ACTIVIDADES DO CENTRO

Traballos premiados no Concurso de Postais de Nadal

 

Velaí os traballos premiados no Concurso de Postais de Nadal, organizado pola Biblioteca, os Departamentos de Lingua Galega, Española, Inglesa e Francesa; e mais coa colaboración do EDLG para este Nadal 2022... Á volta de vacacións, máis concretamente o día 9/1/2023 durante o recreo, farase a entrega de premios na Biblioteca.

Desde o EDLG desexamos moi boas Festas para todo o mundo e, especialmente, para todas as persoas que conforman a Comunidade Educativa do IES Ricardo Mella...

Bon Nadal! Feliz Navidad! Joyeux Noël! #NadalnoMella

 

Saída a Compostela e Padrón

Nunha actividade organizada polos departamentos de Lingua Galega e Dinamización Lingüística, o pasado venres 16 de decembro, o alumnado dos grupos de 1º BACH H e de 2º BACH H realizou unha saída ata Compostela para visitar as dependencias do Museo do Pobo Galego e o Panteón de Galegos Ilustres. No Museo puideron gozar coas diferentes salas dedicadas aos oficios tradicionais, á nosa música, ás nosas construcións... pero tamén con outros detalles, coma a escaleira helicoidal ou as recreacións auténticas de embarcacións galegas (como unha dorna). Por outra parte, puideron visitar o Mosteiro de Bonaval, no que coñeceron os sepulcros de Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas ou Ramón Cabanillas. Ademais, á volta cara a Vigo, paramos na Casa de Rosalía de Castro (Padrón), onde tivemos a sorte de coñecer o presidente da Fundación, o mestre Anxo Angueira. En definitiva, unha xornada de coñecemento e de diversión ao mesmo tempo, acompañadxs tamén dun tempo marabilloso. 

Charla no Club de Lecturas en Igualdade

 

O pasado venres 2/12/22 tivemos a sorte de contar coa ilustradora e música Laura Romero, que nos falou sobre os seus comezos no mundo da ilustración; sen deixar de lado algunhas anécdotas do mundo musical . Alén disto, introduciunos no proceso de creación de "Ferreñas e Rock and Roll", e especificamente contounos como foi a realización de capítulos especiais, como os de Josefa de Bastavales, Pili Dios ou as gran Batuko Tabanka... Ademais, tamén tivemos con nós a Iria Pedreira Sanjurjo, que non puido vir fisicamente, pero que nos falou a través dun vídeo que nos mandou moi xentilemente...

Vivan as nosas mulleres músicas! Grazas Laura!!  Foi un pracer !!

#FerreñaseRockandRoll#EDLGMella#ClubdeLecturasenIgualdade

 

 

 

Na Onda do Mella 3: Especial 25 de Novembro (25/11/2022)

 

Chega o "Especial 25 N"!!! 

Abride as orellas porque a emisora do noso centro, Na Onda do Mella, vén de publicar o seu último programa: "Especial 25 N", para esta xornada de loita contra as violencias machistas. 

No terceiro episodio do programa editorial da nosa radio, o alumnado do IES Ricardo Mella trae un traballo ben reivindicativo para esta xornada. Dirixido e presentado por Marta e Santiago, alumnado de 2º BACH H, este programa vén cargado de moita poesía e diferentes textos relacionados co día de hoxe, e cos que combater a violencia machista aínda presente por desgraza na nosa sociedade. Para comezar, escoitaremos versos de Lucía Aldao recitados por alumnado de 2º BACH H, mentres que, na segunda parte, serán os poemas de Rosalía de Castro os que poderemos escoitar das voces do alumnado de 4º ESO. Ademais, non só a poesía estará presente, senón que tamén terán cabida as historias de mulleres bravas, como a de Finita Gay, cantante que tivo que retomar a súa carreira tras anos de negacións. Para rematar, escoitaremos alumnado de CAE recitando versos de Sesé Mateo, poeta chapelá asasinada pola súa parella en 2017, nun crime de violencia de xénero.

Agardamos que vos guste o programa e que ao fin chegue o tan arelado remate das violencias contra a muller!!

Podedes escoitalo en: https://www.ivoox.com/na-onda-do-mella-3-especial-25-de-audios-mp3_rf_96916899_1.html

#NaondadoMella #25N #EDLGMella #Igualdade #Poesíaengalego #LucíaAldao #RosalíadeCastro #SeséMateo #FinitaGay

Participación do IES Ricardo Mella no III Certame Provincial de Regueifas

O Mella en Valadares (18/11/2022)

O pasado venres 18/11/2022 unha delegación do IES Ricardo Mella participou no III Certame Provincial de Regueifas, nun acto celebrado no Centro Cultural de Valadares. O alumnado representante do noso centro (3º e 4º ESO) chegou a este evento final despois de recibir dous obradoiros sobre esta arte improvisatoria galega. No evento final, o equipo do Mella realizou unha participación moi destacada, pois todos e todas subiron ao escenario e botaron as súas coplas diante dun auditorio cheo de xente. Desta volta non conseguimos o pase a semifinais, pero non pasa nada, pois o importante, coma sempre, é participar!

Desde o EDLG queremos dar especiais parabéns a todo o alumnado participante no Certame e tamén ao resto de compañeiras e compañeiros, que apoiaron desde a bancada en todo momento e que tiveron un comportamento exemplar. Medre a regueifa no IES Ricardo Mella!

Distribuir contido