Normalización Lingüística

LECTURAS EN GALEGO

Baía Edicións déixanos unha proposta de libros para que poidamos ler desde a casa. Premendo neste enlace podedes ter acceso aos mesmos. Tedes lecturas para nenas e nenos de 4-6 anos, de 7-8 anos, de 9-10 anos e de 12 en adiante. 

https://baiaedicions.gal/editorial/baia-edicions-con-vos-na-casa/

E, para os que lle guste a banda deseñada, o Consello da Cultura Galega pon a nosa disposición unha serie de títulos nestoutro enlace:

http://consellodacultura.gal/libros-tipo.php?tipo=Banda%20dese%F1ada

Esperamos que poidades gozar todas e todos con estas lecturas!

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA_2020

O CEIP de Arzúa colocou na entrada do colexio un mural realizado polo alumnado de 1º E.P, que baixo o lema: "Muller, nin máis nin menos" quere reivindicar o papel da muller na nosa sociedade. 

Lograr a igualdade entre os xéneros é un obxectivo que os distintos equipos do centro: EDLG, Biblioteca e Extraescolares quixemos apoiar propoñendo actividades para realizar nas aulas (lecturas, busca e tratamento da información, colocación de carteis con mulleres que destacaron no mundo do cine...).

Algúns dos traballos que luciron nas portas das aulas recollían información sobre mulleres que destacaron ou destacan no mundo do cinema. 

      

        

O alumnado de 6º E.P realizou o mural "Growing up in Equality" (Medrando en Igualdade), na clase de Arts & Crafts, Plástica Seccións Bilingües, para celebrar o Día da Muller.

 

  

Tamén na nosa biblioteca se habilitou un recuncho de lecturas para levar a coeducación ao entorno persoal e familiar, que brindan ao alumnado a oportunidade de medrar en igualdade. Quedou así de ben!

RECURSOS DIDÁCTICOS ONLINE EN GALEGO

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da CRTVG,  ofrécenos actividades lúdicas especialmente dirixidas ao alumnado máis novo. Trátase das curtas de animación do Programa Nós tamén creamos! que podedes atopar na aplicación do Xabarín Club http://www.crtvg.es/infantil/xabarin-tvg (premendo no X) e, así mesmo, en http://www.crtvg.es/infantil/programas/nos-tamen-creamos-2019.
Por outra banda, a organización do certame Olloboi 2020 acaba de convocar unha nova categoría, Olloboi COVIDeo Doméstico, á que poderán presentarse vídeos gravados desde os fogares. O curso Aprendo con Olloboi (https://blog.olloboi.com/aprendo-con-olloboi/) pode ser de moita axuda para realizar este traballo. Atoparedes máis información en https://www.olloboi.com/olloboi-codvideo/Aprendo con Olloboi é un repertorio de recusos didácticos online que dan a coñecer o proceso cinematográfico en todas as súas fases.

Cómpre destacar tamén Aulas Galegas, un portal educativo no que un grupo de docentes pon á disposición de toda a comunidade escolar recursos didácticos e de lecer da maioría das materias curriculares, todos en galego. Podedes consultalos na seguinte ligazón:
https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/equipos-de-dinamizacion-da-lingua-galega/novidades/_/contido_1249/portal-educativo-aulas-galegas

Espero e desexo que toda esta información poida servir de axuda á comunidade educativa do noso centro. 

ACTIVIDADE DE CONTACONTOS PARA E.INFANTIL: "ROSA CARAMELO".

Un grupo de alumnos e alumnas colaboradores da biblioteca escolar levaron a cabo unha actividade que consistía en contarlle un conto ao alumnado de Educación Infantil. O libro escollido foi "Rosa Caramelo" porque trata o tema de igualdade de xénero e vimos de celebrar recentemente o Día Internacional da Muller. Neste conto fálase dunha manda de elefantes na que as elefantas son de cor rosa, agás Margarida. De contado esta rebelde e esperta elefantiña descubrirá que as do seu xénero teñen prohibido facer cousas que están reservadas para os machos. Margarida non acepta esta tradición e amósalle ás súas compañeiras que a igualdade pode ser unha realidade.

Despois da narración dramatizada do conto de Adela Turín o alumnado colaborador da biblioteca propúxolle unhas cuestións aos máis pequenos e pequenas para reflexionar sobre a lección que nos ensina esta historia: todos e todas temos os mesmos dereitos e non podemos ser discriminados por razón de xénero.

Para rematar a actividade cantaron e bailaron todos xuntos por un mundo mellor no que o importante é  a igualdade dentro da diversidade.

Grazas a todas e todos por facer posible esta fermosa e gratificante actividade.

 

 

 

 

 

 

 

ENTROIDO DE CINE NO CEIP DE ARZÚA

O alumnado de 6ºB encargouse de preparar o mural da entrada do colexio. Nel quixeron destacar as principais características dos personaxes máis coñecidos do Entroido galego: as "Pantallas de Xinzo de Limia", coas dúas vexigas de vaca nas mans; os "Cigarróns de Verín", coas chocas na cintura e unha fusta na man; os "Xenerais da Ulla", cos seus uniformes de época que provocan aos pobos veciños usando os cómicos atranques; os "Boteiros de Viana do Bolo", cunha carauta rematada nun impresionante penacho; as "Madamas e os Galáns de Cobres", con sombreiros que poden chegar a pesar uns 7 kg; os "Peliqueiros de Laza", que levan unha pelica que colga da parte traseira da súa máscara; as "Mázcaras de Manzaneda", cun enorme tocado na cabeza, os "Boteiros de Vilariño de Conso", cunha máscara feita de cartón forrada de pelo e pel de cabra... e moitos outros que forman parte desta festa tradicional galega. 

 

 

O 21 de febreiro o CEIP de Arzúa vestiuse de festa e celebrou o seu tradicional festival de Entroido. Como a temática deste curso xira arredor do cinema, todas as comparsas tiñan que ver con algunha película e as coreografías que se ensaiaron, formaban parte das bandas sonoras da historia do cine. 

Deixámosvos aquí un resumo do que foi este festival tan colorido.

Cando remataron o seu desfile as máis pequeniñas e pequeniños do centro, comezou E. Primaria:

 

 

ROSALÍA_2020

Este curso, ademais de sacar os poemas de Rosalía de Castro aos xardíns de Arzúa, o EDLG propuxo estas outras dúas actividades:

1. Realizar caricaturas da nosa escritora, dado que dela hai moi poucas fotos e si, moitas caricaturas e debuxos. 

2. Sumándonos á iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), propoñer ao alumnado que busque fotos, debuxos, gravados... que versen sobre o tema das migracións actuais e colocar como pé versos de Rosalía que traten as migracións en todos os seus aspectos (a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, o desamparo, a xenofobia, a explotación, os conflitos...). Para esta actividade, o EDLG repartiu ao profesorado unha escolma de poemas de Rosalía de Castro: 

- Airiños, airiños, aires

- Adios ríos, adios fontes

- Castellanos de Castilla

- Tecín soia a miña tea

- Pra a Habana

- Daquelas que cantan

- Amores cativos

- A xustiza pola man

- Marchácheste un día

- Non coidarei xa os rosales

- ...

Con estes traballos enchemos os corredores do colexio e queremos deixarvos unha mostra deles. Grazas a todo o profesorado e alumnado por contribuír, un ano máis, a difundir a obra desta escritora tan ilustre. 

   

  

  

 

  

  

  

  

  

 O mural da entrada do colexio foi realizado polo alumnado de 4º E. Primaria. 

ENCONTRO COA ESCRITORA GLORIA SÁNCHEZ

Hoxe o alumnado de 3º e 4º de E.Primaria tivo un encontro coa escritora arousana Gloria Sánchez despois de teren lido o seu libro “Noé e Gato fan teatro”. Un libro que inclúe dúas historias: a de Noé, que por unha fenda do tempo, irrompe nas nosas augas coa súa arca chea de animaliños. E, outra historia: a do gato dunha casa na que vive un neno moi rebuldeiro. Gloria contoulles que para escribir este libro se inspirou por un lado, na historia bíblica de Noé, que lle gustou desde nena; e por outro, no seu gato Simón. As nenas e os nenos dixéronlle que, para eles, a historia máis divertida e coa que máis riron lendo o libro foi a de “Gato”.

Logo fixéronlle preguntas sobre a súa traxectoria literaria e contoulles que leva escritos máis de 35 libros, sendo o primeiro “ Rimas con letra”, un libro de 1991, do que, por certo,  na nosa biblioteca hai unha primeira edición que ilusionou moito á escritora.

Tamén cantaron e bailaron con Gloria.

Foi un encontro moi cercano do que escritora e lectores desfrutaron moito. Dámoslle as grazas a Gloria Sánchez pola súa amabilidade e cercanía, e quedamos a espera de recibir os exemplares desta obra firmados pola autora e que con tanta ilusión agardan os nosos rapaces e rapazas.

 

 

 

 

 

 

 

ROSALÍA NOS XARDÍNS DE ARZÚA

O EDLG vén de propoñer a realización dunha serie de actividades para facer ao longo do mes de febreiro co obxectivo de enxalzar a figura da nosa escritora Rosalía de Castro, que contan con moi boa acollida por parte de todo o profesorado do centro. 

Unha destas actividades consiste en sacar os poemas de Rosalía á rúa. A actividade realizada en colaboración co concello de Arzúa e na que tamén participou o alumnado de FP Básica do IES de Arzúa, materializouse hoxe cando colocamos os paneis nos xardíns da vila.

Cada titoría de E. Primaria preparou un panel cun poema de Rosalía de Castro. Desexamos que a xente da vila poida gozar lendo un anaquiño da obra desta marabillosa escritora, que nós deixamos ao pé das árbores que hai preto do parque infantil. 

Grazas ao Concello por acoller tan ben a nosa proposta e proporcionarnos todo o material necesario para poñela en práctica e ao IES de Arzúa por sumarse a ela!!

 

   

  

  

  

 

DÍA DA PAZ_2020

Durante o mes de xaneiro, o alumnado do noso colexio estivo realizando unha serie de actividades enmarcadas dentro da conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz. 

Na entrada do centro colocouse un mural ao que lle puxemos por título "Todas as mans son necesarias", no que estamparon as súas mans as nenas e nenos de E. Infantil e despois, o alumnado de E. Primaria puxo as súas mensaxes pola paz no interior dunhas nubes. 

Os corredores enchéronse de móbiles de pombas e quedaron así de fermosos!!

  

 

Durante o mes de xaneiro o EDLG fixo unha selección de libros pola paz, xunto co Equipo de Biblioteca, para poñelos á disposición de todo o profesorado e alumnado na Biblioteca do centro. Entre os títulos en galego, destacamos este ano:

- O carteiro de Bagdag

- O país dos mandóns

- A casa grande

- A manchas ou a raias?

 

 O 30 de xaneiro reunímonos todas e todos no salón de actos para ver a curtametraxe do conto "O Sr. Guerra e a Sra. Paz" e, a continuación, ler o noso Manifesto pola Paz, elaborado coa axuda de todas as titorías do colexio. Fixeron de presentadores, Jorge de 6ºA e Nerea de 6º B.

 

Rematamos este acto cantando:"O mundo é grande", de Mamá Cabra. Aquí vos deixamos o vídeo que proxectamos coa canción.

 

MODELO DE CARTA PARA AS SÚAS MAXESTADES DE ORIENTE

Os Reis Magos xa están planificando a súa viaxe para visitarnos un ano máis. Deixámosvos aquí un modelo de carta, que podedes imprimir, para pedirlles eses agasallos que vos fan tanta ilusión.

 PREME AQUÍ

 

Powered by Drupal - Design by artinet