Un total de 645 estudantes de Bacharelato participarán este verán nas estadías lingüísticas no estranxeiro impulsadas pola Xunta

O Portal Educativo vén de publicar a listaxe de seleccionados, que mellorarán as súas competencias en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona ata o 92% da mesma

Ademais, 1350 alumnos de 45 centros galegos poderán integrarse no sistema educativo doutros países o vindeiro curso a través do programa EduExchanges

Dom, 16/06/2024 - 14:37
a

Un total de 645 estudantes de Bacharelato participarán este verán nas estadías lingüísticas no estranxeiro impulsadas pola Xunta de Galicia co fin de mellorar as súas competencias nos idiomas inglés, francés, portugués e alemán tal e como pode consultarse no Portal Educativo.

Nesta convocatoria foron seleccionados un total de 407 alumnos de 1º de Bacharelato e outros 238 de 2º de Bacharelato, que gozarán de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto.

Así pois, 339 estudantes desprazaranse a Reino Unido e 230 a Canadá para mellorar as súas competencias en inglés; 60 farano a Francia para mellorar o seu francés; dez irán a Alemaña para perfeccionar o idioma alemán; e seis a Portugal para reforzar o seu portugués.

Curso

Modalidade

Prazas

2º Bacharelato

Inglés en Canadá

90

Inglés no Reino Unido

120

Francés en Francia

20

Portugués en Portugal

3

Alemán en Alemaña

5

1º Bacharelato

Inglés en Canadá

140

Inglés no Reino Unido

219

Francés en Francia

40

Portugués en Portugal

3

Alemán en Alemaña

5

 

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Con cargo a esta partida, a Xunta sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén entrar en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro. Deste modo, favorécese o desenvolvemento académico e persoal do alumnado. Para acceder a estas axudas os alumnos debían ter acadado unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de 6 no curso 2022/23, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.

EduExchanges ata o 23 de setembro

Por outra banda, ata 1350 alumnos de 45 centros galegos poderán integrarse o vindeiro curso no sistema educativo doutros países a través do programa EduExchanges, de promoción dos intercambios entre estudantes. Poden beneficiarse desta convocatoria os alumnos de 6º de Primaria, ESO e 1º de Bacharelato de centros educativos públicos que desenvolvan programas de intercambio durante o curso 2024/2025. A lingua vehicular do intercambio pode ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada e o réxime será de residencia coa familia do alumno de intercambio estranxeiro.

O alumnado galego participante deberá estar acompañado polo profesorado designado polo centro educativo, que realizará durante a súa estadía observación directa das metodoloxías do centro educativo estranxeiro e do seu impacto nos procesos de aprendizaxe do alumnado. Deste xeito,  potenciarase o traballo conxunto e fomentarase a reflexión sobre actuacións innovadoras, que redundarán no establecemento de proxectos comúns. O centro educativo será o encargado de chegar a acordo cun centro estranxeiro e de seleccionar ao alumnado participante.

O prazo para solicitar a participación neste programa estará aberto ata o 23 de setembro e as peticións deberán formalizarse a través da aplicación de Programas Educativos. A convocatoria conta cun orzamento de 350.000€.