Skip to Content

Novas da Xunta

Os Plans de Formación do Profesorado sitúanse en máximos con 34.000 docentes participantes e case a totalidade dos centros educativos

Novas da Xunta - Jue, 29/02/2024 - 17:49

Summary: 

O obxectivo desta acción é atender as necesidades formativas e a mellora de competencias docentes, o que redunda nunha mellora da calidade educativa

A Xunta implantou por primeira vez esta liña no curso 2012-13 con preto de 7.000 horas de formación e nunha década multiplicáronse por dez ata as 70.500 horas

As actividades máis demandadas son as que teñen que ver coa competencia dixital, a competencia en educación inclusiva e coeducación e a competencia didáctica

Idioma Gallego

O Consello da Xunta vén de analizar un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sobre a evolución dos Plans de Formación Permanente do Profesorado en centros na última década, onde se constata un crecemento exponencial tanto no que atinxe a número de actividades como profesorado e centros participantes. Esta é unha iniciativa estratéxica do Goberno galego no eido educativo que ten como principal finalidade garantir a axeitada formación e preparación do profesorado para ofrecer a mellor educación ao alumnado e preparalo para os retos de presente e de futuro.

Non en balde, tras a súa implantación como experiencia piloto o curso 2012-13 e logo dunha década de funcionamento, o curso pasado esta iniciativa acadou máximos de case 34.000 docentes participantes nalgunha das liñas que o conforman fronte aos algo máis de 3.800 do primeiro ano. Isto significa que o pasado curso máis de nove de cada dez docentes galegos se formaron no seu centro a través dun plan deste tipo.

Así mesmo, a cobertura dos plans acada o 95% dos centros educativos, fronte ao 18% adscritos no 2012-13. A evolución tamén é positiva no que atinxe ao número de plans (que pasa de 68 a 1.018 na última década) e no número de actividades formativas (de 342 a 4.075).

Competencia dixital, inclusión e didáctica

Por competencias e liñas formativas desenvolvidas, a competencia dixital sitúase á cabeza concentrando o 39% dos participantes; en segundo lugar a competencia en educación inclusiva e coeducación co 24% de participantes e a competencia didáctica, que acapara o 22% de participantes.

Estas preferencias están aliñadas cos cambios normativos e de currículo, coa importancia dos principios de inclusión e atención á diversidade en todo o sistema educativo así como co aumento e presenza das tecnoloxías da innovación e a comunicación nas aulas, sobre todo derivados dos efectos da pandemia.

Despois séguenlle a competencia en innovación e investigación (10% de participantes) e a competencia comunicativa e lingüística (co 5% de participantes).

Oferta diversificada e adaptada a cada centro

Cómpre lembrar que esta acción naceu como unha vía de formación específica no propio centro educativo, cunha oferta diversificada adaptada ás circunstancias de cada colexio ou instituto e ao seu profesorado. O obxectivo é de fomentar que os centros educativos desenvolvan plans específicos de formación que contribúan á autonomía do profesorado, á mellora da práctica profesional, ao desenvolvemento do traballo en equipo e a impulsar a investigación e a innovación metodolóxica.

A súa finalidade é, por tanto, atender as necesidades formativas e a mellora de competencias docentes, o que redunda nunha mellora das competencias do alumnado e da calidade educativa no seu conxunto.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

O Colexio Felipe de Castro, de Noia, desenvolve estes días o programa da Xunta ‘Cinema con perspectiva’ , de concienciación sobre a igualdade de xénero

Novas da Xunta - Mié, 28/02/2024 - 19:01

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita as actividades desta iniciativa, que inclúen a proxección de curtas, coloquios e obradoiros.

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse esta mañá ao Colexio CEIP Felipe de Castro de Noia para asistir ás distintas actividades que estes días está levando a cabo este centro no marco do programa Cinema con perspectiva impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa asociación cultural FICBUEU e que ten como obxectivo concienciar aos nenos e mozos sobre a igualdade e a perspectiva de xénero.

O Felipe de Castro é un dos 40 centros participantes na edición deste ano, que abrangue a proxección de curtametraxes con temática de igualdade de xénero, a organización de coloquios para estimular a capacidade reflexiva e analítica do alumnado sobre os valores e as mensaxes en materia de igualdade presentes nas filmacións e o desenvolvemento de obradoiros educativos para a creación dunha sinxela produción audiovisual.

Cinema con perspectiva está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ten como obxectivo educar na identificación e tratamento dos estereotipos sexistas presentes na narrativa do cinema e noutras formas de expresión audiovisual. Así mesmo, o alumnado pode crear un produto (guión, plan de rodaxe, etc.) para pór en escena unha sinxela produción audiovisual con perspectiva de xénero.

A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Convivencia Escolar, que contempla como un dos seus principios a consecución efectiva da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes e na igualdade de trato e non discriminación as persoas en función da súa condición sexual.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta levará a cabo este verán a substitución da cuberta do IES A Sardiñeira, na Coruña, cun investimento de 414.000 €

Novas da Xunta - Mié, 28/02/2024 - 15:51

Summary: 

O conselleiro Román Rodríguez pon en valor o labor pedagóxico que desenvolve este instituto a través de espazos como a aula tecnolóxica ou o seu xardín botánico

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai acometer este verán a obra de substitución da cuberta do Instituto IES A Sardiñeira, na Coruña, para o cal destina un orzamento de arredor de 414.000 euros. Así o sinalou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, nunha visita a este centro do barrio dos Mallos no que cursan os seus estudos uns 550 estudantes de ESO, Bacharelato e FP.

Segundo explicou, nestes momentos está na fase de adxudicación o proxecto para a substitución das cubertas co obxectivo de que a obra se execute durante o verán “aproveitando ao máximo o período non lectivo estival”. Esta obra vaise centrar no edificio que pertencía a un antigo colexio e que, posteriormente, se incorporou ao actual instituto.

Durante a visita ao centro, Román Rodríguez tivo ocasión de coñecer de primeira man labor pedagóxico que o profesorado deste instituto co seu equipo directivo á cabeza desenvolve en espazos como o seu xardín botánico ou a aula tecnolóxica. De feito, esta aula, que empregan os alumnos dos ciclos formativos, foi acondicionada grazas a un investimento de 20.500 por parte da Consellería.

Moi activo en programas educativos

O titular do departamento de Educación aproveitou para agradecer o traballo e a implicación do centro nos distintos programas educativos que pon a disposición a Consellería no ámbito dixital, plurilingüe e de convivencia.

Non en balde, o centro conta con Polo Creativo, participa no Club de Ciencias, nos Contratos-Programa, no Plan Proxecta e no plan de reforzo Proa+. Tamén conta con auxiliares de conversa en inglés e en francés; participa activamente nos intercambios escolares de lingua, e destaca no seu dinamismo a prol da convivencia positiva nas aulas a través de grupos de traballo de convivencia e mediación escolar.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

Listaxe provisional de centros seleccionados nos programas do Plan Eduemprende 2023/2024

Novas da Xunta - Mié, 28/02/2024 - 15:48
Idioma Gallego

Publicada a listaxe provisional de centros seleccionados para participar nos programas do Plan Eduemprende 2023/2024 convocados pola Resolución do 10 de xaneiro de 2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional.

O prazo para presentar reclamacións ou emendar documentación estará aberto do 29 de febreiro ao 4 de marzo, ambos os dous incluídos.

Tema: 

Programas e plans eduemprende

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Centros
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta acomete a mellora dos tres centros educativos de Forcarei cun investimento de case 1,2 M€

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 18:12

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións e o delegado de Pontevedra visitan os colexios das Dores e de Soutelo, onde se realizaron obras por uns 800.000 euros

En ambos centros acometeuse a renovación de fachadas, cubertas e fiestras

Román Rodríguez anuncia a licitación dunha actuación no Instituto IES Chano Piñeiro, por un importe de 377.000 euros para mellorar a fachada e a cuberta

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe Forcarei para supervisar o remate das obras levadas a cabo nos colexios CEIP Nosa Señora das Dores e CEIP Soutelo de Montes, nos que o Goberno galego vén de investir preto de 800.000 euros.

A esta cifra hai que engadir a próxima mellora no Instituto IES Chano Piñeiro por 377.000 euros, o que eleva a case 1,2 M€ os investimentos recentes do Goberno galego nas tres infraestruturas educativas coas que conta este Concello. Como avanzou, a obra do instituto está actualmente en licitación coa previsión de realizarse este ano. En concreto, mellorarase a fachada e a cuberta.

Dado que o Colexio Nosa Señora das Dores e o instituto comparten o mesmo recinto e edificio, a vontade, segundo explicou o conselleiro, “é rehabilitar todo o conxunto dunha forma coherente en materiais e cores”. Así pois, cun orzamento de preto de 377.000 euros e un prazo de execución de catro meses, a Consellería vai instalar unha fachada tipo SATE, con illamento térmico e colocación dunha cuberta de panel de sandwich.

Durante o percorrido polos dous colexios onde xa concluíron as intervencións, Román Rodríguez destacou o compromiso do seu departamento coa mellora do sistema educativo a través de actuacións concretas en infraestruturas para lograr colexios e institutos “máis sostibles, confortables e innovadores”, tal e como establece o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

No caso concreto do Colexio Nosa Señora das Dores, o investimento da Xunta superou os 481.000 euros, que se destinaron á mellora das fachadas e das cubertas coa colocación de illamento térmico no exterior do edificio. Tamén se procedeu á substitución das ventás, instalación de persianas e mellora dos canlóns de baixantes. 

No caso do Colexio de Soutelo de Montes, cun orzamento de preto de 300.000€, tamén se acometeron melloras na fachada coa colocación de illamento térmico e a substitución das fiestras, reparouse a cuberta e os canlóns de baixantes.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

Resolución do 20 de febreiro de 2024, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2024/25

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 15:58
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 20 de febreiro de 2024, conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2024/25.

 

File: 

Resolución do 20 de febreiro de 2024 (DOG)

Tema: 

Acceso á universidade Normativa

Ensinanza: 

Bacharelato

Departamento: 

Secretaría Xeral de Universidades Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez marca a diversidade como un valor que se debe cultivar desde as aulas

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 13:14
Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, amosa o compromiso do seu departamento coa formación do profesorado no ámbito da atención á diversidade como un dos elementos clave para un sistema educativo plenamente inclusivo e de calidade.

Así o manifestou esta mañá na apertura dunha xornada dirixida a profesionais de atención á diversidade co dobre obxectivo de mellorar o seu labor docente e axudar ao seu alumnado a desenvolver todas as súas potencialidades. “Vivimos nun contexto social amplo e plural en canto a culturas, intereses e circunstancias”, explicou o representante da Xunta, quen engadiu que esta diversidade “representa un valor e un enriquecemento” para o conxunto da sociedade que se debe cultivar desde as aulas.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

O colexio Raquel Camacho da Coruña e o CIFP A Carballeira de Ourense gañan o concurso escolar das letras galegas para homenaxear a Luísa Villalta

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 13:10

Summary: 

O certame, promovido pola Consellería de Cultura e Educación premia as mellores exposicións elaboradas polos centros para divulgar a figura da escritora coruñesa

A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica distribuiranse en centros de ensino de Galicia e do exterior, centros de estudos galegos, concellos, bibliotecas e outros lugares de interese

Idioma Gallego

O concurso escolar da Xunta de Galicia para a elaboración da exposición sobre Luísa Villalta, autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024, xa ten gañadores: o Colexio CEIP Raquel Camacho, da Coruña, e o Centro Integrado de FP CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, de Ourense.

En concreto, o colexio coruñés alzase co premio na categoría destinada aos centros de Educación Infantil e Primaria pola mostra Tatuada na pétrea pel do mar; mentres que o centro ourensán e a súa exposición Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta Gómez é o gañador na categoría destinada a centros de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.

Cada centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2.000 €, mentres que o profesorado implicado obterá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).

Con esta iniciativa anual, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, impulsa e promove a celebración das Letras Galegas durante todo o curso escolar entre a rapazada.

Distribución das exposicións

Ademais, cada exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora a quen se lle rende homenaxe nestas Letras Galegas.

A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica serán impresas e distribuídas en centros de ensino de Galicia e do exterior, centros de estudos galegos, concellos, bibliotecas e outros lugares de interese. Tamén estará dispoñible no Portal da Lingua Galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta difunde experiencias de éxito entre o alumnado do instituto IES de Viós de Abegondo

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 13:02

Summary: 

Julio Martínez Rumbo, director de proxectos de Bioga, e Sara González Iglesias, terapeuta ocupacional, trasladaron aos estudantes as súas experiencias e responderon ás súas dúbidas sobre oportunidades formativas e laborais

Idioma Gallego

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judtih Fernández, participaron hoxe no Instituto IES de Viós na primeira xornada dos obradoiros ‘Talento Mozo’ deste curso 2023-2024, dirixidos a alumnado de secundaria de toda Galicia. Á sesión de hoxe asistiu unha trintena de estudantes de 4º de secundaria, que escoitaron as experiencias de Julio Martínez Rumbo, director de proxectos do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e Sara González Iglesias, terapeuta ocupacional.

A través de ‘Talento Mozo’, a Xunta quere dar visibilidade á creatividade, empuxe, potencial e capacidade de innovación que ten a xente moza. Ao abeiro desta iniciativa estanse a facer coloquios nos centros de secundaria galegos para presentarlle ao alumnado casos de éxito da mocidade e promover que sirvan de referencia. Así mesmo, nestes coloquios dáse resposta ás dubidas que as mozas e mozos poidan ter á hora de escoller estudos superiores e a súa posterior inserción no mercado de traballo.

Julio Martínez Rumbo, graduado en Bioloxía pola Universidade da Coruña e MBA en dirección de empresas e emprendemento, traballa desde hai seis anos en Bioga desenvolvendo a xestión integral de proxectos do clúster. Pola súa parte, Sara González Iglesias é terapeuta ocupacional e comezou a traballar en ENKI, entidade que impulsa a inserción de persoas con discapacidade.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

Publicación das vacantes definitivas no Concurso Xeral de Traslados (código de procedemento ED012A)

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 12:37
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 27 de febreiro de 2024 pola que se fan públicas as vacantes definitivas que serán obxecto de provisión no concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación (código de procedemento ED012A).

 

Anuncio principal: 

Concurso xeral de traslados dos corpos de persoal docente non universitario dependente da Consellería competente en materia de educación 2023

Servizo relacionado: 

CXT

Tema: 

Concurso de traslados

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas da Xunta

Relación de proxectos presentados á convocatoria de premios a proxectos de innovación na FP 2024

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 12:00
Idioma Gallego

Publicada a listaxe de proxectos de innovación presentados á convocatoria de premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (Resolución do 26 de decembro de 2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional).

Tema: 

Programas e plans Plans e actuacións en innovación educativa

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Profesorado Alumnado
Categorías: Novas da Xunta

Resolución do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 11:52
Idioma Gallego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para elaborar unha exposición sobre a obra, a época e a lingua de Luísa Villalta, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que esta viviu.

Logo de finalizar o prazo de presentación de orixinais e de se reunir a Comisión de Selección, publícase a resolución cos centros gañadores.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Tatuada na pétrea pel do mar, elaborada polo CEIP Raquel Camacho, da Coruña.

Na categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, a exposición premiada é Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta Gómez, do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, de Ourense.

Cada exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas.

O centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2.000 €, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha dos traballos seleccionados obterá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).

A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica será impresa e distribuída en centros de ensino de Galicia e do exterior, bibliotecas e outros; e tamén estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais elaborados pola SXPL e polos equipos de dinamización da lingua galega.

A SXPL agradece a participación nesta iniciativa, que require sempre un grande esforzo e entusiasmo da comunidade educativa.

Pódese consultar a Resolución da convocatoria do concurso para a elaboración da exposición sobre Luísa Villalta, a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024, no documento anexo.

 

Anuncio principal: 

Convocatoria do Concurso-Exposición sobre Luísa Villalta, a Autora Homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024

Tema: 

Lingua galega Programas e plans

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Entidades autonómicas

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias
Categorías: Novas da Xunta

Convocadas prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao programa PIALE para o ano 2024

Novas da Xunta - Mar, 27/02/2024 - 09:05
Idioma Gallego

Achégase a Orde pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2024 (código ED305F). 

  • O prazo para a presentación de solicitudes abrangue desde o 28 de febreiro  ata o 19 de marzo de 2024, ambos os dous incluídos. 

Acceso á aplicación

 

File: 

Ordedo 30 de xaneiro de 2024 (DOG)

Servizo relacionado: 

PIALE

Tema: 

Programas e plans PIALE

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Innovación e Programas Educativos

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín Linguas estranxeiras
Categorías: Novas da Xunta

Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio. Comezo do período de inscrición. Convocatoria 2024

Novas da Xunta - Lun, 26/02/2024 - 10:59
Idioma Gallego

Aberto o período de inscrición para probas de acceso a ciclos formativos de grao medio, do 26 de febreiro ao 8 de marzo de 2024, ambos incluídos.
Pode consultar a Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento ED312C e ED312D) na seguinte ligazón:

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta convoca 174 contratos de investigadores predoutorais e posdoutorais para o desenvolvemento do seu labor científico en Galicia

Novas da Xunta - Dom, 25/02/2024 - 14:00

Summary: 

O obxectivo destas accións, ás que o Goberno galego destina 30,5M€, é contribuír a afianzar un sistema galego de investigación forte e especializado

Convócanse 102 bolsas predoutorais para contratos de catro anos, dotados con ata 30.000 euros/ano e ata 6.000 € para os tres meses de estadía no estranxeiro

Lánzanse 49 contratos posdoutorais de modalidade única, que pasan a ser de seis anos de duración co fin de facilitar a estabilización dos investigadores

Mantéñense 23 bolsas posdoutorais de continuidade para aqueles que xa iniciaron liñas de investigación propias, co fin de completar a súa formación durante tres anos

As tres accións forman parte do Plan iTransfer de Promoción da Investigación do Sistema Universitario de Galicia, dotado con 104M€ para 2024

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde a través do Diario Oficial de Galicia á convocatoria de 174 contratos predoutorais e posdoutorais para 2024 co obxectivo de que os investigadores seleccionados desenvolvan o seu labor científico en estruturas de investigación en Galicia. Trátase das convocatorias de axudas á etapa predoutoral, á etapa posdoutoral de modalidade única e posdoutoral de continuidade, ás que o Goberno galego destina preto de 30,5M€.

As tres accións forman parte das oito que conforman o Plan iTransfer de Promoción da Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), dotado con 104M€ no 2024, co fin de impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro.

Apoio á etapa predoutoral

Xa está aberta a convocatoria conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación do programa de axudas predoutorais 2024 cunha dotación de case 12M€ para a contratación de 102 investigadores por un período de catro anos no Sistema Universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i. O prazo de solicitudes estará aberto ata o 19 de marzo.

A finalidade deste programa, que se desenvolve desde o ano 2012, é a formación do persoal nas súas etapas iniciais para que, mediante procesos formativos estables, adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Trátase de contratos de catro anos de duración que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas que resulten seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se len ou non a tese antes. A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Ademais, amplíase a dotación orzamentaria desta convocatoria, subvencionando aos gastos asociados á realización do programa de doutoramento.

Apoio formación posdoutoral

A Xunta, a través do DOG, tamén vén de lanzar a convocatoria de axudas á etapa posdoutoral, dotada con case 15M€ (o dobre da contía actual) para 49 contratos, e cun novo enfoque estrutural enfocado á impulsar unha maior estabilización do persoal investigador. O prazo de solicitudes estará aberto ata o día 19 de marzo.

Ata o de agora a etapa posdoutoral estaba estruturada en dúas convocatorias (unha de formación inicial de tres anos e outra de continuidade de dous anos) e agora, o persoal investigador que inicie a etapa posdoutoral en 2024 accederá a unha convocatoria única de seis anos de duración divida en dúas fases de tres anos cada unha cunha avaliación intermedia para pasar dunha fase á outra.

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán unha bolsa de 32.000 euros/ano en concepto de salario e custos sociais. A maiores, recibirán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Durante a segunda fase da estadía, os beneficiarios recibirán 49.000 euros ao ano durante todo o período, dos cales 38.000 euros son en concepto de salario e custos sociais e o resto son complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.

A convocatoria, inclúe, ademais, un compromiso por parte das universidades que acollan contratados ao abeiro da mesma de crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanente vinculados a necesidades docentes ou investigadoras.

Axudas posdoutorais de continuidade

Así mesmo permanece aberta ata o día 1 de marzo a convocatoria de axudas posdoutorais de continuidade. Trátase de 23 bolsas (20 para as universidades públicas do Sistema Universitario Galego e tres no resto de entidades beneficiarias), por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas. Estes contratos posdoutorais de continuidade terán unha duración de tres anos e unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia para que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria no sistema de I+D+i galego.

Están dirixidos ao persoal ao servizo das universidades públicas galegas, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.

As axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez avoga por seguir apostando pola educación “como un medio para mellorar a nosa sociedade”

Novas da Xunta - Vie, 23/02/2024 - 16:29

Summary: 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións participa na presentación do libro ‘A educación en Galicia en perspectiva: Alicerces para o porvir’, coordinador polo profesor da USC Alexandre Sotelino

A obra, en cuxa elaboración participaron máis de 60 profesionais, afonda na dimensión social da educación e a súa influencia presente e futura na Comunidade

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, gaba o “importante papel” que xoga a educación na dinamización e a cohesión social ao servizo da transformación democrática e dunha sociedade máis igualitaria.

Así o puxo de manifesto esta mañá con motivo da presentación do libro A educación en Galicia en perspectiva: Alicerces para o porvir, elaborado coa participación de máis de 60 profesionais docentes baixo a coordinación do profesor da Universidade de Santiago Alexandre Sotelino, recoñecido do eido da investigación educativa e que foi galardoado co premio Educa ao mellor docente universitario de España no curso 2021-22. 

A obra aborda a dimensión social da educación na Galicia actual e de futuro a través dunha cronoloxía dos distintos niveis formativos que compoñen o sistema educativo galego, desde a etapa de Primaria ata a universidade. Nela analízase a inserción da educación na súa realidade territorial a través de aspectos como a pedagoxía medioambiental, o emprego das novas tecnoloxías ou a atención á diversidade e ás novas necesidades educativas.

Neste senso, o conselleiro de Educación gabou a importancia desta publicación na medida en que contribúe a “entender mellor de onde vimos e cara onde nos encamiñamos para acadar os mellores resultados posibles”. Así pois, Román Rodríguez avoga por seguir apostando pola educación “como un medio para mellorar a nosa sociedade e como elemento diferenciador do noso potencial”.

No acto de presentación, que tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia, tamén participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices, e o coordinador Alexandre Sotelino. Asistiron, ademais, os autores participantes na obra, distintos representantes da Administración Autonómica, das universidades, das organizacións sindicais, de entidades e colexios profesionais, de revistas e publicacións do sector e de federacións e asociacións de anpas, entre outros.  

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta amosa á presidenta da Fundación Eduardo Barreiros o potencial do Centro Galego de Innovación da FP e os proxectos que desenvolve

Novas da Xunta - Vie, 23/02/2024 - 16:25

Summary: 

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompaña a Mari Luz Barreiros nunha visita institucional ao centro que leva o nome do lendario emprendedor ourensán

O Goberno galego e a entidade estudan a colaboración futura en proxectos de innovación industrial

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, acompañou esta mañá á presidenta da Fundación Eduardo Barreiros, Mari Luz Barreiros, nunha visita institucional ao Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, para coñecer de primeira man os proxectos de innovación que se están desenvolvendo neste centro que leva o nome de seu pai, o lendario emprendedor ourensán Eduardo Barreiros.

Así mesmo, a visita serviu para estreitar lazos entre o Goberno galego e a Fundación Eduardo Barreiros, que analizan a colaboración conxunta futura en proxectos de innovación industrial.

Desde a Xunta de Galicia amosóuselle a Mari Luz Barreiros os diferentes proxectos e iniciativas que se están a desenvolver nas catro áreas do Eduardo Barreiros: Innovación Aplicada, Emprendemento Industrial, Formación de Alta Especialización e Comunicación Estratéxica e Internacionalización.

En concreto, están en marcha neste espazos proxectos arredor da economía circular do ciclo da auga, da enogastronomía, do fornecemento do vehículo eléctrico, de fomento de robots de utilidade medioambiental e de realidade estendida aplicada á FP. Tamén de metodoloxías innovadoras e áxiles para a aprendizaxe do inglés ou de deseño e fabricación de vestiario e novos materiais para mellorar as condicións de confortabilidade no mundo das artes do mar e técnicas de marisqueo, dando protagonismo á muller.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta

Publicación da convocatoria de carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2024

Novas da Xunta - Vie, 23/02/2024 - 15:11
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 14 de febreiro de 2024 pola que se convocan probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais no ano 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia o 22 de febreiro.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta

As probas diagnósticas de 4º de Primaria e 2º de ESO fixadas polo Ministerio de Educación a través da LOMLOE serán o 10 e 11 de abril

Novas da Xunta - Vie, 23/02/2024 - 12:00

Summary: 

Seguindo o establecido na actual lei educativa estatal, as avaliacións aplicaranse en todos os centros educativos onde se impartan estas ensinanzas

Avaliaranse as competencias matemática e lingüística en lingua e literatura galega, e castelá e en lingua estranxeira

As probas terán carácter informativo, formativo e orientador para o centro, que recibirá información sobre os resultados acadados polo conxunto do seu alumnado por etapa e competencia avaliada

Idioma Gallego

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de facer pública no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se ditan as instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico que atinxen a 4º de Educación Primaria e 2º de Secundaria, tal e como obriga o Ministerio de Educación a través da actual lei educativa estatal LOMLOE.

Así pois, a través destas instrucións, a data para as probas diagnósticas serán os vindeiros días 10 e 11 de abril, despois das vacacións de Semana Santa. Tal e como marca a LOMLOE, as avaliacións teñen carácter censal, polo que se aplicarán en todos os centros educativos que impartan estas ensinanzas.

Canto a contidos, en ambos casos avaliaranse as competencias matemática e en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira (que pode ser alemán, francés, inglés ou portugués, en función da lingua de escolla en cada centro).

As probas estarán constituídas por cadernos para cada unha das competencias a avaliar e os contidos das mesmas versarán sobre os obxectivos de área e de materia recollidos nos currículos destas asignaturas para cada un dos cursos. Como adoita ser habitual, con carácter xeral, as probas serán aplicadas e corrixidas por profesorado do centro que non imparta docencia ao alumnado avaliado.

Informe de resultados por centro

No que atinxe aos resultados, seguindo o establecido na normativa, terán un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada. Polo tanto, a información obtida destas probas ten unha finalidade estritamente diagnóstica, xa que os datos obtidos proporcionan unha información complementaria tanto aos centros como á Administración para deseñar accións específicas de mellora do sistema educativo.

Con esta resolución, a Administración autonómica dá cumprimento á aplicación, unha vez máis, da normativa vixente nesta materia, a nivel estatal.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Novas da Xunta
Contenido sindicado


by Dr. Radut