Extraescolares outros cursos

 

Este venres, 15 de abril, tivemos unha actividade no centro englobada no programa Aprende Moaña da Concellería de Ensino.
Esta actividade consistiu nunha charla sobre fotografías históricas de Moaña, comentadas polos autores do libro "Moaña, Historia Fotográfica", Xesús Cancelas, Manuel Anxo Méndez e Xosé Carlos Villaverde.

Estivo dirixida ao alumnado de 3º ESO.

 

 

O xoves, 31 de marzo, tivemos no centro a actuación de Quico Cadaval, gran contador de historias e profesional do mundo do teatro  para o alumnado de 1º e 2º de Bach e para 3º ESO A e B.

 

Á actuación tamén asistiu a alcaldesa acompañada doutros membros da corporación municipal. A actividade foi organizada polas Equipas de Normalización de As Barxas e do Paralaia e o Concello de Moaña.
Sempre con moito humor descubriunos os valores negativos que se agochan nos contos infantis máis tradicionais e a continuación relatou unha historia, de terror e amor a un tempo, cun final moi misterioso. O alumnado gozou coa vivacidade coa que empregou o galego o noso convidado. Posteriormente alumnos do proxecto Erasmus + realizáronlle unha entrevista.

 

 

 

 

 

Con motivo da celebración do día internacional da muller, no noso centro temos unha exposición de frases referentes a esta data, así como a posibilidade de visualizar hologramas adicados a Maruja Mallo e feitos polos alumnos de plástica, guiados pola nosa compañeira Luz Beloso.

 

E para completar esta celebración, aquí vos deixamos un poema doutra compañeira, Iria Collazo:

 

Es as veas do río e seu o asombro reflectido das pólas que demoucas. Es o verde que procura a túa auga para nacer. Es o óleo de sangue callado na cunca das mans, en liñas humildes que marcan o destino do noso alimento. Es a mañá eterna en que te ergues e o labirinto poboado de bestas antigas en que procuras o camiño á escola. Es o liño en que mallas. Es a cor da derrota. Es a rede en que es presa. Es a la que te ispe. Es o insecto que tornas. Es a cova en que te agochas. E es a orixe do riso, a lingua que di os contos, a discreción do pranto, a dignidade na sombra. O tronco de todos os carballos. Os ósos. O van. Es unha muller. Es eu. Es nós.
 

 

 

Distribuir contido