Complementarias

Actividades complementarias.- aquelas que se levan a cabo fóra do recinto escolar ou fóra do horario lectivo.

NEVE, XANEIRO 2023

BRINCADEIRAS Lugo 2022

Marcelle 2022


"UNHA AMEAZA CHEGADA DUN ESPAZO EXTERIOR"

Na semana do 3 ao 7 de outubro, a asociación "AMABUL"  instalou no noso centro educativo a exposición sobre flora exótica invasora "Unha ameaza chegada dun espazo exterior" que veu acompañada da realización de dous obradoiros ambientais e a entrega dunha unidade didáctica. Trátase dunha actividade gratuíta financiada pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

VISITA DA PATRULLA FELINA

O 30 de maio viñeron ao colexio dous membros da Patrulla Felina, Lorenzo e Sonia, para explicar á rapazada como funciona esta protectora de animais. Un xeito de concienciar ás novas xeracións da importancia de coidar aos seres vivos que nos rodean, neste caso aos gatos. E tamén como debemos evitar que se siga producindo na nosa sociedade accións de abandono e maltrato aos animais.

Ao final cada neno e nena pintaron un debuxo dun gato, para decorar as gateiras da protectora. Podedes ver os debuxos nesta ligazón. PREME AQUÍ

Moitas grazas polos consellos e toda a información recibida, dando resposta a todas as preguntas que foron xurdindo por parte do alumnado durante a charla.

 

CHARLA-OBRADOIRO PRIMEIROS AUXILIOS. CURSO 2021/2022

 

 

 

O pasado xoves, 5 de maio, os alumnos e alumnas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria asistiron a unha charla-obradoiro sobre primeiros auxilios. Profesionais sanitarios da área sanitaria do Barco de Valdeorras foron os encargados de levar a cabo dita actividade.

Explicaron como actuar ante situacións de emerxencia, situacións cotiás coas que nos podemos atopar no noso día a día, coma queimaduras, hemorraxias, feridas, picaduras de insectos, etc.

De forma práctica amosaron como actuar no caso de atragoarse e como facer a manobra de Heimlich. Tamén, coa axuda dun peluche, a modo de paciente, o noso alumnado aprendeu a realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP). Ademais, os sanitarios comprobaron o seu peso, altura, mediron a súa frecuencia cardíaca e o seu osíxeno en sangue.

Os nenos e nenas puideron resolver moitas dúbidas que tiñan e aprenderon moitos trucos que poden poñer en práctica se chegase o caso.

Dende o centro queremos agradecer a amabilidade e a atención prestada polos profesionais sanitarios.

Salvar vidas está ao alcance de todos nós!

PREME AQUÍ PARA ACCEDER Á GALERÍA DE FOTOS

EXCURSIÓN A VIGO: DEPORTE, DIVERSIÓN E ILUSIÓN

O venres 10 de decembro fixemos unha excursión a Vigo, co motivo de visitar as luces de Nadal, pero tamén a pista de patinaxe sobre xeo e as brincadeiras de Jump Park. O alumnado que asisitiu, gozou dunha xornada intensa e divertida, e que dalgún xeito axudou a liberar as tensións do último ano que nos tocou vivir e que ata o de agora facía pouco viable unha actividade deste tipo.

Para ver as fotos na nosa galería de imaxes, preme aquí

SAÍDA Á CONTORNA NATURAL: Obradoiro de ornitoloxía

O pasado mércores 27 de outubro, levouse a cabo unha actividade complementaria. Consistiu nunha breve saída á contorna próxima para levar a cabo un obradoiro de ornitoloxía, impartido por Alberto e Goyo. Experto na ciencia das aves e garda forestal acompañaron e ensinaron a todo o alumnado do noso centro, a importancia da conservación da natureza neste enclave tan especial como é o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

Deste xeito, despois dunha charla sobre os diversos tipos de aves que podemos atopar segundo en que hábitats nos atopemos, así como a súa clasificación, o obxectivo centrouse en entender a razón do rexistro das aves. Para iso, é fundamental poder capturar algunhas especies con sumo coidado, e esta acción só pode ser levada a cabo por persoal autorizado, competente e experto na materia. A observación fundamental basearase na medición de patas, ás e tamén na súa plumaxe. Sen esquecer a comprobación pertinente do estado de saúde do animai. Despois procédese o anelamento da ave. Para isto e todo o anterior, deberanse empregar ferramentas e estratexias axeitadas.

Os paxaros, como todo ser vivo, debe ser tratado con todo o respecto que merece, pois todos forman parte dun ecosistema que debemos procurar manter evitando accións lesivas para o mesmo. Todo o alumnado puido asistir in situ, na realización completa deste proceso de captura, observación, identificación, medición, rexistro dos datos e anelamento de dúas especias moi comúns na nosa zona: un paporrubio e un merlo. Gozando así moito desta experiencia.

 

 Máis info e fotos nos blogs das aulas

OBRADOIRO MULLERES CIENTÍFICAS

Ver fotos no blog da aula vermella

 

O vindeiro luns 8 de novembro impartirase un obradoiro sobre dúas mulleres científicas relevantes na historia do noso país: Ánxeles Alvariño (1916-2005), precursora na investigación oceanográfica mundial. E Isabel Zendal (s. XIX), considerada pola OMS como a primeira enfermeira en misión internacional. Ambas con raíces galegas, contribuíron notablemente á investigación e á ciencia.

 

Este obradoiro, dirixido neste caso ao alumnado de 5º e de 6º de primaria do noso centro, levarase a cabo por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

ACTIVIDADE COMPLEMENTARIA: TEATRO DE MONICREQUES

O venres 2 de outubro tivemos teatro de monicreques na escola. A compañía Mircromina Títeres representou "Cousas de casa", un espectáculo que realiza un percorrido por aqueles conceptos que nos permiten reflexionar acerca da igualdade entre mulleres e homes nos distintos ámbitos.

Grazas por organizar a GDR7 Valdeorras e ao Concello de Rubiá por colaborar. Pasámolo xenial!

Despois realizouse un sorteo de libros a cargo dos organizadores.

MÁIS FOTOS E VÍDEOS NO BLOG: A NOVA BIBLOGUETA INCLUSIVA

Distribuir contido (C01 _th3me_)