e León, Aragón e Comunidade Valenciana, así como nos países de Uruguai, Chile e México.         

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta dotará o centro galego de innovación da FP dun espazo de alta especialización en ciberseguridade ao servizo do profesorado e dos proxectos de I+D+i

Novas da Xunta - Mié, 12/06/2024 - 20:14

Summary: 

A directora xeral de FP e representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia buscar sinerxías neste ámbito estratéxico para administracións e empresas

Idioma Gallego

A Xunta vai dotar o Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros dun espazo de alta especialización en ciberseguridade dotado coas últimas tecnoloxías e o equipamento necesario para conseguir a máis alta formación e especialización do profesorado e a xeración de proxectos de I+D+i que sexan de transferencia directa ás empresas e institucións.

Así o acordaron hoxe a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o xefe de área de Infraestruturas e seguridade de Amtega, Adrian Lence, nunha xuntanza de traballo mantida nas instalacións deste centro, en Ourense, coa finalidade de buscar sinerxías neste eido, que constitúe un dos obxectivos estratéxicos tanto das administracións como das empresas. Precisamente, o Centro Eduardo Barreiros ten entre as súas funcións o desenvolvemento da investigación aplicada e a transferencia dos resultados dos proxectos ao resto dos centros de Formación Profesional e ao conxunto dos sectores produtivos.

O seu obxectivo primordial é protexer os sistemas tecnolóxicos e os datos privados contidos nos mesmos fronte a calquera tipo de ameaza. Por esta razón, hoxe en día, o papel que desempeña a ciberseguridade na sociedade é sumamente relevante xa que achega ferramentas e mecanismos que permiten aumentar a confianza e seguridade no ámbito dixital, retador, global e interconectado actual.

Másteres de ciberseguridade

Para o vindeiro curso 2024-2025, a oferta de Formación Profesional inclúe 14 másters de FP en materia de ciberseguridade, nove en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información e cinco en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da operación. Isto supón un reforzo da oferta coa ampliación de 190 prazas máis neste eido, o que representa un incremento do 135,71 % con respecto ao presente curso. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta
Contenido sindicado


by Dr. Radut