Skip to Content

PROXECTO COMPETENCIAL 2º ESO

O alumnado de 2º ESO de Proxecto competencial colabora co banco de alimentos de Vilanova de Arousa a través da OMIX do Concello e a súa responsable, Ana Carballa. O proceso deste proxecto foise desenvolvendo en base ás seguintes fases: toma de contacto, selección de produtos, adecuación do orzamento cun estudo de mercado en establecementos da zona, compra definitiva e entrega final.

A MOCIDADE DO FARO PRESENTA AS SÚAS PROPOSTAS AO CONCELLO

Este martes 19 de decembro os mozos e mozas que participaron nos encontros organizados por Arousa Moza achegáronse ata o Concello de Vilanova acompañados polos representantes desta asociación xuvenil. Alí foron recibidos polo alcalde, Gonzalo Durán, que escoitou atentamente as súas propostas para mellorar a oferta de ocio saudable e doutras actividades de interese para a xuventude de Vilanova. Esta iniciativa de Arousa Moza supuxo unha interesante aprendizaxe para os mozos e mozas participantes, xa que non só tiveron a oportunidade de seren escoitados e tidos en conta, senón que ademais puideron empezar a comprender as diferencias entre as distintas administracións públicas.

(Premede aquí para acceder ás fotos e vídeos da actividade)

ENTREVISTA EN "HOY POR HOY AROSA"

Onte 7 de decembro no programa Hoy por Hoy de Radio Arosa Cadena Ser​ emitíuse a entrevista realizada por Montse García aos nosos intrépidos integrantes do Club de Radio. Dende o minuto 57 ata o 01:12:03, Aroa, Rita, Mateo, Adriana, Manuel e Iria contestan ás preguntas de Montse e vannos debullando os seus intereses e inquedanzas, as súas opinións e expectativas para o futuro, incluso os pequenos choques xeracionais no seu día a día. Non vos perdades o broche musical que nos agasalla Adriana para rematar a entrevista!

(Premede aquí para descargar a entrevista en arquivo de audio)

SAÍDA A LUGO

Por iniciativa do EDLG, o alumnado de 2º ESO asistíu este luns 4 de decembro á conferencia titulada "Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable", que se celebrou na Deputación de Lugo e que foi impartida por Mari A. Lires, doutora en Química, premio UVIGUALA da Universidade de Vigo (2017), profesora de  Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo. 

Como sabedes, novembro foi o mes da Ciencia en galego, e ademais é un mes no que a reivindicación da igualdade de xénero se fai especialmente relevante, tamén no eido da ciencia. A doutora Lires conxuntou ambos aspectos nunha charla moi interesante e reivindicativa, amosándonos a contribución de mulleres científicas de todas as épocas e continentes sen as cales a ciencia non sería hoxe o que é.

Aproveitando que nos atopabamos en Lugo, o alumnado puido coñecer a muralla romana, percorrendo o seu perímetro nunha chuviosa mañá de decembro.

FORMACIÓN DO PROFESORADO

Como cada ano, o profesorado do IES Faro das Lúas participa en cursos de formación para mellorar a nosa práctica docente e trasladar o aprendido ás aulas. Este curso estamos a formarnos no emprego do material do proxecto Polos Creativos:  Da man de Magdalena, a nosa antiga profesora de Tecnoloxía, estamos aprendendo a manexar a impresora 3D, a cortadora láser, a máquina de coser e a máquina de chapas. Esperamos poñer en práctica o aprendido nas nosas clases para que o noso alumnado poida realizar interesantes proxectos.

ÍNDICE DA PAZ

Así vai a clasificación do Índice da Paz coas puntuacións de outubro. 1ºB e 3ºB van gañando!

Distribuir contido


by Dr. Radut