Inauguración do curso 2022 - 2023

O pasado 8 de setembro deron comezo as clases dun novo curso xa sen as restricións que tivemos nos dous anteriores por mor da pandemia e con moitas novidades, sobre todo nos cursos impares, xa que comeza a implantarse a LOMLOE. Para inaugurar este novo curso que mellor que contar con dous exalumnos e unha exalumna do centro que desenvolven a súa actividade profesional en sectores tan diferentes como a música, a investigación ou a empresa, para que sirvan de exemplo, motivación e inspiración ás novas xeracións que se están a formar.

Primeiro foi o turno do alumnado de ESO, que encheron o salón de actos Xaquín Marín de algarabía e tamén de nervos, sobre todo por parte do alumnado de 1º de ESO que comezan etapa e chegan por vez primeira ao centro. Foron recibidos polo director, Xoán Vázquez, e por Gisela Sanmartín, pandeireteira e compoñente do grupo Xirifeiras de Fene, ademais de exalumna do centro.

Mentres, ao salón de actos do edificio de ciclos formativos chegaba o alumnado de FP básica onde eran recibdos pola vicedirectora e o xefe de estudos de adultos, Santiago Varela, quen lles informou do desenvolvemento das ensinanzas que comezan, titulacións que recibirán e das posibiladades de continuar a súa formación nun ciclo medio e superior ou incorporarse ao mundo laboral.

A continuación o alumnado de bacharelato participaba nunha charla sobre especies invasoras e a súa influencia na perda de biodiversidade, impartida por Rubén Portela Carballeira, biólogo e exalumno do IES de Fene, que a pesar da súa xuventude conta cunha ampla experiencia investigadora en diferentes pasíses do mundo.

Por último recibimos tamén ao alumnado de ciclos medios. Neste caso participaron nunha sesión con Miguel Ameneiros Vilasánchez, exalumno do ciclo de instalacións frigoríficas, emprendedor e fundador da empresa Aerofri, que narrou ao alumndo a súa experiencia no noso centro e despois como traballador e empresario autónomo.

En resumo, unha mañá chea de actividades para coller folgos e comezar unha nova andaina académica.

         
             
         
AdxuntoTamaño
IMG_20220908_114236.jpg26.91 KB
IMG_20220908_112330.jpg21.83 KB
IMG_20220908_121811.jpg19.32 KB
IMG_20220908_131101.jpg35.04 KB