ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE ORAL. Orientacións ás familias.
O noso pensamento está composto por palabras, polo tanto a linguaxe é fundamental para comunicarnos, non só cos demais, senon tamén con nós mesmos. Contar cunha linguaxe elaborada permitiranos facer razoamentos tamén máis complexos e, por conseguinte, “pensar mellor”. Do noso dominio da linguaxe depende a nosa capacidade para realizar reflexións máis ou menos profundas e establecer unha relación co entorno que nos permitirá adquirir novas aprendizaxes.
Por outra parte, a nosa expresión oral é a “carta de presentación” na interacción cos demais, posto que é o primeiro que escoitan de nós.
Aínda que hai outros xeitos de comunicación, a linguaxe humana baséase na nosa capacidade para comunicarnos por medio de signos lingüísticos. Os nenos ao naceren teñen unha capacidade innata para adquirir unha linguaxe que lles permita comunicarse, pero a conducta lingüística non é instintiva como a respiración ou a deglución; o código lingüístico debe ser adquirido por medio do contacto con outros seres humanos que lle sirvan de modelo.
Neste sentido, o entorno natural para o desenvolvemento da comunicación é a familia, xa que é a única que pode dar unha estimulación intensiva desde o primeiro momento e durante as 24 horas dos 365 días do ano. Esta estimulación conta, ademais, coa ventaxa de estar unida a situacións naturais e enormemente motivadoras pola carga afectiva e lúdica que levan implícita.
Non debemos esquecer que o desenvolvemento da linguaxe é un proceso evolutivo que sigue o seu propio ritmo en cada neno. Nós non debemos forzar ese proceso pero sí podemos favorecelo e facilitalo moito. Que os nosos nenos pronuncien e articulen ben os sons e amplien o seu vocabulario e estructuras vai depender en gran medida dos modelos que lles ofrezan os adultos do seu entorno.
As diferentes actividades da vida diaria son moi útiles para estimular a linguaxe oral dos nenos, pero tamén podemos e debemos “provocar” nós algunhas situacións de comunicación non tan espontáneas: os comentarios sobre o que imos vendo desde o autobús, a visita a unha feira ou un museo, a lectura conxunta das imaxes dun conto, …
Desgraciadamente, o cada vez máis estresante ritmo de vida que levamos, está empezando a interferir nesta función natural do entorno familiar, o cal se está vendo reflectido nun significativo incremento das dificultades de expresión oral nos nenos .
Por todo isto, desde o departamento de Orientación editamos un pequeno tríptico con algúns consellos; agardamos que vos resulten de utilidade.