Normalización Lingüística

VISITA A RADIO ARZÚA PARA FALAR DO PREGÓN DA FESTA DO QUEIXO

O 2 de marzo, un grupo de alumnos e alumnas das titorías de 4º EP e 5º EP foron visitar Radio Arzúa para falar de como levaron o confinamento, xa que ata o de agora estas son as únicas aulas do centro que estiveron confinadas debido á Covid-19. Ademais, os de 5º EP comentaron a súa experiencia elaborando unha parte do pregón da Festa do Queixo. 

Este ano encargóusenos desde o Concello aos centros escolares da vila redactar e ler o pregón desta Festa do Queixo virtual, que celebra a súa cuadraxésima sexta edición. Tocoulle esta encomenda ao grupo de 5º EP e, despois dun sorteo realizado entre o alumnado interesado en participar na lectura do pregón, recaeu esta tarefa en Celia Zapata Villar. Ela será quen represente ao CEIP de Arzúa cando se reúnan todas as autoridades na Capela da Madalena para realizar a gravación do pregón, que será emitida este sábado a través das redes sociais do Concello de Arzúa. 

   

  

Déixamosvos aquí o audio do programa que nos reenviou Radio Arzúa. Moitas grazas!!

  PREME AQUÍ

 

ROSALÍA_2021

Está chegando o Día de Rosalía de Castro e nós xa levamos un tempo facendo actividades arredor da figura da nosa emblemática escritora. 

Este ano participamos, xunto co IES de Arzúa, nun proxecto que se chama "Rosalía sae á rúa" e que se vai ver materializado esta semana, cando o persoal do Concello de Arzúa reparta os carteis cos poemas de Rosalía, que fixemos no noso colexio e no instituto, polas tendas da vila. 

O Concello de Arzúa financiou a actividade e nós pedímoslles unha copia dos carteis para montar este mural que colocamos na entrada do noso colexio. 

Grazas por colaborar con nós e apoiar as nosas iniciativas!

  

Deixámosvos aquí un vídeo onde se poden ver todos os carteis elaborados no colexio e que foron distribuídos polos escaparates de Arzúa.

 Esta é unha mostra da cartelería colocada pola vila:

   

    

Nas distintas aulas do colexio fixéronse actividades moi variadas arredor da figura de Rosalía de Castro, como estas que vos amosamos:

  

  

  

 Para achegarnos á obra de Rosalía de Castro, deixámosvos aquí algúns recursos:

  • Un genially elaborado por dúas profesoras de Arzúa. 

        A ligazón do genially é: https://view.genial.ly/6016977d22eaac0d7191f9a4/game-descubrindo-a-rosalia-de-castro

  •  Un genially elaborado este curso por un grupo de mestres/as dos EDLG de varios centros de ensino. 

        A ligazón do genially é:  https://view.genial.ly/5ff75e8bc217200ce77cc6d5

  • Un vídeo realizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do Colexio San Pío X (Ourense) para aproximarnos á vida da escritora.
    Trátase dun Draw My Life narrado en galego por Uxía Salgado da Silva, alumna de 6º de primaria deste centro. As ilustracións foron obtidas do vídeo orixinal en castelán publicado en maio de 2019 polo equipo "TikTak Draw" de YouTube, e que lles concedeu a súa autorización. Tamén contaron coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación Rosalía de Castro, que participou na revisión dos datos biográficos.

        Ligazón do vídeo:  https://www.youtube.com/watch?v=5sLT5qSVuWg

ENTROIDO_2021

Este ano celebramos, no noso colexio, un Entroido diferente. Durante a semana do 8 ao 12 de febreiro seguimos os mandados do Meco; un personaxe simpático que colocamos na entrada do centro para avisar a todos os rapaces e rapazas do que tocaba traer ao día seguinte.

  

O día 12 de febreiro o alumnado disfrazouse libremente, botando man dos elementos que tiña na súa casa. Prolongamos media hora o recreo e gozamos xogando ao aire libre nunha xornada na que por sorte acompañou tamén o tempo. 

  

  

  

  

  

  

Nas titorías traballouse o Entroido de moitas maneiras, achegándonos á súa gastronomía, aos personaxes típicos do Entroido galego (boteiros, cigarróns, pantallas, peliqueiros,...), ás súas tradicións e costumes.

 

DÍA DA PAZ_2021

No mes de xaneiro conmemoramos no colexio o Día da Paz. A nivel de cada titoría traballouse con contos relacionados con esta temática, vídeos, películas... 

Deixamos aquí algúns dos traballos realizados nas distintas clases do centro. 

  

  

       

   

  

 

Moi preto desta data está a celebración do Día Internacional da Educación. Intentamos transmitir ao noso alumnado a importancia de recuperar e revitalizar a educación despois dun confinamento longo que nos obrigou a abandonar a escola e a seguir as clases de forma telemática. 

Baixo o lema "A educación promove...", cada alumno/a do colexio deu resposta a esta cuestión no medio da foto dalgún obxecto empregado para uso escolar. Dentro dos mesmos atopamos mensaxes tan interesantes como estas:

- A superación das diferenzas sociais.

- A Paz.

- O desenvolvemento dos pobos.

- A cultura.

- O cumprimento dos nosos soños.

- A igualdade.

- ...

Con todos os traballos montamos o mural colectivo que se colocou na entrada.

O alumnado de 5º e 6º de E.Primaria viu a primeira parte da película "Buda explotó por vergüenza"; unha película que nos serviu para abrir un debate moi interesante sobre diferentes cuestións que teñen que ver coa educación e coa paz.

SESIÓN DE CONTACONTOS PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Con motivo da Conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, o alumnado colaborador da Biblioteca levou a cabo unha actividade de contacontos para o alumnado de 3 e 4 anos de Educación Infantil. O conto seleccionado nesta ocasión foi "Somos amigos?" de Anabel Fernández Rey. Trátase dun fermoso álbum ilustrado que nos presenta a dous amigos moi diferentes pero moi ben compenetrados: un neno e un oso polar; que descobren que a amizade é pura xenerosidade, así o oso axuda ao neno a peitearse, a montar en bici, incluso a comer verduras; e vese correspondido polo neno que axuda ao oso a asearse, a sacar unha espiña da pata, ata comparte con el a súa comida. Un conto que fomenta os valores da Paz: a amizade, o respecto pola diversidade, o diálogo, a empatía... Valores que desexamos que as nosas nenas e nenos descubran e interioricen para que vivan felices e en harmonía consigo mesmos e cos demais.

 

 

 

Finalizada a dramatización do conto, maiores e pequenos profundizaron no mesmo e  reflexionaron  sobre as ensinanzas que transmite: amizade, xenerosidade, respecto, axuda...

 

Para rematar, cantaron xuntos "Hola amigo, juega conmigo", unha divertida canción que promove múltiples maneiras de amosar afecto e cariño polos amigos e amigas.

 

En agradecemento, o alumnado de Educación Infantil obsequiounos cuns fermosos debuxos sobre o conto representado.

 

Esta actividade levouse a cabo en escrupuloso cumprimento das normas de hixiene e prevención que a situación pola COVID-19 esixe.

 

Foi unha experiencia enriquecedora e satisfactoria tanto para os maiores como para os máis pequenos.

Grazas a todas e a todos por facela posible e lembremos que a Paz é un reto para alcanzar en todos os ámbitos: escola, familia, amigos...

Defendamos e traballemos polo dereito a vivir nun ambiente de Paz. 

VIDEOFELICITACIÓN DE NADAL

Deixámosvos aquí esta videofelicitación realizada coa axuda de todas as titorías do colexio. 

Saúde e Boas Festas a todos e todas!!

OS BIBLIOAXUDANTES CÓNTANLLE UN CONTO AO ALUMNADO DE 5 ANOS

Un curso máis o CEIP de Arzúa participa no Programa de Bibliotecas Escolares Solidarias nas modalidades de: Colaboración coa biblioteca escolar e Ler con... D (é dicir, de lecturas compartidas dentro do centro). Este curso contamos cun grupo de 10 colaboradores e colaboradoras de 5º de E.P. que o venres 18 de decembro se estrearon no seu labor compartindo unha lectura co alumnado de 5 Anos A e B. O libro escollido foi "Monstro Rosa", de Olga de Dios. Trátase dun album infantil que nos fala da diversidade, de respectar a identidade de todas as persoas por moi diferentes que sexan, e tamén da importancia de crear unha sociedade onde todos teñamos cabida. Este conto reforza o valor de crer en nós mesmos e de respectar a nosa identidade aínda que esta choque coa do conxunto da sociedade.

 

 

 

 

 

 

 

Despois de contarlles o conto, os biblioaxudantes e os nenos e nenas de 5 Anos reflexionaron sobre a historia, as personaxes e as ensinanzas que se poden extraer do mesmo; e remataron cantando a canción de "Monstro Rosa", un canto á diversidade, ao diferente, a encaixar e facer amigos onde cada un sinta que é o seu mundo e poida ser el mesmo.

 

 

 

Na realización desta actividade adoptáronse todas as medidas de protección e hixiene que a situación de crise sanitaria, pola COVID-19, require.

Para finalizar, dar as grazas ao alumnado de 5 Anos A e B e aos voluntarios e voluntarias, por regalarnos momentos tan fermosos e mensaxes tan esperanzadoras.

Grazas e Boas Festas!

 

POSTAL DE NADAL E TRÍPTICO DE LECTURAS RECOMENDADAS

O CEIP de Arzúa quere felicitarvos o Nadal "agasallándovos co seu mellor sorriso", que é a proposta do alumnado de 3ºA para a celebración das vindeiras festas.

Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca sumámonos á mesma, e engadímoslle unha interesante selección de libros para que tamén poidades celebrar o Nadal, cun bo libro nas mans. Lembrade que en tempos de pandemia, nos que se ve mermada a nosa actividade social, os libros son excelentes compañeiros que nos axudan a combater o aburrimento.

   PREME AQUÍ

 

Bo Nadal e saúde para todo o alumnado do CEIP de Arzúa e as súas familias. 

MODELOS DE CARTAS PARA AS SÚAS MAXESTADES DE ORIENTE

 PREME AQUÍ

Deixámosvos aquí outro modelo máis sinxelo para os máis pequenos e pequenas do colexio e animámosvos a escribir en galego a carta que lle ides enviar aos Reis Magos. 

ACTIVIDADES DO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

Este curso 2020-21 poderemos gozar destes espectáculos no noso colexio:

- Actuación musical a cargo de Gloria Mosquera e Tomi López de Mamá Cabra. Representación do espectáculo "Patrimonio natural". 

- Representación dun espectáculo de narración oral a cargo da compañía de teatro "Galeatro" de Carballo. 

O  Concello de Arzúa vén de concedernos unha subvención ao CEIP de Arzúa destinada ao EDLG que nos permite financiar estas actividades.

  

Powered by Drupal - Design by artinet