FacebookSíguenos en YouTube

O CLUB DE LECTURA BAIOLENDO DO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA GALARDOADO POLO MINISTERIO DE EDUCACIÓN

Obtivo un 2º premio na edición 2021-2022 dos Premios Clubes de Lectura Escolares

O traballo arredor da lectura do IES Maximino Romero de Lema viuse recoñecido polo Ministerio de Educación que na súa resolución do 9 de decembro concede un premio de 2.500 euros aos logros acadados polo Club de Lectura Baiolendo

 

Na edición premiada foron sete os clubs de lectura organizados con protagonismo de 58 alumnos e alumnas. Neste premio recoñécese tamén o labor do profesorado encargado de coordinar o bo desenvolvemento de todo o proceso.

 

Todo un amplo elenco de actividades conformaron o encontro cos libros e coa lectura: recensións de libros; photocoll de Candorcas e unicornios, de María Canosa; encontros literarios (con Laura Suárez, Nee Barros, Arantza Portabales); fotografías que recollen a esencia literaria; encontros trimestrais compartindo doces e reflexións das lecturas realizadas; elaboración de marcapáxinas; creación de vídeos ao redor da lectura, roteiro literario…

 

Este recoñecemento outorga folgos renovados para seguirmos apostando pola lectura como forma de aprender, de coñecer, de achegarse a universos distantes, a entender a importancia do noso patrimonio cultural que tecen escritoras e escritores. Como finalizaba a memoria enviada ao Ministerio, “Cada libro ten unha luz. Cada lectura alumea un universo de resonancias. Baiolendo é iso e moito máis”

 

Velaquí vos deixamos o vídeo conformado por fotografías que recollen a esencia dos libros lidos durante o pasado curso académico 

CAMPAÑA SOLIDARIA DE NADAL

O ALUMNADO DO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA PARTICIPA NAS COMPETICIÓNS DEPORTIVAS ESCOLARES

BÁDMINTÓN EN OUTES

O alumnado de 3º e 4º de ESO participou na fase comarcal do Campionato Escolar de Bádminton do curso 2022-2023 na categoría cadete masculina e feminina, que se celebrou o pasado día 1 de decembro na Serra de Outes.  Os resultados foron bos, clasificándose para a seguinte fase Pedro PastorizaJulián Domínguez e Sandro Pazos na modalidade masculina e Cristina Valiente na feminina.

CAMPO A TRAVÉS NA BAÑA

O día 2 de decembro, participamos na modalidade atlética de campo a través celebrada na Baña, nas categorías infantil e cadete, masculino e feminino en ambas as dúas.  O percorrido da proba era de 1200 m para a categoría infantil e de 2000 m para a categoría cadete, todas elas sobre un circuíto cunha certa esixencia técnica.  Alicia Castiñeira, que finalizou en 6ª posición na categoría infantil feminina, clasificouse para a seguinte fase, así como os equipos masculino e feminino da categoría cadete;  nesta categoría, Alba Regueira e Carla Miñones finalizaron en segunda e terceira posición respectivamente, e na competición masculina Héctor Sambade foi o gañador, acompañado de Manuel Mourelle na terceira posición.

Transmitimos os parabéns para todo o alumnado, non só ao que acadou os mellores resultados, senón a todos e a todas os/as participantes, polo seu esforzo, compañeirismo e espírito deportivo demostrado nestas dúas xornadas.

Por unha alimentación sostible

A mocidade no centro da cadea alimentaria

O pasado xoves o alumnado de 1º de Bacharelato participou a través do Concello de Vimianzo no proxecto europeo Food Wave que lidera o cambio por unha alimentación sostible. Rosa Sánchez, técnica do Desenvolvemento Local do Concello de Vimianzo, e Xiomara Lazo, axente de Igualdade, foron as encargadas de explicar o proxecto que ten como obxectivo sensibilizar e concienciar á mocidade sobre os hábitos de consumo alimentario e a súa influencia no medio ambiente. Búscase a súa implicación, que sexa consciente de como xestos na súa vida diaria, nas súas opcións de compra, no xeito de consumir... son decisivos para conseguir uns sistemas alimentarios máis xustos, sostibles e resilientes.

 

A segunda parte da actividade consistiu nun taller práctico de ecogastronomía guiado polo chef vimiancés, Fabián Mouzo, que despois dunha breve charla sobre a reciclaxe de alimentos co obxectivo de ter un desperdicio cero, realizou unha demostración práctica de como realizar un riquísimo bocado con sobras. 

 

Finalmente o alumnado, por quendas, púxose mans á obra e elaborou con filloas “petiscos” doces ou salgados, segundo gustos, elixindo os ingredientes dun buffet libre e que saborearon ao rematar. 

 

Esta actividade, que trata de incorporar medidas de consumo responsable e promover activamente o cambio cara a sistemas ecolóxicos para mitigar o cambio climático, encádrase na liña estratéxica do Contrato Programa Innova Edusaúde  que desenvolvemos no Centro.

Péchase no IES Maximino Romero de Lema a campaña de 2022 Toponimízate

O pasado luns, 28 de decembro, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica, achegouse ao noso Centro promovido polo Concello de Zas, para transmitirlle ao alumnado de 3º e 4º da ESO a importancia de coñecer os topónimos tradicionais xa que forman parte do patrimonio cultural inmaterial que debemos preservar. Explicounos como usar a aplicación Galicia Nomeada para introducir os nomes e lendas asociadas a eles co obxectivo de que a rapazada contribúa coa información que lles proporcionen a familia e a veciñanza. Na parte final da charla sinalou a orixe e o significado dos nomes das parroquias e aldeas do noso concello. Neste punto contou coa inestimable axuda de Xosé María Lema, escritor e historiador de moitos traballos de investigación publicados sobre a Terra de Soneira.

Ao acto, presentado por Manuel Muíño, alcalde de Zas,  asistiron tamén membros da asociación de veciños A Fonte de Fornelos, de Baio, que leva anos colaborando con Galicia Nomeada e contribuíndo a que nomes de fincas, montes, ríos e camiños non se perdan.

Unha vez máis o IES Maximino Romero súmase a calquera iniciativa cultural que enriqueza a nosa memoria colectiva como pobo; neste caso coa recollida e difusión dos nomes tradicionais da toponimia da nosa contorna.

Dependencia emocional, un factor de risco

Outras das actividades que realizamos no Instituto arredor do 25N foi unha charla coloquio promovida polo Concello de Zas e organizada polo Centro de Información á Muller (CIM).

 

Ante o alumnado de 4º da ESO e de 1º CM, comezou o acto a psicóloga Patricia Rodríguez falando do dano que produce nas relacións de parella a idea do amor romántico, e que apoiou co visionado dun vídeo no que se van desmontando os falsos mitos deste sentimento. A continuación o psicólogo Enrique Delgado Fallas impartiu unha charla sobre a dependencia emocional como factor de risco na violencia de xénero. Analizou as características das persoas con dependencia emocional e, que no caso de darse en mulleres, facilita que sexan vítimas da violencia machista; enumerou os distintos sinais que nos deben alertar de que unha  muller está sendo maltratada; explicou os posibles perfiles do maltratador... 

 

Na segunda parte do acto, houbo un coloquio moi animado e interesante a partir das preguntas formuladas polo alumnado. Un alumnado, que nas súas intervencións parecía facer referencia a situacións vividas ou, polo menos coñecidas, e que amosaba a necesidade de resolver dúbidas, de ser escoitado....

 

Como sempre defendemos dende o Centro, o primeiro paso para superar calquera problemática é ter conciencia da mesma. É necesario recoñecer os falsos mitos arredor do amor e coñecer as características da dependencia emocional para detela, e así evitar casos de violencia machista.

Mulleres Visibles

A parte máis dramática e visible da violencia machista é a morte dunha muller -lembramos que dende 2003 son máis de 1200 as asasinadas-. Pero ademais hai outras formas de violencias sobre as mulleres e, que en moitos casos quedan ocultas e mesmo normalizadas na sociedade: económica, psicolóxica, cultural, estrutural...  Para combatérmolas necesitamos recoñecelas, ter unha actitude crítica para conseguir un modelo de sociedade máis libre e igualitaria. 

 

Por iso entre as actividades realizadas o 25N no noso Centro contamos co Obradoiro de Mulleres Visibles conducido por Olalla Trigo da Asociación Visibles de Buño e dirixido, en dúas sesións diferentes, ao alumnado de 3º de ESO e ao de 1º e 2º de FPB. 

 

Cremos que son necesarias iniciativas deste tipo que teñen como obxectivo fundamental sensibilizar a rapazada da discriminación que sofren as mulleres e, asemade crear conciencia sobre o rol activo que temos as persoas para eliminación de toda forma de discriminación. 

 

Dende o Centro apostamos por este tipo de iniciativas que axudan a reflexionas sobre as desigualdades adquiridas dende que nacemos e que cómpre eliminar.

Un minuto de silencio no IES Maximino Romero de Lema

O pasado venres toda a Comunidade Educativa participou nunha homenaxe a todas as vítimas da violencia machista, que consistiu en que en cada aula alumnos e alumnas lían o  manifesto ao resto do compañeiros e compañeiras e, a continuación, gardaban un minuto de silencio; mentres no patio o grupo de  2º de ESO fixo unha “performance” arredor dos 38 pares de zapatos sobre unha tea violeta, que lembraban as mulleres asasinadas. Velaquí vos deixamos un vídeo que recolle a esencia desta iniciativa.

Distribuir contido