Normalización Lingüística

BO NADAL

A Comunidade Educativa do CEIP de Arzúa deséxavos a todas e todos unha felices festas!

 

                                                              

A postal de Nadal este ano fíxoa o alumnado de 1º de EP.

 

REIS MAGOS

 

As súas Maxestades de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar pasaron polo CEIP de Arzúa para falar cos nenos e nenas, recoller as súas cartas, escoitar os seus desexos e desexarlles unhas felices festas.

Emocionados e emocionadas, os rapaces e rapazas viviron unha mañá moi máxica e especial.

 

Grazas á ANPA XERMOLOS por facelo posible!

 

 

VISITA DO APALPADOR

O Apalpador é, nas zonas do este de Galicia, a figura mítica dun carboeiro que baixa a noite do 24 de decembro a tocarle a barriga aos nenos e nenas para ver se comeron ben durante todo o ano, deixándolles un puñado de castañas, en ocasións, algún agasallo, e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e comida.

Os cativos e cativas do CEIP de Arzúa tiveron a sorte de falar con el, xa que visitou as nosas terras. Moitas grazas, Apalpador!

Grazas á ANPA O FORMENTO por facelo posible!

 

 

 

 

 

 

 

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos é un documento que serve de plan de acción global para a liberdade e a igualdade protexendo os dereitos de todas as persoas en todos os lugares do mundo.

Os nenos e nenas do CEIP de Arzúa recollemos varios deses dereitos plasmados neste mural tan bonito titulado “Unha marea de dereitos”. Cada peixe ten rotulado e decorado un dos  dereitos que é “pescado” por ese barco coa finalidade de darle visibilidade, recoñecelo e valoralo.

                                        

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación

da Violencia contra a Muller, coa finalidade de visibilizar a violencia

contra as mulleres e nenas a nivel mundial, denunciar estes feitos e

proclamar políticas que axuden a acabar con esta situación.

 

Os nenos e nenas do Ceip de Arzúa concienciámonos moito sobre este este

grave problema e realizamos diferentes actividades, murais e traballos

onde plasmamos os nosos desexos.

Ademais, realizamos un mural colectivo onde escribimos mensaxes

negativas en gotas de auga que o paraugas pretende “frear” e decoramos o

mural con follas de moitas cores que portaban mensaxes positivas e

esperanzadoras:

 

Estes son algún dos nosos traballos:

 

 

O propio venres, 25 de novembro, o alumnado de 5º e 6º participou nunha

charla contra a Violencia de Xénero (Plan Director).

Tratáronse temas como: diferenzas entre violencia de xénero e violencia

doméstica, tipos de violencia de xénero, tipos de maltrato…

Como sempre, Óscar ( Garda Civil que impoartiu a charla), botou man de

vídeos ilustrativos que facilitaron que o alumnado comprendera a realidade:

a violencia de xénero non só é pegar!

 

MAGOSTO

Este venres, 11 de novembro, día de San Martiño, celebramos unha das festas máis importantes do outono, o Magosto. Esta é unha celebración popular relacionada coa colleita das castañas onde os veciños se reúnen para asalas, bailar, xogar e festexar. E iso mesmo é que nós fixemos.

En primeiro lugar, elaboramos este mural colectivo que leva por título “Móllate neste Magosto” no que cada nivel escribiu e ilustrou poemas, refráns, adiviñas… relacionadas con esta conmemoración. Quedou así de bonito:

                                    

 

Logo, celebramos o Magosto con xogos populares, degustación de castañas asadas e chocolatada. Foi unha xornada moi divertida onde desfrutamos moitísimo e nos acompañou un día maravilloso co  “verán de San Martiño”.

O alumnado de Educación Infantil participou en diferentes xogos que estaban repartidos por diferentes recunchos do colexio:

 

 1. Os globos

2.  A rá

3. Aros musicais

4. A corda

5. Carreia de sacos

 

    

Ao finalizar cada xogo, recibían unha peza dun puzle, que despois montaron na aula:

                                       

 

E para rematar a xornada, merendaron unhas deliciosas castañas asadas e tomaron un rico chocolate:

 

O alumnado de Educación Primaria tamén participou en diferentes xogos populares:

1. Chave e chapas

2. A rá

3. A pesca

4. Aros musicais

5. Tres en raia

6. A corda

7. Carreira de sacos

8. Mariola

9. Os panos

 

 

 

Logo, armaron o puzle de recompensa.

E para finalizar, degustaron as castañas e desfrutaron dun delicioso chocolate.

 

 

Unha xornada marabillosa! Feliz Magosto!

DE CONTOS CON ERICA GONZÁLEZ

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, este curso puxémonos en contacto coa actriz e contacontos Erica González. 

Hoxe, 4 de novembro, visitou a nosa biblioteca e grazas a ela o noso alumnado puido desfrutar dunha sesión de animación á lectura. 

A través dun mar en calma, Erica foi narrando historias que nos atraparon e que calaron nos nosos corazóns. Cun conto explicounos a importancia de aceptarse e sentirse "guapas e guapos" para que os demais aprecien a nosa beleza. Con outro, díxonos os ingredientes para ser felices: a familia, a ilusión, a harmonía e a saúde e comentou que se algún deles nos falta nun momento determinado, podemos intentar cociñar a felicidade cos ingredientes que nos quedan. Tamén co flamengo Renato Nicanor descubrimos que nada é imposible para un corazón disposto porque todo esforzo ten a súa recompensa. Estes e outros relatos foron os integrantes dunha xornada chea de fantasía e ilusión que, de seguro, quedará gravada na nosa memoria. 

Grazas Erica por compartir estas divertidas historias connosco e por amosarnos, unha vez máis, que a través dos libros podemos viaxar e aprender moitas leccións e valores. 

 

 

  

   

SAMAÍN

O Samaín é unha festa chea de maxia e misterio. A noite do 31 de outubro facíase unha celebración moi especial que, de feito, constituía a festa celta máis importante: era o comezo do Ano Novo Celta.

Conmemoraba o tránsito da luz (verán) á escuridade (inverno), un momento máxico no que, por unha soa noite, quedaban abertas as ventás do máis alá, o cal era aproveitado polas almas dos difuntos para visitar o mundo dos vivos.

Ademais de traballar e aprender máis cousas sobre esta festividade, decoramos as nosas aulas así de terroríficas!

 

  

 

RECURSOS PARA TRABALLAR O MAGOSTO NAS AULAS

Botádelle unha ollada a estes recursos que poden resultar interesantes:

- Compilación de crenzas e supersticións, cantigas, adiviñas, refráns, poemas e suxestións gastronómicas.

https://en.calameo.com/read/004018423bf5c49b1729b

- Unidades didácticas para traballar o Magosto. Preme aquí.

- Páxina web cunha selección de xogos ancestrais da nosa cultura ou acervo familiar, para xogar no interior ou no exterior e que aposta polas tecnoloxías dixitais para preservar, desenvolver e gañar públicos para a cultura e a lingua galegas.

http://xogostradicionais.consellodacultura.gal/

 

 

RECURSOS PARA TRABALLAR O SAMAÍN NAS AULAS

Deixámosvos aquí diferentes recursos para achegarnos á festividade do Samaín:

- Unidade didáctica do Samaín. Preme aquí para visualizala.

- Contos de medo do Samaín. PREME AQUÍ

- Xogo para aprender curiosidades do Samaín en formato Genially:

https://view.genial.ly/61575c7175267b0e312bca8e

- Vídeo do Samaín:

 

A orixe  da nosa lingua guapa: Unha meiga, unha profesora e un grupo de nenas e nenos protagonizan a primeira película de ficción da Real Academia Galega, baseada en feitos abraiantes pero reais como a vida mesma. Non perdades esta fascinante historia do nacemento dun idioma especial coma ningún outro, porque sodes vós as persoas que tendes o superpoder de seguir a darlle mil primaveras máis de vida. Só tendes que berrar e practicar este retrouso máxico: Nós, en galego! A nosa lingua guapa! 

 

Powered by Drupal - Design by artinet