Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía

Miraciencia - Semana da prensa

Aproveitando que esta semana se celebra a Semana da Prensa, o alumnado das  materias de Cultura Científica de 4º da ESO e 1º de Bacharelato compartiu algunhas das noticias nas que traballou ao longo do curso. Estas noticias publícanse no xornal da materia, Miraciencia, fundado no 2022.

Visita da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro, ASEICA

O 8 de febreiro, as investigadoras do Instituto de Investigación Biomédica (INIBIC) Paula Carpintero, Kelly Conde, María Mayán e Marga Poza (membros da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer, ASEICA), visitaron o centro para falar sobre o seu traballo e como conseguiron desenvolver as súas carreiras científicas.

Durante a visita, as investigadoras compartiron as súas liñas de investigación e a súa experiencia no campo da ciencia. Esta actividade, que forma parte das celebracións conmemorativas do 11 de febreiro, Día da Muller e a Nena na Ciencia, foi unha oportunidade única para coñecer a estas mulleres talentosas e aprender sobre os seus logros e desafíos no campo científico. Sen dúbida un gran modelo co que despertar vocacións científicas no noso alumnado.

ROTEIRO XEOLÓXICO DO ALUMNADO DE BACHARELATO Á MARIÑA LUCENSE

O venres 27 de xaneiro un grupo de 25 alumnos de bacharelato pertencentes ás materias de Bioloxía e Xeoloxía, Xeoloxía e Ciencias da Terra e do Medio Ambiente, viaxou ata a Mariña Lucense acompañado polos seus docentes, para participar nun roteiro xeolóxico guiado polo divulgador e doutor en Xeoloxía Francisco Canosa Martínez.  
As baixas temperaturas non impediron que que gozásemos dunha formidable clase de Xeomorfoloxía e descubrísemos paisaxes sorprendentes e inexploradas como os “Cantís de papel”, formacións graníticas de extraordinaria beleza, esculpidas pola acción do vento e a influencia do mar.  
Visitamos tamén a Praia das Catedrais, unha das máis bonitas do mundo, onde aproveitando a marea baixa, investigamos cales eran os principais materiais da contorna: capas de dura cuarcita alternando con lousas máis brandas. Máis de un deixou alí as unllas! Entendemos tamén a orixe destes materiais a partir da compresión de sedimentos de areas e fangos, depositados fai centos de millóns de anos nas costas do hemisferio Sur. Case nada!  Abraiados pola beleza dos arcos mariños, rematamos a mañá observando in situ as catro etapas da súa evolución temporal.

Finalizamos o día en Burela visitando a zona do Perdouro, recoñecida como Geosite (lugar de importancia xeológica de relevancia internacional) onde nos explicaron o tren de dobras de preto de 300 millóns de anos, orixinado a consecuencia da oroxenia Varisca.  
Non hai mellor aula que a propia Natureza!

XEOLOXÍA GRÁFICA

Baixo o título de “Xeoloxía Gráfica” os departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Plástica do IES Miraflores expoñen diversas representacións de fenómenos xeolóxicos realizadas polo alumnado da materia Bioloxía e Xeoloxía de 1º Bacharelato.

Empregando diferentes soportes (trípticos sen texto, pósters, maquetas) amósanse e explícanse métodos de estudo do interior da Terra, fases da tectónica de placas e deformacións (dobras) dos materiais rochosos.

 

VISITA Á FACULTADE DE CIENCIAS DA UDC

Nunha intensa visita á Facultade de Ciencias, o alumnado de Bioloxía de 1º Bach tivo a oportunidade de coñecer e participar no traballo de varios grupos de investigación. Dende a reconstrucción paleocimática da lagoa de Doniños pasando pola creación e avaliación de materiais de descontaminación ata a realización dun dactilograma empregando ferramentas da policía científica. Agradecemos ao Decanato da facultade e aos Departamentos de Química, Xenética, Microbioloxía e Ciencias da Terra a súa amabilidade e acollida.

SAÍDA AO MONTE PINDO

O alumnado de Bioloxía e Xeoloxía e Cultura Científica de 1º Bacharelato participou nunha andaina polo Monte Pindo, partindo de Quilmas (33 msnm) ata o cumio de " A Moa" (627 msnm), onde lembraron algo do aprendido sobre a historia xeolóxica de Galicia, comprobaron sobre o terreo as formacións máis relevantes da paisaxe granítica e coñeceron algún dos endemismos de fauna e flora sobre os que desenvolveran un traballo previo.

VISITA DO ALUMNADO DO IES MIRAFLORES Á DOMUS - PCR

Alumnas e alumnos de 4ESO e 1BACH do IES Miraflores foron investigadores forenses por un día.


Utilizando mostras reais e equipamento dun laboratorio de xenética molecular traballaron nos "laboratorios abertos da DOMUS" na investigación da escea dun crime. Empregaron as técnicas da PCR e a electroforese en xel de agarosa para comparar as mostras atopadas na escea do crime co perfil xenético dos sospeitosos.

Visita virtual ao Acurium Finisterrae

 

Durante este mes de abril, todos os grupos de 1º ESO, nas súas respectivas horas da materia de Bioloxía e Xeoloxía, visitaron de xeito virtual por videoconferencia o Aquarium da Coruña. As visitas estiveron centradas na Sala Maremagnum onde se localizan os grandes acuarios con variados ecosistemas mariños.

Foron un total de 5 sesións nas que o alumnado escoitou as explicacións das monitoras e monitores, que moi gustosamente atenderon ás nosas preguntas e curiosidades.

Desde aquí, queremos manifestar o noso agradecemento aos Museos Científicos Coruñeses por esta marabillosa e enriquecedora iniciativa. Esperamos poder devolvervos a visita o ano que vén!

CLIMACO

Nas últimas semanas, os alumnos e alumnas de bioloxía e xeoloxía de 4º da ESO e os de CTMA de 2º de BACH, participaron nunha actividade promovida desde a Deputación da Coruña para dar a coñecer a realidade do cambio climático na nosa provincia. O investigador principal do proxecto Climaco, Alberto González, despois de repasar os elementos do clima e a forma de rexistralos, explicoulles a orixe do noso clima oceánico "con matices" e a diferenza entre o efecto invernadoiro natural e o incremento do efecto invernadoiro. Fixo especial fincapé no papel deste último no cambio climático. En relación ao cambio climático, o alumnado puido coñecer de primeira man, os resultados dunha investigación pioneira desenvolvida na nosa provincia. Investigación na que, tras comparar as características do clima de dous períodos concretos (1971-1990) e (1999-2018), queda probada a existencia de dito cambio: 15 días máis ao ano con temperaturas por riba dos 25 ºC, 10 días menos de xeada, máis noites tropicais... Ademáis da valiosa información aportada, a charla tiña como obxectivo fomentar comportamentos sostibles e por en valor a importancia da acción local para aportar solucións a un fenómeno de repercusións globais. Sen dúbida, unha charla interesante á vez que necesaria, trala que xurdiron numerosas preguntas que foron respondidas por Alberto González.

Especies invasoras

Estes días contamos no IES Miraflores coa exposición realizada pola asociación ecoloxista ADEGA sobre as especies exóticas invasoras.  Que son, como chegaron aquí, que problemáticas presentan e cales podemos atopar na nosa contorna son algúns dos aspectos que o alumnado está a coñecer mediante a visita aos diversos paneis instalados no segundo andar.  A exposición permanecerá no centro ata o día 18 de decembro.

Os que saen na foto son o grupo de CTMA de 2ºbach.

Distribuir contido


by Dr. Radut