A EXPERIENCIA DUN ALUMNO ERASMUS+ EN ALEMAÑA

Domingo é un alumno do ciclo superior de Sistemas de Telecomunicación e Informática que o ano pasado decidiu solicitar unha beca Erasmus para ir facer as prácticas do ciclo a Alemaña. Concretamente a Osnabrück, unha cidade do noroeste alemán con máis de 156.000 habitantes e pertencente ao estado federado da Baixa Saxonia.

Da súa experiencia, a principal aprendizaxe que atopamos é a utilidade de coñecer idiomas e o importante que é lanzarse para atopar novas oportunidades laborais.

Cales foron os motivos polos que decidiches solicitar a beca Erasmus?

Pola oportunidade laboral, ademais de vivir a experiencia, e tamén interese persoal en vir a Alemaña, xa que a miña moza é de aquí.

Como foi o proceso de selección para participar nos programas europeos?

Tivemos que asistir a un curso de Alemán.

A que se dedica a empresa na que fixeches as prácticas?

Telecomunicacións, electricidade e seguridade, entre outras cousas. Eu fixen as prácticas na área de seguridade, en sistemas de detección de incendios.

Unha vez que te desprazaches alí, cales foron as principais dificultades que atopaches?

Basicamente o alemán, faise complicado aprender un oficio cando non te desenvolves ben no idioma.

Como foi o proceso de aprendizaxe durante as prácticas? Contaches coa axuda necesaria para poder desenvolvelas sen problemas?

Estiven sempre cun compañeiro que me ensinou o necesario e tivo moita paciencia comigo. Por sorte fala inglés e podiamos entendernos cando non alcanzaba o alemán (máis a miúdo do que me gustaría)

Cal é a túa opinión acerca da empresa na que estiveches?

Persoalmente non teño queixa, sempre me trataron moi ben.

Recomendarías a experiencia?

Sen dúbida.

Algún comentario que queiras facer aos teus compañeiros, futuros Erasmus en Alemaña?

Que estuden alemán con tempo suficiente, eu fun algo xusto de tempo e custoume.

Que lle dirías a un compañeiro que dubida en facer o Erasmus?

Que non o dubide, só pola experiencia xa paga a pena, ademais de ter oportunidade de coñecer outro pais e outra lingua. No meu caso a posibilidade de quedar traballando foi un plus.

Que crees que se debería mellorar na túa formación que che tivese axudado a estar máis preparado nas prácticas?

Ademais do idioma, a formación práctica é moi escasa en España. Un estudante de FP alemán ten 3 anos de formación dual, a súa soltura non se pode comparar coa dun estudante en España.

Cal é a túa situación laboral agora mesmo?

Ó rematar as prácticas ofrecéronme un contrato por un ano, do que levo a metade, con vista a que sexa indefinido cando remate.

 

Grazas a Domingo polas súas respostas. Agardamos que poñan un pouco de luz para todos e todas os que estades dándolle voltas á idea de tomar o camiño que o levou a Alemaña, e poder ser pronto protagonistas dunha nova historia de afouteza e triunfos.