FacebookSíguenos en YouTube

O MUNDO NA TÚA CABEZA

Unha das actividades destacadas entre as organizadas polo Club de Ciencias Baiociencias durante a Semana Cultural foi a visita de Juan Casto Rivadulla Fernández, prestixioso neurocientífico da Universidade da Coruña, que impartiu unha charla de divulgación científica sobre o funcionamento do cerebro ao alumnado de 1º Bach.

Introduciu o tema explicando que son as neuronas e como funcionan, deixando claro que o importante non é o número que teñamos delas, senón as conexións que fan entre elas. Coa idade a capacidade de conexión das neuronas vai diminuíndo, por iso merma a capacidade de aprendizaxe. A continuación expuxo como o cerebro só queda con aquilo que lle parece importante. Utilizando exemplos de dúas imaxes con pequenas diferenzas demostrou que aquelas diferenzas que na vida real non suceden non as viamos. Tamén nos sinalou como o noso cerebro nos pode enganar se o poñemos ao límite. De novo puxo varios exemplos con imaxes nas que aparecían cores iguais, pero nas que nós as viamos diferentes porque había unha sombra ou raias de cores por riba... confundindo así o noso cerebro.

Para rematar sinalou como cada un ten unha percepción diferente da realidade, poñendo o mítico exemplo do vestido, que unhas persoas ven branco e dourado, e outras azul e negro, pero que en realidade son as mesmas cores e o mesmo vestido.

Resultou unha charla moi interesante para entender un pouquiño como funciona o noso cerebro. Agradecémoslle a Juan Casto Rivadulla a súa visita, a súa amabilidade e claridade de exposición.

ScapeRoom de Emprendemento

Con motivo da Semana Cultural, da man de Pílulas dixitais e Skeirrum, celebramos un ScapeRoom de Emprendemento no que o alumnado de 1º de Ciclo Medio e de 1º FPB tivo que superar diferentes probas relacionadas coa implantación dun negocio de alugueiro de bicis e patinetes. Ademais tiveron que localizar os códigos QR das diferentes probas escondidos polo ximnasio, o que requiriu maior destreza por parte dos/das participantes e engadiu un chisco de emoción a unha xornada na que reinou a competición sa.

O grupo triunfador da tarde foi o constituído por Xoel, Jonathan, Marcos, Martin e Mar. Parabéns para eles e ela e, para todos os demais participantes polo entusiasmo co que realizaron a actividade.

POR UNHA CULTURA EMPRENDEDORA

O pasado 16 de maio os técnicos do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego Costa da Mortedesenvolveron unha actividade no noso centro dirixida a alumnado de ciclo medio para divulgar a cultura emprendedora. Na sesión deuse difusión dos apoios que presta a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego a aquelas persoas que queren iniciar ou mellorar o seu negocio, dando a coñecer a importancia de facelo con metodoloxía e exemplificando isto a través da actividade práctica “Ikigai”, coa que emerxeron algúns potenciais proxectos de emprendemento entre o alumnado.

TÉCNICAS DE FOTOGRAFÍA

O cormelán, Andrés García, máis coñecido por Drew Korme e gañador dun certame internacional por unha imaxe da Vía Láctea sobre o faro Roncudo e enriba da máxica Mar de Ardora, xunto co tamén cormelán Diego Lema impartiron un obradoiro sobre técnicas fotográficas ao alumnado de 1º Bacharelato A e B, en senllas sesións.

Amosáronlles cámaras diferentes explicando as diferenzas; ensináronlles como axustar a cámara de xeito manual, centrándose, sobre todo, no uso do diagragma. Déronlles a coñecer distintas aplicación para a edición de fotografías, formas para sacar fotos de noite, como montar un vídeo con miles de fotos, as diferenzas entre a cámara do móbil e a cámara de fotos, a posibilidade dunha opción manual no móbil que permite sacarlle o máximo rendemento á cámara….

Os dous especialistas transmitironlles unha morea de ideas para que rapazas e rapaces melloren as imaxes que captan cos seus aparellos e a súa posterior edición.

CARA Á IGUALDADE NO MUNDO DOS VIDEOXOGOS

Dentro da Semana Cultural o alumnado de Ciclo Medio recibiu unha charla sobre o rol da muller nos videoxogos impartida polo Educador Social, Adrián López Agra. O relator analizou o papel da muller como creadora, protagonista e consumidora desta industrial cultural.

Falou dos videoxogos e da Comunidade Game, do papel da muller na industria do videoxogo e analizou os estereotipos de mulleres que se transmiten nos videoxogos, perpetuando os roles de xénero: o número de protagonistas é escaso, son representadas cunha roupa pouco acorde á trama, hipersexualizadas…

A participación do alumnado foi moi alta, achegando o seu punto de vista sobre os distintos aspectos que se expoñían: unha reflexión colectiva necesaria para seguir avanzando cara á igualdade en todos os sectores da sociedade e, neste en concreto dos videoxogos, nos que segue a ser unha práctica de ocio e un sector industrial moi masculinizados.

RESILIENCIA PRÁCTICA

Outra das actividades realizadas durante a Semana Cultural foi a charla Resiliencia práctica impartida por Jorge Quevedo Durán, membro da asociación Tech Club Asturias e que tivo a oportunidade de escoitar o alumnado de 1º de Ciclo Medio. 

Os/as asistentes coñeceron de primeira man a historia de Jorge, un profesional TIC que traballa nunha multinacional tecnolóxica cun perfil atractivo e con multitude de proxectos e oportunidades enriba da mesa. O interesante da historia de Jorge é que non foi unha andaina sinxela; houbo malos momentos que tivo que superar.

O relator aproveitou o seu relato para interactuar co alumnado, coñecer as súas inquietudes e regalarlles trucos vitais para chegar a ser un bo profesional tecnolóxico: hai que aplicarse nos estudos, traballar duro en todo o que se intenta, non procastinar, perseguir os soños, buscar axuda se se precisa e non esquecer nunca ser humilde e boa persoa.

Jorge demostrou que atesoira calidades para ser un mestre da resilencia práctica, da capacidade de superar as adversidades e de lograr cumprir as propias expectativas. Un exemplo a seguir.

QUÉROTE +

A Educadora Social, Isabel Presas, do servizo da Xunta Quérote+ visitounos para levar a cabo un obradoiro de Educación Afectivo Sexual. Explicou, en dúas sesións distintas a un alumnado atento de 3º ESO e de 1º FPB, a orixe deste organismo, as distintas liñas temáticas que desenvolve e como se pode acceder aos seus servizos de xeito totalmente gratuíto: probas de embarazo ou de enfermidades de transmisión sexual, tests de embarazo, preservativos, campañas informativas…

A partir dunha batería de preguntas fixo referencia a aspectos relacionados coa sexualidade: onde se obtén a información, o acceso a contidos pornográficos dende idades moi temperás, a importancia do consentimento nunha relación sexual na que debe prevalecer o diálogo e o respecto por riba de todo, a difusión de imaxes de contido sexual, os métodos anticonceptivos e de protección (píldora, anel, parche, implante subcutáneo…). Aspectos todos eles moi interesantes para que o alumnado poida tomar decisións saudables na sexualidade e no sexo, xusto no momento en que está empezando a vivilos.

EXPERIMENTAMOS CON RESINA EPOXI

Na tarde do luns o alumnado de 2º ESO participou nun taller de xoiería artesá organizado dende o Club de Ciencia Baiociencia no que experimentou coa resina epoxi para facer diferentes pezas. Con anterioridade colléranse flores silvestres de diferentes plantas e deixáranse secar para a súa posterior utilización; houbo tamén a opción de reutilizar dispositivos electrónicos. 

Para comezar preparouse a mestura da resina epoxi co endurecedor. Tras proceder a colocación das flores, colorantes, purpurina, os diodos e outros adornos engadiuse a resina nos moldes xa preparados e púidose elaborar diferentes tipos de colgantes, aneis ou chaveiros. Un pouco de imaxinación é o que se precisou para elaborar as diferentes pezas. Unha vez vertida a mestura no molde deixouse secar durante 24 horas e a continuación desmoldáronse as pezas. Finalmente aos que eran chaveiros colocáronse os enganches. A verdade é que quedou todo moi chulo!

Distribuir contido