A Xunta convoca 174 contratos de investigadores predoutorais e posdoutorais para o desenvolvemento do seu labor científico en Galicia

O obxectivo destas accións, ás que o Goberno galego destina 30,5M€, é contribuír a afianzar un sistema galego de investigación forte e especializado

Convócanse 102 bolsas predoutorais para contratos de catro anos, dotados con ata 30.000 euros/ano e ata 6.000 € para os tres meses de estadía no estranxeiro

Lánzanse 49 contratos posdoutorais de modalidade única, que pasan a ser de seis anos de duración co fin de facilitar a estabilización dos investigadores

Mantéñense 23 bolsas posdoutorais de continuidade para aqueles que xa iniciaron liñas de investigación propias, co fin de completar a súa formación durante tres anos

As tres accións forman parte do Plan iTransfer de Promoción da Investigación do Sistema Universitario de Galicia, dotado con 104M€ para 2024

Dom, 25/02/2024 - 13:00
i

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde a través do Diario Oficial de Galicia á convocatoria de 174 contratos predoutorais e posdoutorais para 2024 co obxectivo de que os investigadores seleccionados desenvolvan o seu labor científico en estruturas de investigación en Galicia. Trátase das convocatorias de axudas á etapa predoutoral, á etapa posdoutoral de modalidade única e posdoutoral de continuidade, ás que o Goberno galego destina preto de 30,5M€.

As tres accións forman parte das oito que conforman o Plan iTransfer de Promoción da Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), dotado con 104M€ no 2024, co fin de impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro.

Apoio á etapa predoutoral

Xa está aberta a convocatoria conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación do programa de axudas predoutorais 2024 cunha dotación de case 12M€ para a contratación de 102 investigadores por un período de catro anos no Sistema Universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i. O prazo de solicitudes estará aberto ata o 19 de marzo.

A finalidade deste programa, que se desenvolve desde o ano 2012, é a formación do persoal nas súas etapas iniciais para que, mediante procesos formativos estables, adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Trátase de contratos de catro anos de duración que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas que resulten seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se len ou non a tese antes. A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Ademais, amplíase a dotación orzamentaria desta convocatoria, subvencionando aos gastos asociados á realización do programa de doutoramento.

Apoio formación posdoutoral

A Xunta, a través do DOG, tamén vén de lanzar a convocatoria de axudas á etapa posdoutoral, dotada con case 15M€ (o dobre da contía actual) para 49 contratos, e cun novo enfoque estrutural enfocado á impulsar unha maior estabilización do persoal investigador. O prazo de solicitudes estará aberto ata o día 19 de marzo.

Ata o de agora a etapa posdoutoral estaba estruturada en dúas convocatorias (unha de formación inicial de tres anos e outra de continuidade de dous anos) e agora, o persoal investigador que inicie a etapa posdoutoral en 2024 accederá a unha convocatoria única de seis anos de duración divida en dúas fases de tres anos cada unha cunha avaliación intermedia para pasar dunha fase á outra.

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán unha bolsa de 32.000 euros/ano en concepto de salario e custos sociais. A maiores, recibirán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Durante a segunda fase da estadía, os beneficiarios recibirán 49.000 euros ao ano durante todo o período, dos cales 38.000 euros son en concepto de salario e custos sociais e o resto son complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.

A convocatoria, inclúe, ademais, un compromiso por parte das universidades que acollan contratados ao abeiro da mesma de crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanente vinculados a necesidades docentes ou investigadoras.

Axudas posdoutorais de continuidade

Así mesmo permanece aberta ata o día 1 de marzo a convocatoria de axudas posdoutorais de continuidade. Trátase de 23 bolsas (20 para as universidades públicas do Sistema Universitario Galego e tres no resto de entidades beneficiarias), por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas. Estes contratos posdoutorais de continuidade terán unha duración de tres anos e unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia para que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria no sistema de I+D+i galego.

Están dirixidos ao persoal ao servizo das universidades públicas galegas, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.

As axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.