Os alumnos e alumnas do equipo do Instituto que participou con éxito no programa Parlamento xove contan a experiencia

 

 Por A. Orozco e M. Suárez. Coa colaboración de Lula Sanmartín.

Borja Martínez, Érika Diz, Adrián Oliveira e Sara Jove estudan  no  noso instituto,  Érika e Borja xa non estarán o vindeiro curso.  A Oliveira e a Sara aínda lles queda un ano  máis, despois tamén eles rematarán os seus estudos  no IES de Fene. Os catro serán recordados polos seus compañeiros e pola súa profesora de Lingua Española, María Nogareda, por  participar por primeira vez no programa Parlamento Xove, representando ao instituto .

Foi María Nogareda quen os convenceu, Sara di: “enganounos”  e de seguido aclara  que “ é unha profesora 10”.  Os catro contan marabillas de María, “levábanos , traíanos.... invitábanos a xantar” di Oliveira  mentres Borja bromea  asegurando que María  case podía facer un adosado no patio do Instituto, polo tempo que dedicou a esta actividade.

María é unha profesora que chegou este ano e parece que leva aquí desde sempre. Durante a preparación da actividade e a participación no programa  tivo que dedicar moitas horas fóra da xornada habitual tanto no instituto como na casa. Non só o buscador de Google, senón tamén Google docs ou o correo electrónico serviron para que puidesen traballar “on line” mesmo durante as vacacións de Nadal,  “San Google” como di Sara para se referir ás ferramentas do buscador. María asegura que non cambiaría esta experiencia por nada, fala con seguridade e  rapidez cando conta como lles foi,  calquera que a escoite decátase de que lle gusta a súa profesión, non só impartir aulas aos alumnos senón aprender con eles e aprender deles.

Por primeira vez participan nesta iniciativa centros escolares de Ferrolterra  e foi o IES de Fene o único instituto que quedou clasificado. Algún membro da organización sorprendeuse de que sendo a primeira vez chegaran tan lonxe, María di que é mérito dos alumnos, “Supoño que a naturalidade fíxolles gañar moitos puntos, tamén a sensación de equipo”,  ‘eramos  todos, é dicir, eles pasábanme notas a min como eu llas pasaba a eles, eu non lles dicía: di isto’. Cóntanos que  empezaron nas vacacións de Nadal, reuníanse no Instituto para buscar información na Internet. “ Era sorprendente  ver a Oliveira e os demais tres horas seguidas diante dun ordenador” María dixéralles que ía haber moito traballo que non os ía enganar, “cando souberon de verdade o traballo que tiñan por diante dime Borja: es máis lista do que pensaba, non nos dixeches realmente o que había que facer ata que estivemos apuntados”. Traballaron mesmo os sábados, e os domingos conectábanse a  Google docs, “quedabamos, por exemplo, ás 12, eu entraba ás 11 e xa estaban eles”.

Gañar un premio de 6000 euros non era o máis importante, para o grupo non o era, hai unha frase na que Érika  o  expresa ás claras: ‘eu, aínda que soubese que perdiamos, xa dende o principio repetiría exactamente igual o mesmo proceso’, “é dicir, ela -e o resto- non se arrepinten de nada, a experiencia para eles foi enriquecedora, e para min tamén, por suposto”.
María cre que os premios estaban descompensados, “ o segundo premio era unha tableta dixital, nin sequera un IPad,  había un premio ao mellor dossier e un premio para o mellor blog con dous artigos defendendo posicións distintas.  Propúxenllo a Borja e Erika porque, dado que estaban  en segundo de Bacharelato podía ser unha tarefa de clase, eles foron quen realmente os firmaron, aínda que a tarefa é conxunta. Por iso Érika dicía que se sentía mal porque era un labor de todos. O premio foi unha tableta para ela, que non está mal. Quedaron encantados coa experiencia  e eu tamén sobre todo por ver que temos alumnos moi naturais, moi normais e respectuosos”.

Este traballo fíxolles ver que hai outras maneiras de aprender, e eles mesmo se preguntan porque nas clases non se pode traballar así “aí estades vós, realmente para cambiar nas novas xeracións a maneira de actuar, pero tamén é o que lles digo sempre, as regras, gusten ou non están para cumprilas”, puntualiza María.

Saben que  non hai verdades absolutas, “temos que ser bipolares” é a frase de Sara para intentar poñerse no sitio de quen defende posicións diferentes. Ese pode ser o momento crucial do traballo porque “é cando  eles non soamente dan respostas senón que formulan  preguntas,  foi un avance extraordinario”.

Antes de rematar a conversa con María Nogareda  a xeito de resume da experiencia fai unha defensa vehemente da novas xeracións: "a xuventude merece a pena realmente, penso que as novas xeracións son as que nos van sacar deste mundo onde predomina en bastantes ocasións a mediocridade"

Oliveira, Érika, Borja e Sara,  cóntannos o paso polo programa,  falan da experiencia satisfeitos de teren participado .  Oliveira dinos como foron gañando confianza: “Eu ao principio non estaba moi seguro de que nos saíse tan ben como nos saíu, esforzámonos, buscamos información. Cando estabamos traballando aquí, moi ben. Cando cheguei púxenme  moi nervioso e nos dous primeiros debates non cheguei a encher o tempo, Érika soubo suplir os meus fallos e grazas a iso conseguimos pasar da primeira rolda. Na última parte xa non sabía case nin que dicir... esquecín pasar as diapositivas e tamén esquecín un pouco a parte final. Por culpa diso eu penso que non chegamos á final, porque tiñamos moi bo equipo”. Para Érika, que nalgún momento pensaba que non lle quedaría tempo para preparar os exames, foi unha boa experiencia:  “tiña medo de que non me dera tempo a estudar os exames e todo iso, pero xa dixen que ao final todo isto valera a pena e volveríao a facer porque, aínda que dedicásemos moito tempo,  tamén o pasamos ben”.

A Borja, que dubidou en participar, convencérono María Nogareda e Érika, está contento polo conseguido e rectifica a Oliveira: “o equipo era bo se non quedamos primeiros non  foi culpa de Oliveira, foi culpa de todos
Unha experiencia moi  enriquecedora, apunta Sara “para atreverse a falar en público, para expresarse mellor na escrita. Tivemos moito traballo buscando información, subliñando alí como tolos, Borja acabou con maniotas de tanto pasar follas... E practicar o oral tamén custaba”.

A preparación dos debates inclúe contrastar opinións e limpar a mente de ideas alleas. Sara dinos: “ao principio podía estar máis ou menos claro dicir: eu defendo esta idea. Despois traballabamos  coas dúas ideas, unha xa non sabía se estaba coa outra ou coa súa, non o tiña claro…”  segundo  Érika “Ao final xa non sabiamos cal era a nosa opinión. Buscabamos información na que había razóns para defender as dúas, entón xa non sabiamos moi ben…” . “Había moita información de ámbalas dúas partes”, interrompe Borja.

Son conscientes do difícil que é formar unha opinión e de que só con información relevante se poden formar opinións válidas, “tiñamos moita información” Oliveira di que na primeira rolda foi onde máis se notou iso. Para Sara o importante era “ler, ler moito  aínda que non puxeras todo pero ler, ter idea de máis cousas para saír, … por se che saen con outra cousa” Érika  está de acordo: “Claro, é que había moitas cousas que prepararamos mentres practicabamos. Debatiamos entre nós, despois, cando nos facían preguntas, era doado  contestar”.

Tiveron que controlar os nervios, segundo Oliveria con “chocolatinas” . Cando as  palabras non saían,  normalmente tiñan que ler. Iso pasou ao principio, despois gañaron confianza. “Nós chegamos alí– di Érika-  e ao segundo ou terceiro debate xa sabiamos un pouco como era, pero a primeira vez  asustaba
Os debates transcorreron adecuadamente, aínda que ás veces algunha persoa perdera os modais ou houbese algunha saída de ton. O xurado deulles os parabéns aos alumnos do IES de Fene por seren en todo momento respectuosos. Notábase a rivalidade no ambiente, Borja cre que xa ían  con esa idea “hai equipos que van a gañar, o de menos é   facer amigos”. 
Teñen a percepción de que tamén houbo profesores que non aceptaban a derrota, “virábannos a cara” .

Non hai moitas diferenzas en como perciben a forma de puntuar os debates. “O que máis puntuaba era a expresión oral, que tiveras claro o que estabas dicindo e a contundencia  dos argumentos, nós  pensamos que era mellor non ler o discurso,  pero ao final  os que o leron acadaron mellor puntuación”. Érika corrobora o punto de vista de Oliveira :  “nun principio pensabamos que ía contar máis o de ter máis información ou cousas mais novidosas que non tiveran os demais, pero ao final vimos que o que máis contaba era a forma de explicarse
aínda que o que  estiveras a dicir parecese unha   parvada, se convencías puntuaba… era o ton con que o dicías” é do que está segura Sara. Critican a falta de frescura e espontaneidade dos participantes “criamos que puntuaría o dicir, non o ler” apunta  Borja. “Houbo bromas sen gracia como cando algúns falaron dos ninis  e dos mileuristas “ é o que cre Sara.

Pensan que ao grupo do IES de Fene o favoreceu a espontaneidade,  agora saben que  a argumentación por si soa non era suficiente “é que unha cousa é ter razón e outra diferente é convencer de que tes razón, sabemos que iso pasa na vida real”, iso cre Sara
A impresión sobre os outros equipos é que “había un pouco de todo”, algúns eran excesivamente competitivos e outros menos, con  estes últimos compartiron charlas nocturnas.  Quizais as ansias de gañar  dos máis competitivos  fosen debidas aos profesores “ao mellor estaban un pouco influídos por eles”. O primordial  para eles é a sensación de ter aprendido moito coa experiencia; foi unha novidade traballar desde a casa e nas vacacións, compartir documentos e corrixir entre todos o propio documento e aprender a buscar información. “O que preparamos  para o  debate,  aínda o recordamos

Pedïmoslles unha frase  a cada un para describir a experiencia, isto foi  o que dixeron
Oliveira: Incrible … un pouco máis e xa sería ‘amazing’… Érika estivo impresionante, non había ninguén que lle levara a contraria, tiña razón, cando falaba tiña razón.
Erika: Ninguén facía as bromas que facía Oliveira, ata os do xurado se rían.
Sara: Estivemos en boca de todos pola  boa relación que había  entre nós coa profesora… a María  non a vían como unha profesora,
 Borja: Fomos o único equipo que no primeiro ano chegou á final..

O paso polo programa agudizoulles a actitude crítica. “Houbo debates que foron simples monólogos, sen intercambios de pareceres”, “ou como estar na misa” “algúns estaban cheos de citas”, “Nós gañamos os tres debates, quedamos de terceiros por cuestións de puntos, pero gañamos os tres”, son as frases coas que rematan a conversa sabedores de que deixaron pegada, de que no futuro os que pasaron polo programa recordarán aos gañadores, pero aos que nunca esquecerán serán aos membros do equipo formado por Adrián Oliveira, Érika Diz, Borja Martínez e Sara Jove, coordinado pola profesora María Nogareda

Parabéns!