Skip to Content

O instituto regala lecturas

No Día do Libro, e por segundo ano consecutivo, o persoal do instituto –docente e non docente– tivo a ocasión de participar na actividade de intercambio de libros coñecida como o amigo invisíbel. Foi un momento estimulante e divertido, en que cada unha e cada un de nós puido comprobar que lecturas pensan as demais persoas que nos poderían interesar. Agora, a gozar dos agasallos! E até o 23 de abril de 2025!

(Aquí hai máis fotos: Galería "O instituto regala lecturas")

 

Xulia Alonso visita o instituto

Tras as xestións feitas polo profesor Rodrigo Ruiz, do equipo da biblioteca, Xulia Alonso estivo hoxe no instituto. A conversa co alumnado do primeiro curso do bacharelato xirou ao redor do seu libro Futuro imperfecto e mais da súa vida.

 

 

'La Voz de Galicia' informa da concesión do Premio BREVITER

O xornal La Voz de Galicia informa da concesión do I Premio BREVITER de microrrelatos.

 

Xa sabemos quen son as gañadoras do Premio BREVITER!

O 18 de abril de 2024 reuniuse o xurado do I Premio BREVITER de microrrelatos, composto por Laureano Araujo (presidente), Anaísa Amorim (secretaria), Sergio Frade, Adrián Noia e Rodrigo Ruiz, que decidiu outorgar dous premios de 300,00 euros cada un. Na categoría de microrrelatos literarios ou poemas, a obra gañadora é "O avó do souto vello", da nosa alumna Xela Rodríguez Domínguez. Na categoría de microrrelatos audiovisuais galardóase a obra "A industria téxtil", de Eliana Noemí Correa Aillón, do IES As Lagoas (Ourense). A entrega dos premios vai ter lugar no mes de xuño, nun acto público no instituto.

 

 

As fichas de recomendación da biblioteca

Os membros da comunidade educativa do instituto poden recomendar libros mediante as fichas que están na biblioteca ao dispor das persoas interesadas. Canta máis xente se anime a compartir os seus consellos de lectura, máis cousas divertidas e fascinantes iremos descubrindo!

 

 

Probas de competencia dixital

O martes 9 de abril un grupo de 90 alumnos e alumnas de 2º de Bachalerato realizaron as probas de certificación ComDix para acreditar a súa competencia dixital cuns resultados altamente satisfactorios.
A competencia dixital é o conxunto de coñecementos, habilidades e actitudes para usar a tecnoloxía de xeito creativo, crítico e seguro que permite ás persoas alcanzar os seus obxectivos para o traballo, a empregabilidade, a aprendizaxe, o ocio, a inclusión e a participación plena na sociedade.
Queremos agradecer e felicitar a estas alumnas e alumnos polo seu sacrificio e compromiso nestes momento do curso, ás portas dos exames da terceira avaliación.
Moita sorte e moito ánimo que xa queda pouco.

A participación no premio BREVITER, en 'La Voz de Galicia'

O xornal La Voz de Galicia cualifica de "éxito" a convocatoria do I Premio BREVITER de microrrelatos, que organiza o noso instituto.

 

 

Que é o espazo de igualdade e diversidade?

Hai xa tres anos que o profesorado do IES Arcebispo Xelmírez detectou a necesidade de crear un grupo de apoio e/ou un espazo seguro onde o noso alumnado LGBTIQ+ puidese sentirse escoitado e comprendido. A idea deste espazo foi impulsada polo EDL e o equipo de igualdade, e conta co apoio do Departamento de orientación e da dirección do instituto.
O espazo forma parte da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ Galicia, que considera que "para evitar a reprodución de estereotipos sexistas [...], faise necesaria a aplicación de medidas individuais e colectivas encamiñadas a promover a igualdade de oportunidades, e, por tanto, asentar as bases para conseguir un centro coeducativo, libre de discriminación e respectuoso con todas as diversidades".
Este espazo, ao que asiste profesorado e alumnado de todas as idades do instituto, é un lugar onde abrimos temas de debate, aclaramos dúbidas, reflexionamos sobre as nosas inquedanzas, os nosos medos e as nosas incertezas, propoñemos lecturas, películas e documentais, e organizamos actividades para celebrar efemérides que nos interesan.
Comezamos hai tres anos pintando un armario coas cores da bandeira LGBT e filmando un vídeo no cal convidabamos toda a comunidade educativa a asistir ás reunións.
O armario segue alí, e nós tamén.
Reunímonos os xoves, de 12.25 a 12.45 horas, na aula de Alemán.

 

Alta participación no I Premio BREVITER de microrrelatos

A resposta á convocatoria do I Premio BREVITER de microrrelatos superou as expectativas. Recibíronse 77 obras, 63 literarias e 14 audiovisuais, en galego, alemán, español, inglés e portugués, o cal demostra o grande interese que suscitou a iniciativa do noso instituto.
O xurado do premio anunciará a súa decisión nas próximas semanas.

 

Sport et Science,, L’Union fait la force

 

 

Este ano está sen dúbida marcado pola celebración dos Xogos Olímpicos na cidade de París e, para celebrar este evento, o pasado 6 e 7 de marzo, o noso alumnado de francés de 2º da ESO visitou a exposición “Deporte e ciencia, a unidade é a forza” nas instalacións da Alianza Francesa, e descubriu o papel da ciencia nas prácticas deportivas. 

 

Ademais de descubrir os carteis que adornaran os muros da estación de Montparnasse-Bienvenue (Paris) durante dos meses, o noso alumnado practicou os seus coñecementos da lingua e ampliounos grazas a actividade pedagóxica elaborada polo equipo da Alianza Francesa. 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut