As probas diagnósticas de 4º de Primaria e 2º de ESO fixadas polo Ministerio de Educación a través da LOMLOE serán o 10 e 11 de abril

Seguindo o establecido na actual lei educativa estatal, as avaliacións aplicaranse en todos os centros educativos onde se impartan estas ensinanzas

Avaliaranse as competencias matemática e lingüística en lingua e literatura galega, e castelá e en lingua estranxeira

As probas terán carácter informativo, formativo e orientador para o centro, que recibirá información sobre os resultados acadados polo conxunto do seu alumnado por etapa e competencia avaliada

Ven, 23/02/2024 - 11:00
i

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de facer pública no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se ditan as instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico que atinxen a 4º de Educación Primaria e 2º de Secundaria, tal e como obriga o Ministerio de Educación a través da actual lei educativa estatal LOMLOE.

Así pois, a través destas instrucións, a data para as probas diagnósticas serán os vindeiros días 10 e 11 de abril, despois das vacacións de Semana Santa. Tal e como marca a LOMLOE, as avaliacións teñen carácter censal, polo que se aplicarán en todos os centros educativos que impartan estas ensinanzas.

Canto a contidos, en ambos casos avaliaranse as competencias matemática e en comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura, en Lingua Castelá e Literatura e en Lingua Estranxeira (que pode ser alemán, francés, inglés ou portugués, en función da lingua de escolla en cada centro).

As probas estarán constituídas por cadernos para cada unha das competencias a avaliar e os contidos das mesmas versarán sobre os obxectivos de área e de materia recollidos nos currículos destas asignaturas para cada un dos cursos. Como adoita ser habitual, con carácter xeral, as probas serán aplicadas e corrixidas por profesorado do centro que non imparta docencia ao alumnado avaliado.

Informe de resultados por centro

No que atinxe aos resultados, seguindo o establecido na normativa, terán un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada. Polo tanto, a información obtida destas probas ten unha finalidade estritamente diagnóstica, xa que os datos obtidos proporcionan unha información complementaria tanto aos centros como á Administración para deseñar accións específicas de mellora do sistema educativo.

Con esta resolución, a Administración autonómica dá cumprimento á aplicación, unha vez máis, da normativa vixente nesta materia, a nivel estatal.