Skip to Content

Club de lectura

AS NORMATIVAS DO GALEGO. O DECRETO FILGUEIRA

Neste artigo, e para completar a información da charla que Freixeiro Mato deu para o Club de lectura, imos falar dun documental moi interesante para ver as decisión que se tomaron sobre AS NORMATIVA DO GALEGO nos anos da transición, cando comezou a ensinarse galego e se crearon as institucións autonómicas que comezaron a empregalo. No ano 1982 o parlamento aprobou As normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Filgueira era o conselleiro de cultura e Carvalho presidira a comisión de Lingüística da Xunta Preautonómica, que redactara as Normas do 1980. Medio ano despois, a Xunta decidiu adoptar outras normas propostas polo Instituto da Lingua Galega (ILG) en vez das iniciais elaboradas polo catedrático de galego da USC, por Carvalho e a comisión.

 

O vídeo do que falamos é un vídeo de AGAL titulado Decreto Filgueira. Documentário.  Foi elaborado por Através Produtora, en maio de 2015, ano no que se lle dedicou o Día das letras Galegas a Filgueira Valverde, decisión non exenta de polémica, lembremos que se levaba anos reivindicando ese día para Carvalho..

 

Tamén deixamos un resumo neste vídeo:

 

 

E unha serie de actividades de interese:

 

A continuación reproducimos un resumo do contido do documental publicado polo xornalista Miguel Pardo en Praza.

 

Decreto Filgueira relata os acontecementos que precederon a aprobación da normativa en vigor en 1982 e fai tamén un repaso histórico da normativización da lingua galega. Lembra, ademais, como as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (ILG-RAG) "nem foram as primeiras normas oficiais, nem contárom com o apoio de importantes setores da cultura galega, que debatia intensamente sobre qual havia de ser a orientaçom ortográfica do galego desde o início dos anos 70", tal e como explica o equipo da fita. 

Así, o documental repasa os diferentes posicionamentos lingüísticos e as formulacións normativas que cada un deles xerou desde que en 1970 Carvalho Calero sacara as primeiras Normas Ortográficas do Idioma Galega da Real Academia Galega e que foron asumidas como proias polo mundo de Galaxia. E explica tamén as discusións, debates e mesmo negociacións entre dúas propostas "dissidentes que acabariam por tornar-se irreconciliáveis": a autonomista, aglutinada arredor do Instituto da Lingua Galega (ILG) e a reintegracionista, que se foi nucleando arredor do propio Carvalho Calero, que a cada paso asumía posturas máis lusistas. 

Explica tamén como comezados os anos 80, a Xunta oficializaba unhas normas que pretendían o consenso e que partían dunha orientación converxente co portugués. Carvalho Calero presidía aquela Comisión de Lingüística da Xunta, pero en 1982 unhas novas normas que viraban a orientación anterior relegaban as do vello catedrático. Foi Filgueira Valverde quen oficializou esta nova normativa coa súa sinatura. O autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras fora membro da anterior Comisión de Lingüística da Xunta. A reviravolta deu lugar a un dos lustros de maior polémica e tensión este debate normativo. 

As dúas pólas do debate contaron con defensores de enorme importancia intelectual, pero o documental destaca o "imprescindível" da figura de Filgueira Valverde chegados os 80. Supuxo a continuidade do modelo cultural xerado durante o franquismo e acabou por dar nome a un decreto clave para explicar a orientación que logo seguiu o idioma galego até estes días. Unha figura que algún dos protagonistas do documental definen como "home do sistema" ou "home do réxime", pero ao que tamén destacan como un dos estudosos que permite "saber da tradición e cultura galega nestes días". 

Foi, en definitiva, a vitoria da postura que defendía un galego independente do portugués, con ortografía castelá e baseado no traballo dialectolóxico do ILG fronte aos lusistas que pretendían restaurar a proposta do galeguismo anterior á guerra civil e que se aglutinara arredor da figura de Carvalho Calero. Unha confrontación histórica que é explicada nun documental no que interveñen historiadores e figuras clave naqueles feitos, entre eles Elvira Souto, Francisco Fernández Rei, Francisco Rodríguez, María Xosé Queizán ou Uxío-Breogán Diéguez. 

Miguel R. Penas aclara que a AGAL intenta tamén así "mostrar" a súa proposta e "contar a historia" do reintegracionismo, "non desde a perspectiva de que temos a razón, pero si desmontando preconceptos e imaxes construídas ao redor do noso discurso e que teñen certas intencións como desprestixiar o discurso". "O debate haino desde o século XIX e había unha dinámica, liderada por Carvalho Calero, que se desmontou en dous anos a partir do 80... A estratexia era outra, pero rachou", remata. (Miguel Pardo. Praza)

 

Destacamos de todo o documental estas palabras de Jose Luís Rodríguez, professor de portugués na USC di no documental: “Sabem que a tradiçom nom é antirreintegracionista, senom todo o contrário, e a sociedade teria uma maior consciencia da unidade da sua língua com o que se fala em Portugal e no Brasil, em Angola e Moçambique. E isso, nom tenho cualquer dúbida, e isso é, seria uma garantia para a permanéncia do galego”.

 

 

A TERRA VOLVE SER PLANA

A TERRA VOLVE SER PLANA
Nestes dias de emergência sanitária vimos de viver em médio dum caos muito ordenado; é muito engraçado, de não ser porque não tem nenhuma graça estar na morada um dia, mais outro, mais outro, mais outro com os muros planos a te abranger como a Terra plana na que volvemos morar, porque se em algures é certo que a Terra volve ser plana, e nós mais planos do que os écrans dos nossos computadores, é nestes pensamentos, que por fortuna não são os passamentos, de tres discentes do nosso IES Miraflores.
Nilo-Manuel Casares Rivas, professor de filosofía

Presentación dos Diarios de Cuarentena.

Andrés MALDONADO LÓPEZ, Diario de un confinamiento, Oleiros, 2020, 63 págs.

ANÓNIMO, Diario de una adolescente, Oleiros, 10 págs.

Celtia RIO SANTOS, Mi diario del confinamiento, Oleiros, 72 págs.

 

AS NORMATIVAS DO GALEGO. O POSICIONAMENTO DE CARVALHO CALERO

A charla de Xosé Ramón Freixeiro Mato para o Club de lectura deixounos claro dúas cuestións: Unha é que Carvalho representa a continuación do labor de estandarización iniciado na preguerra, e a outra é que a súa postura era que convivisen harmonicamente diferentes formas de escribir galego. 

Freixeiro insistiu moitas veces que esta era a estratexia de Carvalho; tal como dixera no ano 1985 “máximos, medios e mínimos usos reintegracionistas deben convivir”. Freixeiro relacionou esta estratexia de Carvalho coa postura actual de AGAL, explicada en numerosas ocasións polo seu presidente, Eduardo Maragoto  e que AGAL denomina BINORMATIVISMO

Freixeiro conseguiu que quedasen claras algunhas cuestións relacionadas coa estandarización da lingua galega:

Codificar unha lingua ten que ver con rexenerala. Por que?

Porque hai que restaurar a fala popular, rectificar a castelanización e reintegrala no sistema propio. Así o explicaba ao propio Carvalho no seguinte vídeo.

 

Por que houbo un conflito? Que ocorreu? Carvalho foi unha figura central no proceso de estandarización, é dicir, na fixación do código escrito da lingua galega. Este proceso quedara interrompido pola ditadura franquista, xa que impediron o uso escrito do galego.

 

Temos que facer un pouco da historia. Carvalho xa estaba presente na elaboración das primeiras normas, as do Seminario de Estudos Galego de 1933, e nas Engádegas do propio seminario de abril de 1936.

A guerra civil e a ditadura impide que se continúe este labor ata 1950, que crean a Editorial Galaxia e esta promove unhas normas internas, nas que suprimen o apóstrofo e algúns outros trazos.

Carvalho elabora unha gramática para Galaxia, a Gramática elemental del gallego común, que publica en 1966, e que reedita e amplía varias veces.

 

No ano 1970, Carvalho revisa a súa gramática e, ao tempo, elabora as primeiras normas por encargo da RAG, na que entrara como membro numerario o 17 de maio de 1958. Así publica as Normas Ortográficas no ano 1970 e as Normas Morfolóxicas no 1971. 

 

Ao mesmo tempo o ILG,(Instituto da Lingua Galega) creado en maio de 1971 e dirixido polo Constantino García, publica o manual de aprendizaxe Galego 1, que segue uns criterios normativos propios desvinculados dos de Galaxia e da RAG. 

Galaxia e parte da RAG acepta. Carvalho, non. Carvalho avanza na aproximación ao estándar portugués.

 

A sétima edición da gramática de Carvalho, do ano 1979, ano no que comeza o ensino do galego, é a coñecida como normativa de mínimos.

 

 

E morre Franco. A Xunta Preautonómica  pídelle a Carvalho que presida a Comisión de lingüística da Xunta Preautonómica, que ten que elaborar normas de uso interno e institucional. Esta comisión aproba as Normas ortográficas do idioma galego, que permitía dúas solucións, en moitos apartados, unha delas máis próximas ao sistema galego-portugués. Publicouse en 1980

 

 

Pero seis meses despois a Comisión de lingüística da Xunta Preautonómica publica unha segunda versión próxima á do ILG, que será imposta, non acordada, polo parlamento no ano 1982. Comezou un conflito aparentemente de ortografía, pero que responde distintas maneiras de concibir a lingua galega. 

 

Agardamos que este Día das Letras Galegas, tan agardado, sirva para que os galegos e galegas coñezan mellor o proceso de creación da norma escrita, e que sexan coñecedores de que o galego é unha lingua internacional.

 

 

AS NORMATIVAS DO GALEGO

 

Neste curso desde o Club de lectura “Moita letra” queremos centrar a atención na figura de Ricardo Carvalho Calero, autor do Día das Letras Galegas 2020, e creamos o Proxecto Caminhando com Carvalho en colaboración co equipo de Normalización.

O día 20 de novembro recibimos a dous convidados. Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na UDC, autor da Gramática da lingua galega. Falou da evolución da estandarización da lingua escrita, das diferentes opcións normativas e da postura de  Carvalho. Alberte Ansede, na actualidade secretario da Fundación Manuel María, era presidente da Asociación Socio Pedagóxica Galega (ASPG) durante os anos do chamado “conflito normativo”, e actuou de intermediario nas sesións de negociación que conseguiron o acordo ortográfico entre a “normativa Ilg” a denominada “normativa de mínimos” no ano 2003, e falounos da consecución deste acordo.

 

Ambos os convidados foron profesores de ensino medio, e nesta reunión reencontráronse con compañeiras coas que coincidiran en diferentes centros de ensino.

Era unha charla demandada porque  nos primeiros anos que se impartía lingua galega no ensino, asistimos como alumnas a clases impartidas nas diferentes normativas e despois como profesoras vivimos ese desacordo que continuou nos centros do ensino durante anos, e que podemos dicir rematou no 2003 co acordo. Durante anos a diversidade de normas foi usado como argumento para non implicarse na normalización: “non o vou aprender a escribir porque non se poñen de acordo”

 

Sabiamos tamén que Carvalho era o máximo representante da corrente chamada Reintegracionismo, motivo polo cal a RAG non lle dedicaba o Día das Letras Galegas. Desde o ano 2000, cando se cumpriron os 10 anos do seu falecemento, moitas asociacións realizaron homenaxes e  reclamaban o Día das Letras para Carvalho. Por fin saíu elixido este ano, cando se cumpren xa 30 do seu falecemento. É unha celebración especial para os primeiros profesoras e profesores de lingua galega que foran alumnos e alumnas de Carvalho na USC, para o profesorado de lingua galega que tivo a oportunidade de asistir ás súas conferencias e que viviu na década nos 80 o proceso de imposición da normativa aprobada polo parlamento no ano 82.

 

 

Carvalho foi unha figura central no proceso de estandarización, é dicir, na fixación do código escrito da lingua galega. Buscamos respostas a estas preguntas: Por que houbo un conflito? Que ocorreu? Codificar unha lingua ten que ver con rexenerala. Por que? É tan difícil chegar a un consenso? Os nosos convidados resolvéronas sobradamente.

 

 

 

Clube de lectura de bacharelato en portugués

O Club de lectura “Moita letra” está tendo como un dos seus obxectivos centrar a atención na figura de Ricardo Carvalho Calero, autor do Día das Letras Galegas 2020.

Pensamos que a mellor homenaxe é proporcionar lecturas en portugués nos diferentes grupos de lectura que hai no Club. Por que? Decatarse de que por saber galego, e con poucas indicacións, se é capaz de ler en portugués é un gran descubrimento a nivel lector.

Cumprimos así a tese de Carvalho de que “o galego é unha lingua universal”. Nomeamos esta actividade PONTE NH, simbolizando que unhas pequenas nocións da grafía portuguesa nos serve de ponte, unha ponte que nos leva á literatura portuguesa. 

Así en 1º de Bacharelato. Lecturas mitolóxicas, dentro do proxecto  PONTE NH leron  Mitologia. Deuses, heróis e lendas. Os alumnos collen cada un exemplar e lemos en alto un mito, que previamente está en imaxe na pantalla e do que moitas veces non coñecen nada.  Trala la lectura do capítulo dese día, volvemos examinar a pantalla e buscamos máis imaxes, textos, música... nos que se aprecie a súa influenza: así Orfeo e Eurídice, Apolo e Dafne... son valorados na súa xusta medida.

No Club 1º Bacharelato. Lecturas filosóficas, no proxecto PONTE NH leron O Mundo Plano, de Edwin A Abbot.

CLUB DE LECTURA DE 1º DE BACHARELATO

CLUB DE LECTURA DE ADULTOS

AVISO: A reunión do club de lectura do día 18 de xaneiro, pasa a ser o día 25 de xaneiro a mesma hora.

  

 O próximo mércores 18 , ás 17:00 h teremos a primeira reunión para comentar  a lectura de "La joven de la perla" de Tracy Chevalier.

É unha lectura no marco do lema deste ano das bibliotecas escolares : "BIBLIOTECA ESCOLAR, TERRITORIO DAS ARTES".

Falaremos do libro, da pintura de Veermer e da música da época.  

 

Distribuir contido


by Dr. Radut