Curso 2010-2011

SAÍDA ÁS FRAGAS DO EUME

O martes, 14 de xuño, todos os alumnos de primaria, acompañados polos seus mestres, achegáronse ata o concello da Capela.


As actividades comezaron cunha visita guiada ao Museo Etnográfico, para posteriormente baixar ao mosteiro de Caaveiro adentrándose nas fragas pola ruta do Pazo.


Despois de repoñer forzas, o regreso acometeuse pola ruta da Ventureira, podendo desfrutar dos magníficos exemplares de especies arbóreas que alí hai.


Algunhas imaxes desta saída están aquí.


A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

O venres, 3 de xuño, veu ao colexio César Candelas, pai de dúas alumnas do centro; traballou este libro de Julio Verne cos alumnos do 2º ciclo.


Ademais dos fusos horarios, os medios de transporte, a historia e as matemáticas, tamén abordou a xeografía política, pois os nenos, ao igual que Phileas Fogg, foron pasando por Inglaterra, Francia, Exipto... e así ata completar once países.


Os alumnos aprenderon moitas cousas dunha forma moi amena, participativa e divertida.


Podes ver aquí algúns momentos desta viaxe arredor do mundo.


 


Viaxe a Manzaneda

Este ano voltamos de novo a Cabeza de Manzaneda dentro do programa  "Coñece Manzaneda Verde 2011".


Montamos a cabalo, en karts, escalada, orientación, sendeirismo, tiro con arco, béisbol, piscina, subimos a desfrutar coa neve. Foron unhas xornadas para concienciarnos e aprender a valorar a natureza. Tamén tivemos tempo para desfrutar cos compañeiros facendo xogos e na disco.


Se queres ver algún destes momentos preme aquí.


 

VISITA DIDÁCTICA A SANTIAGO

O día 9 de novembro os alumnos de 5º e 6º de primaria, acompañados polas súas titoras, achegáronse á cidade de Santiago para visitar unha exposición que, ata o momento, só fora mostrada no Xapón. Patrocinada pola Fundación Caixanova, chegou a Colección Zanchi: Mestres da Arte. Diversas obras de autores como Durero, Tizziano, Tintoretto, Miguel Ángel, Murillo ou Ribera, foron explicadas aos nenos nunha visita guiada que suscitou neles grande interese e atención.


No mesmo recinto, e con explicación da mesma guía, puideron desfrutar doutra exposición: El Pórtico de la Gloria. Misterio y sentido.


Tamén se aproveitou a viaxe para facer a visita á Catedral e os seus museos e á igrexa de Santo Domingo de Bonaval onde estaban expostos 35 árbores de aceiro inoxidable, obras do autor Xurxo Oro Claro. Pulsa aquí para ver máis fotos.


FUNGOS E COGOMELOS 2010

Este ano, os alumnos do noso colexio tamén nos esforzamos moito para preparar os traballos que presentamos ao concurso convocado polo Concello para celebrar a Feira de Fungos e Cogomelos.


Estamos moi contentos porque acadamos moitos premios. Aquí tedes unha mostra dalgúns dos traballos presentados.


 


PONLLE AS PILAS AO TEU BOCATA

O día 28 de outubro houbo no colexio un obradoiro para fomentar o consumo de conservas e produtos do mar. Este programa está subvencionado por diversos organismos de Galicia e europeos.


Participaron os rapaces de 3º, 4º e 5º de primaria. Na carpa instalada no patio do colexio elaboraron os seus bocatas con conservas vexetais, conservas de productos do mar e tamén hortalizas e vexetais frescos.


Os deliciosos bocatas coméronos posteriormente na hora do recreo e foron todo un éxito.


Se queres ver algunha foto, preme aquí.

Distribuir contido