Charla de Jorge Mira

O mércores 12 de novembro tivo lugar no IES de Fene unha charla do televisivo físico Jorge Mira que se enmarca dentro das actividades que o concello de Fene está a organizar con motivo do V Día da ciencia en Galego que este ano se dedica a Isaac Newton e Xosé Rodríguez, e dentro do programa "Fene coa ciencia en galego" no que colaboran o concello, ao que lle queremos agradecer a súa disposición para levar a cabo estas actividades, e centros educativos. Contamos para isto coa colaboración do equipo de Normalización Lingüística do centro que organizou o evento no instituto e de Antonio Orozco, profesor de Física e Química do IES ata o curso pasado, que fixo unha magnífica presentación de Jorge Mira na que expuxo unha reseña das multiples e variadas actividades científicas e menos científicas deste mediático catedrático de electromagnetismo da USC.

A charla levaba o título "A Ciencia no punto de Mira", título tamén do seu libro, e ao longo dela fixo un percorrido por diferentes estudios científicos, dende a bioloxía e a evolución das especies, ata o seu cálculo teórico das temperaturas do ceo e do inferno baseadas na Biblia e que creou polémica en ámbitos científicos e xornalísticos, pasando por diversidade de descubimentos curiosos de premios nobeles e outros científicos que atraparon a atención do noso alumnado de 4º de ESO e 1º e 2º de bacharelato.