Skip to Content

Club de lectura

India y el descubrimiento de los minders de Diana Rey

 

O pasado xoves 9 de xuño fíxenlle unha entrevista a Diana Rey Pardal, escritora de India y el descubrimiento de los minders.

Grazas a esa entrevista puiden saber máis sobre sobre o libro, con algúns datos interesantes dos que vos vou facer partícipes a continuación.

India y el descubrimiento de los minders é o seu primeiro libro e espera que desfrutemos moito da lectura; Diana vese identificada con todas as personaxes e ten trazos de todos eles, por exemplo, o sarcasmo de Violeta, aínda que distánciase do grande ego de Andrew.

Ela quería que a historia sucedese en Inglaterra, xa que estivo alí un verán, pero por que en Silvertown? O motivo é que ela tiña pensado outro lugar en Inglaterra, pero o que ela imaxinaba contrastaba moito co que sucede na realidade, entón decidiu poñerlle o nome dunha rúa de Nova York (Silver) e engadirlle -town: Silvertown, o curioso é que existe un distrito en Inglaterra que se chama así.

O libro está editado por Círculo Rojo, pero Diana en principio quería editalo en editoriais como Planeta, pero tiña que esperar dous anos a que lesen a súa historia, entón pensou noutras como Létrame, Azul editorial e Círculo Rojo, envioulles o manuscrito ás tres e, ao final, escolleu Círculo Rojo.

Normalmente non sabemos o tempo que leva editar un libro e tendemos a pensar que é longo. Diana afirma: “O tempo que leva editar un libro é o dobre se non sabes, e eu tiven que informarme moito”, aínda así o proceso de edición do seu libro foi curto, a corrección de manuscrito xa a tiña aos tres meses.

Ela escribirá unha segunda parte que ten pensado rematar de escribir a finais de ano e comezar co proceso de edición (e espera incluso publicar máis volumes). 

Diana quere escribir noutros xéneros parte do fantástico, como o autobiográfico (por exemplo as autobiografías dos seus avós) e pensa en publicar algúns poemas que ten “gardados no caixón”.

Foi moi interesante coñecer de primeira man como é o proceso da autopublicar un libro.

Inés Fernández Romero

 

Facendo poesía con Dores Tembrás

Neste audio, varias alumnas fan unha pequena reportaxe sobre a poetisa Dores Tembrás.

Entrevista

 

Avances na medicina. Intelixencia artificial.

Imi e Alba entrevistan a Enrique Freire para falar das últimas noticias da aplicación da intelixencia artificial na medicina.

No seguinte ENLACE podedes acceder á entrevista

Visita á residencia de anciáns "Valle Inclán"

O pasado 13 de xaneiro un grupo de 33 estudantes do IES Miraflores foi visitar aos anciáns da residencia "Valle Inclán" de Oleiros. A actividade foi organizada en colaboración co Club de Lectura e o departamento de Música.

O alumnado foi camiñando hasta a residencia e, unha vez alí, fixeron unha acolledora mostra de cancións, bailes, interpretacións con guitarra e exhibición de patinaxe así como algunhas pezas dos anos 50 interpretadas ao piano e acompañadas polos anciáns cantando.

Foi unha velada altamente enriquecedora para ambas institucións que estableceron un forte vínculo de cariño e recoñecemento e que dará pé a futuras visitas.

Avances na medicina. O trasplante de corazón.

Neste audio, Lucía, Inés e Santi entrevistan a Enrique Freire sobre un dos artigos que publicou no Blog da Biblioteca Miraflores. Enrique escribiu unha serie de cinco artigos sobre a súa visión persoal dos que foron grances avances da medicina. Nesta entrevista falan sobre Christian Barnard e o trasplante de corazón.

Barnard.Trasplantes

OS NENOS DA VARÍOLA POLA CORUÑA

O alumnado do Club de lectura fixo un roteiro pola Coruña visitando tanto lugares que aparecen no libro Os nenos da varíola e como outros nos que se fai  homenaxe aos seus protagonistas. Neste artigo ademais queremos reproducir algúns fragmentos do libro nos que aparece descrita a cidade.

 

As alumnas e o alumno visitando un monumento dedicado a Isabel Zendal

Despois de ler e traballar coas personaxes do libro Os nenos da varíola, o club de lectura decidiu sacar a súa faceta de explorador e botarse ás rúas de Coruña para ver en persoa os lugares onde transcorreu a trama do libro.

Co acompañamento da profesora de debuxo Ana Sogo e de lingua galega Carme Gasamáns, as alumnas e o alumno foron visitando diversos lugares e monumentos. Algúns deles son a rúa Isabel Zendal, o Balcón Balmis no museo da Domus. Tamén a rúa Hospital, na que está o monumento a Isabel Zendal e o instituto Ramón Menéndez Pidal do cal, os expedicionarios teñen sospeitas de que puido ser o Hospital da Caridade, e por lóxica, ao carón tiña que estar o hospicio dos cativos da varíola que  aparece así descrito no libro:

“A “Ynclusa” de Santiago estaba desbordada ata límites inhumanos, e cando na Coruña se fundou o Hospital da Caridade grazas aos fondos doados por dona Teresa Herrera, decidiuse, igual que en Santiago, situar nel unha “Ynclusa” a cargo da Congregación das Dores.”

Os alumnos no monumento Isabel Zendal na rúa Hospital

Ademais, este grupo de investigador@s tamén visitou outros monumentos, que non aparecían no libro, pero que están igualmente cheos de cultura, como a escultura a Curros Enríquez, o cemiterio de Santo Amaro ou o metrosidero que está no cuartel da policía local, e que pode teren visitado tamén os membros da expedición Balmis, xa que ten moitos anos.

O Club no Cemiterio de Santo Amaro

Desafortunadamente, houbo lugares citados na historia que non puideron visitar, xa que coa evolución da cidade foron desaparecendo. Así pasa co convento dos Agostiños, onde se aloxou o doutor Balmis cando estivo na Coruña e así o redactou María Solar en Os nenos da varíola:

 “-Onde cearemos?

-Na miña residencia, señor Balmis –puntualizou o alcalde–, e o aloxamento terano no convento dos Agostiños.” 

 “As mulleres dos postos da praza de Abastos estaban atentas aos farrapentos”. Por exemplo nesta frase que aparece ao principio do libro fálase dunha praza de abastos, pero na actualidade é imposíbel saber onde estaba.

Por suposto os membros do club de lectura non evitaron o antollo de camiñar pola costa da Coruña, rozando o océano Atlántico, como facía o doutor Balmis, porque aínda que só estivese de paso, ao doutor encantoulle a cidade, como a moitos outros. Así aparece reflectido no libro:

“O médico gustaba de dar longos paseos solitarios cada día. Era o seu xeito de ordear ideas, de cavilar en toda aquela barafunda que estaban a facer. [...] Adoitaba comezar o seu paseo no propio peirao, observando o delicioso abalar das pequenas embarcacións nas ondas. Ondas que remataban despois batendo con forza no dique.

 

[...]Percorría o peirao e saía del percorrendo a costa ata as praias próximas. Era o momento máis tranquilo da xornada. Moi superada xa a segunda metade do mes de novembro, o doutor vía marchar os días lentos de máis.”

 

Catro expedicionarios do club de lectura achegándose ao castelo de San Antón.

O Porto da Coruña aparece nas páxinas 111 e 136 do libro. María Solar recrea para nós a importancia que tiña A Coruña no tráfico marítimo con América. 

“Será unha viaxe de máis de cinco semanas desde Tenerife ata Porto Rico, e, previamente, uns dez días de navegación desde este porto da Coruña ata as Canarias.”

“Nos seguintes días Balmis non parou de traballar. Comezaba xa o mes de outubro e as cousas estaban realmente atrancadas. O primeiro porto elixido para iniciar a travesía da Real Expedición fora o de Cádiz, de moita trasfega coas Américas, pero máis tarde cambiouse polo da Coruña. Desde alí saían regularmente buques-correo con destino á Habana, Buenos Aires e Montevideo, había transporte fluído de pasaxeiros e mercadorías, convertérase nun dos máis importantes portos de España ata o punto de que se estableceu nel o Real Consulado Marítimo e Terrestre, que reforzou o seu peso e tamén as súas instalacións.”

Agardamos que con todos estes fragmentos sintades moi próximo o libro que narra a historia dos preparativos dun dos feitos máis importantes da humanidade, como é a expansión da primeira vacina do mundo cara ao novo continente “As Américas” e que transcorre na nosa cidade.

LUCÍA MARTÍN SAMPEDRO 4ºESO B

  

VISITA Á DOMUS

O alumnado de 4º ESO A e 4 ESO B, acudimos á Domus os días 29 e 22 de abril, respectivamente, para realizar unha actividade da materia de Bioloxía e Xeoloxía. Ademais, puidemos ver as diversas exposicións que se están exhibindo no museo neste momento. 

O primeiro que fixemos ao baixar do bus, foi foi dirixirnos ao Balcón de Balmis –que queda ao lado da Domus– para que tod@s os que non o fixeran antes, puideran velo en persoa. Alí expliqueilles o que xa lles dixeramos na presentación polas aulas sobre que é unha homenaxe á Expedición filantrópica que levou a vacina a América.

Unha vez na Casa do Home, pasamos ao obradoiro. Este consistía en investigar a escena dun crime utilizando mostras reais e a técnica da PCR. O obxectivo era atopar o asasino, e para iso había que comparar o ADN do culpábel co dos sospeitosos.

 

Mentres traballaba a máquina da PCR, como tarda bastante, puidemos visitar o museo. 

A primeira exposición –que se atopa na entrada– está dedicada ás vacinas e á súa importancia. Elixiron para exemplificalo.a Expedición Filantrópica,. pois esta conseguiu erradicar a varíola. 

Representaron a escena na que os 22 nenos parten do porto da Coruña cara ás Américas para acabar converténdose en heroes. Xa é casualidade...a mesma escena que eliximos no Miraflores.

Canto ao resto da planta baixa, pódense observar dúas exposicións: unha sobre xenética e outra sobre a nutrición. 

No primeiro piso atopamos actividades relacionadas coas neuronas, co funcionamento do cerebro. 

E finalmente, no segundo andar temos unha exposición sobre a evolución.

En definitiva, pareceume unha saída moi entretida na que ademais de pasalo xenial, puidemos reforzar os coñecementos adquiridos en bioloxía durante este curso e o pasado. 

Por outra banda, encantoume ver a exposición sobre Os nenos da varíola xa que é no que estivemos traballando todo o curso no club de lectura.

LUCÍA MARTÍN SAMPEDRO 4ºESO B

EXPOSICIÓN SOBRE OS NENOS DA VARÍOLA

GRAZAS POLA VOSA ATENCIÓN!!!

Os pasados xoves, 7 e venres, 8 de abril estivemos expoñendo o proxecto no que traballamos este curso: “Os nenos da varíola: a expedición filantrópica que levou a vacina ás Américas”. Pasamos polas aulas de todo o centro, exceptuando 2º BACH, é dicir, por 17 aulas en total.

Dividímonos en 2 grupos; un conformado por Lucía Martín (4ºB) e Santi Castelo (1ºBACH C), e outro formado por Alba Macía e Imi Vázquez (4ºC). Cada grupo fixo 4 exposicións por día, algunhas das cales coincidían na mesma hora de clase polo que as axustamos a unha duración media de 23 minutos.

Exposición

No power point, quixemos amosar imaxes para que o propio alumnado puidese entender, de maneira máis visual, todo o que conlevou a importante expedición filantrópica da varíola. E que soubesen tamén, que este acontecemento histórico non só é lembrado por un libro, senón que tamén existen monumentos na cidade da Coruña dedicados a el. A nosa idea era visibilizar a importancia das vacinas, sobre todo neste tempo de pandemia, e demostrar que non hai que ter medo á innovación. Esperamos que estas ideas que plasmamos agora neste artigo, quedaran claras tamén durante as exposicións que fixemos polas clases.

 

Canto as nosas impresións, ao principio estabamos un pouco nerviosos, xa que non sabiamos como ía ser a dinámica. O que máis nos preocupaba era ter un mal recibimento por parte do alumnado, debido a un desinterese pola exposición, así como, non defender o tema como se merecía.

Por sorte, unha vez fas a primeira exposición o resto xa sae máis espontáneo. Despois xa era máis emoción que outra cousa por presentar e ensinar aos demais algo que pasaban por alto, dándolles así, coñecementos sobre iso. Finalmente, dicir que estamos moi agradecid@s porque, afortunadamente, recibíronnos moi ben en todas as aulas.

 

Santi, Lucía, Imi e Alba.

 

PRESENTACIÓN ORAL SOBRE OS NENOS DA VARÍOLA

Os días 7 e 8 de abril fixemos un percorrido polas 17 aulas do centro para presentar o power point que preparamos sobre o libro do club e a expedición de Balmis. Queremos agradecer a atención que nos prestaron durante os máis de 20 minutos que duraba a presentación e o interese que mostraron. Tamén queremos agradecer a colaboración de todo o profesorado que nos recibiu nas súas clases.

Aquí vos deixamos a presentación.

Distribuir contido


by Dr. Radut