Skip to Content

Biblioteca

25 N no auditorio de Burela coas impresións en podcast

 
Podcast cedido por Proxecto Neo introducido pola escritora Miriam Beizana e extraído do programa 368.12. Pódese acceder ao programa completo AQUÍ
 
O venres 25 de novembro o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro de Burela protagonizou unha saída á Casa da Cultura para asistir a unha charla impartida por dous membros da Garda Civil. Tamén había alí alumnado doutros centros educativos: CEIP Virxe Do Carme e CEIP Vista Alegre. 
 
O primeiro en intervir foi o alcalde de Burela, don Alfredo Llano, que explicou o motivo do acto, o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, e dixo que estaba nas mans dos xoves erradicar estes tráxicos episodios. Tamén explicou como se ía desenvolver o acto e dixo que na súa etapa como profesor do Perdouro estivera orgulloso do comportamento do alumnado de 1º da ESO. Acto seguido subiu ao escenario José Díaz, o Concelleiro de Educación, quen presentou os axentes que ían impartir a charla e tamén a dona Mary Fraga, que é a presidenta de BUMEI (a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela). Despois de todas as presentacións empezou o acto.*

Comeza cos puzzles o torneo de San Xoán Bosco na biblioteca

O mércores 7 de decembro iníciase na biblioteca o torneo de San Xoán Bosco cos puzzles por parellas. 

O luns 12 de decembro comezarán as partidas de xadrez e o martes 13, as de damas. 

Prestade atención ao taboleiro da entrada do edificio 1 e 2 para saber cando vos toca xogar. 

As partidas terán lugar os luns, martes e mércores, xa que os xoves e venres son os partidos de fútbol e baloncesto. 

 

Concurso "Taboleiros de Nadal"

Ante a petición de poder colocar algunha decoración de Nadal nas aulas como noutros anos, convócase unha nova edición do concurso de decoración de Nadal. 
 
Noutras ocasións que se fixo nas portas das aulas houbo que repintar algunha, entón decidiuse que este ano a convocatoria sexa para a decoración de taboleiros de Nadal. Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor. 
 
Este curso poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que recibiu no correo electrónico en Vicedirección. Se algún grupo non ten taboleiro na súa aula, que me avise para buscar unha solución. 
 
Toda a documentación que está actualmente colgada nos taboleiros gardarase no caixón da mesa do profesor baixo a súa custodia ou gardaraa a titora ou titor. Se hai algo verdadeiramente importante que ten que estar á vista pode pegarse temporalmente, ata despois da Nadal, no encerado con celo. 
 
Teredes celo, tesoiras, rotuladores, cartolinas... en Conserxería. Se necesitades outros materiais (sempre que sexan de papelería) facede unha lista e entregádea en Conserxería para que poidan pedilo e informar a secretaria. 
 
As normas son as seguintes: 
 
1. Decorade o taboleiro da aula tendo en conta a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade, facendo uso de materiais reciclados. 
 
2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 
 
3. En canto a materiais, prohíbese a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 
 
4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. 
 
5. O luns 19 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

Paula Jorge visita o IES Perdouro para participar en Proxecto Neo

Este mércores Paula Jorge Horta, ex-alumna do IES Perdouro, estivo no centro para gravar o programa 367 de Proxecto Neo. 

Foi entrevistada por Sara Villarquide, Carme Gallo e Hugo F. Galdo que lle fixeron moitas preguntas. Ela falou da procedencia de seus pais, da súa infancia en Burela, dos seus estudos nos dous institutos da vila, das súas vivencias de adolescente e da súa vocación polo maxisterio. Tamén nos contou a súa experiencia como presentadora en Land Rober xunto a Roberto Vilar. 

Moitas grazas, Paula, por acompañarnos e estar sempre disposta a volver ás aulas do IES Perdouro. 

Obradoiro de ciencia para 3º ESO: SON ONDAS

Co gallo do mes da ciencia en galego, o EDLG conta coa axuda da compañeira do equipo, Marga López Periago, para realizar o obradoiro que leva por título Son ondas onde o alumnado de 3º de ESO experimentará co son e aprenderá sobre o funcionamento das ondas sonoras.  

 

 

 

Actividades 25N no IES Perdouro

Nesta presentación mostramos algunhas das actividades que se realizaron e aínda se están a realizar en torno ao 25 de novembro, data na que se intenta concienciar para a erradicación da violencia de xénero. 

Son traballos para a reflexión sobre unha problemática social que, lonxe de desaparecer, segue existindo na nosa sociedade. O obxectivo de todo isto con respecto á violencia de xénero é evitar tanto que a sufran e como que a exerzan. 

Seguro que aínda se nos esquece algunha actividade destes días. Se queredes que a publiquemos, comunicádeo e engadirase. 

 

Escaleira da violencia adolescente

“Laura e Diego, unha historia de maltrato adolescente” é unha historia como moitas das que oímos na tele sobre todo en días coma hoxe. O grupo de alumnos de 2º CM de Xestión Administrativo quixo explicalo dende a escaleira de maltrato adolescente.
Gravaron e montaron este podcast, unha adaptación da historia de "Pepa e Pepe".
 

Xoga ao Pasapalabra do 25N en Realidade Aumentada

Convidámosvos a xogar ao Pasapalabra do 25N!

Verédesvos inmersos nun xogo de Realidade Aumentada preparado por Manuela Seijo e Marina Rubal de 1º de Bacharelato. 

Para poder xogar tedes que descargar no móbil a App Metaverse, que é gratuíta e xa vola vai pedir en canto escaneedes o QR, co cal xa se pode descargar directamente.

Experimenta o Pasapalabra en Realidade Aumentada!

Lectura na biblio do manifesto para o 25 N


 

Na biblioteca tamén celebramos o mes da ciencia en galego

A partir do martes 22 de novembro, iremos programando pequenas exhibicións e obradoiros manipulativos durante os recreos na biblioteca. 

Comezaremos pola seguinte actividade: "O ollo máxico".
Comprobaremos que o que miras non é o que ves. Aprenderemos a descifrar a imaxe coa técnica do ollo máxico.

O alumnado de 1º de Bac de Tecnoloxía explicaranos como funciona un coche con motor de hidróxeno e mostrarán como se despraza o coche prototipo que fixeron. 

Se queres poñer a proba as túas habilidades en xeometría, o alumnado de 2º de ESO fixo, co seu profesor de tecnoloxía, uns prototipos de taboleiro de Tangram en cartón cos que xogar na biblioteca o vindeiro xoves. 

Xa para a semana, a nosa compañeira Montse, profesora de matemáticas, proporá uns xogos matemáticos de enxeño para exercitar o pensamento lóxico e a paciencia.

O departamento de Física levará á biblioteca as figuras de moléculas complexas como as redes metálicas e redes cristalinas iónicas e ensinará como xuntar os átomos para facer moléculas sinxelas.

Para terminar, o alumnado de 1º de ESO exhibirá as súas construcións con ramplas de bólas con efectos encadeados.

Se che pode a curiosidade, pásate pola biblioteca nos recreos.

Recordade que continuamos co mes da ciencia en galego

Hoxe luns 21 ás 12:00h podedes conectarvos desde as aulas a unha nova videoconferencia de Igaciencia. 

O título e o poñente son: 

Mergullámonos no óceano do futuro? Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo.

Aquí tedes o ENLACE para seguir a videoconferencia. Mesmo se pode ver despois en diferido. 

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

O pasado mécores 16 de novembro o alumnado de 3º de ESO recibimos a visita do escritor e poeta Carlos Negro. Este encontro literario estivo subvencionado polo Ministerio de Cultura. O noso centro foi o primeiro de Lugo en acoller esta actividade. Así, tamén nos visitou o alcalde de Burela e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. 
Primeiro, Carlos amosounos parte das súas obras, como Maquinaria e Masculino singular. Este último poemario protagonizou o tema principal da exposición, “Modelos de masculinidade, unha viaxe cara á igualdade”. Explicounos moitos detalles sobre este tema, coma que, aínda estando no século XXI, seguen aparecendo mensaxes machistas nas redes sociais ou na publicidade. Púxonos algúns dos primeiros exemplos feministas que el recibira durante a xuventude e destacou o feito de que unha persoa non é culpable se é educada nunha desigualdade, pero si de continuala. Por iso, contounos que confiaba en que a nosa xeración fose capaz de cambiar o mundo de xeito que todos vivamos en igualdade. 
 
Carlos tamén nos recitou algúns poemas doutros autores e, finalmente, deunos a elixir entre varias actividades que formaban parte do obradoiro de poesía e cada un de nós compuxo os seus propios versos. 
 
Esta actividade foi moi entretida e dinámica en canto á forma que tivo Carlos Negro para transmitirnos a súa arte e coñecementos, por iso nos gustou moito este encontro.
 
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ
 
Carla Paz Trelles - 3º ESO A

Faladoiro con Bibiana Candia, autora de "Azucre"

O luns 21 de novembro recibiremos na biblioteca á escritora coruñesa afincada en Berlín Bibiana Candia, autora da novela "Azucre".

A novela relata ficcionalmente a expedición de 1.700 galegos a traballaren como escravos en Cuba, promovida por Urbano Feijóo de Sotomayor.

A ficción de base histórica foi merecedora de varios recoñecementos: 

- Premio Nollegiu ao mellor libro de narrativa en castelán 2021, 

- V Premio das Librerías de Navarra ao mellor libro en castelán de 2021,

- Premio á mellor obra escrita en castelán no 35 Festival du Premier Roman du Chambéry ,

- Premio Espartaco 2022 á mellor novela histórica na Semana Negra de Xixón.

Se queres achegarte o proceso de investigación e redacción da novela, mira a seguinte entrevista:

Premio ao Proxecto con metodoloxía científica concedido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares

Acabamos de saber que o noso proxecto "Construbot_Comeza a partida" de 4º de ESO no curso 21-22 foi recoñecido co Premio aos Proxectos con metodoloxía científica no VIII CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar. Estamos moi ilusionados co premio!!!!

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

Temos programado un obradoiro de poesía con Carlos Negro que terá lugar na biblioteca no centro o vindeiro mércores, día 16 de novembro. A actividade que vai destinada ao alumnado de 3º ESO estimulará a escritura creativa. O poeta falaralles dos roles, dos estereotipos de xénero, de igualdade e das "novas" masculinidades. 
 
Se queres coñecer parte da súa obra, podes atopar os seguintes exemplares na biblioteca.

Poesía:
- Makinaria (2009). Xerais.
- Penúltimas tendencias (2014). Xerais.
- Masculino singular (2016) Xerais.
- Aplicación instantánea (2018), Xerais.

Narrativa:
- Non cantan paxaros neste bosque
(2021). Xerais.

Distribuir contido


by Dr. Radut