DI K NON

O pasado martes 8 de novembro tivemos a visita dun grupo de persoas internas do centro penitenciario de Teixeiro  acompañadas de varios técnicos. O motivo da súa visita era contarnos, a través dunha representación teatral primeiro e logo a través do seu testemuño, as consecuencias que pode ter o consumo de drogas.

diknon_1


A actividade estaba prevista para 4º de ESO e 1º de Bacharelato mais cara o final da mesma incorporouse tamén 2º. Na aula de usos múltiples non collía ninguén máis e sen embargo o silencio era total. Todos, o alumnado e o profesorado que estabamos alí, estabamos impactados. (NOMES) son persoas coma nós, veñen de familias traballadoras como as nosas, estudaban nun IES coma o noso. Só que nun momento determinado non foron quen de dicir que non. A maneira, tan humana pero tan crúa ao mesmo tempo, de describir a súa experiencia creo que non se nos esquecerá en moito tempo.
O inicio en drogas mal chamadas “brandas”. As amizades que parecen tan sólidas e que cando tes problemas desaparecen. A necesidade de encaixar no grupo. Todas esas cousas que tantas veces repetimos nas charlas de orientación, en primeira persoa.
Como orientadora, e Ana como vicedirectora, non podemos estar máis contentas co resultado da actividade. E non só por parte das persoas internas que viñeron. Todas as alumnas e alumnos que alí estiveron tiveron un comportamento exemplar, fixeron preguntas do máis pertinente e cun grao de reflexión e de sensibilidade que, de verdade, fai sentir a unha moi orgullosa de traballar aquí.


E isto foi só a primeira parte. O martes 15 1º de Bacharelato participou nunha visita á Unidade Terapéutica Educativa de Teixeiro, na que están internas as persoas que viñeron ao Instituto. Lamentablemente, por motivos de seguridade, o número de persoas que poden participar é moi limitado. Gustaríanos moitísimo que todo o alumnado que estivo na representación puidera vir pero non é posible. Desa visita non haberá reportaxe fotográfica xa que as cámaras e móbiles están prohibidos, pero estou segura de que nas nosas cabeciñas traeremos moitas imaxes difíciles de esquecer.
Deixámosvos algunhas imaxes:


Para os que non participastes na actividade, e para os que si pero queredes coñecer máis da vida e o día a día das persoas internas na UTE, grabamos un programa especial en Radio emBRIÓN. Non o perdades, está cheo de curiosidades e de reflexións moi interesantes destas persoas marabillosas que levaron un cachiño dos nosos corazóns a Teixeiro.

radio_emBrion

https://radiodoiesdebrion.wordpress.com/2016/11/12/o-carcere-de-teixeiro-na-radio/