Skip to Content

BUSCANDO PARTICIPANTES

O primeiro que fixemos no club, tras ler o libro e anotar todos os lugares polos que van pasando os protagonistas, foi un roteiro pola Coruña para ver e fotografar todos os escenarios.

Unha vez feito o roteiro pola nosa cidade, con todas as fotos e toda a información que tiñamos, elaboramos unha presentación power point para animar a outros alumnos e alumnas a participar deste club, que mediariamos nós mesmas.

A nosa presentación consistiu en ir polas clases de primeiro e segundo da ESO explicando quen somos, o motivo polo que eliximos o libro e o roteiro que fixemos. Animámolos a participar e dixémoslles o que íamos facer durante as nosas sesións dos xoves no segundo recreo, nas que quedariamos.

Desta maneira, conseguimos novas participantes, catro nenas, coas que estivemos respondendo as preguntas dun xogo que crearamos con anterioridade. Ademais, mandabámoslles ler unha serie de capítulos para traballar sobre eles a seguinte semana. 

Tempo despois, unha vez que todas remataran o libro, repetimos o roteiro pola Coruña, esta vez coa sorte de contar coa compañía do autor do libro, Héctor Cajaraville. Quen compartiu connosco moitos segredos do proceso de elaboración do libro e descubriunos realidades que ignorabamos.

O noso proxecto foi todo un éxito e as nenas quedaron moi contentas coa experiencia e co noso traballo. Resaltaron que estivo xenial facer algo con alumnas de cursos superiores en vez de estar cunha profesora.

En canto a nós, gustounos moito mediar o proxecto; e aínda que atopamos dificultades, como convencer aos rapaces para unirse á actividade, ao final o club foi todo un éxito e pasámolo moi ben.

 

 



page | by Dr. Radut