Normalización Lingüística

24 DE FEBREIRO-DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Estivemos, durante unha semana, facendo diversas actividades arredor da figura desta escritora emblemática.

O mural colectivo reflicte ese pensamento libre de Rosalía para enxalzar o patrimonio cultural da súa terra. Repartimos poemas entre todas as titorías e cada unha escribiu uns versos dun poema de Rosalía dentro da silueta dunha bolboreta, que despois ilustrou. 

Aquí tedes o resultado!!

Nalgunhas aulas, o alumnado elaborou a súa propia portada do libro "Cantares Gallegos".

                 

 

O 22 de febreiro reunímonos todas e todos para homenaxear a Rosalía, no salón de actos do colexio. Comezamos visionando un vídeo dos Bolechas, que fai un repaso dalgúns dos seus poemas.

Despois foi subindo ao escenario unha representación de cada titoría, para ler distintos poemas da escritora: "Has de cantar", "Imos bebendo", "Campanas de Bastabales", "Vente rapasa", "Airiños, airiños, aires", "Como chove miudiño"...

   

  

                    

                     

Sumámonos á iniciativa que puxo en marcha a Fundación Rosalía de Castro: "Caldo de Gloria", inspirada no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Neste poema, unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Cando chega á súa casa mollada e esfameada consegue facer un humilde caldo de gloria e un bolo de pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz. 

O alumnado de 5ºB fixo a lectura deste poema "Miña casiña, meu lar", porque o CEIP de Arzúa tamén serviu neste día caldo no seu menú, para homenaxear a Rosalía de Castro. 

 

E para rematar, todas e todos cantamos "Adiós ríos, adiós fontes", coa axuda de Lois, José Luis e as súas guitarras.

 

O 25 de febreiro, o alumnado de E. Infantil- 5 anos, 1º e 2º de E. Primaria acudirán ás 11:30h á Casa da Cultura de Arzúa para escoitar os poemas musicados de Rosalía de Castro, interpretados pola cantante galega Uxía. 

PAULA CARBALLEIRA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Hoxe recibimos no noso colexio á escritora Paula Carballeira, que lles veu falar ao alumnado de 5º E. Primaria do seu libro "Bruxa e familia". Este é un libro para os que queren superar os seus medos, para os curiosos e curiosas, para os que non foxen das teas de araña... 

Paula contounos que no seu libro hai unha parte de realidade e outra de ficción. E relatándonos esas verdades que aparecen nel, achegámonos un pouco máis á vida e personalidade desta escritora que nos cativou a todas e a todos.   

                             

                        

Grazas Paula por axudarnos a mirar ao noso redor con outros ollos, por reivindicar o respecto polos animais, por destacar o valor de persoas tan entrañables nas nosas vidas como os nosos avós e avoas... e por recoller todo isto nun libro.

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

No noso centro, fixemos unha morea de actividades arredor da temática da paz.

O alumnado de 4º E.Primaria encargouse do mural da entrada, onde colocaron o seu "Abecedario da Paz". Quedou así de bonito!!

Ademais, todas as titorías do colexio estivemos traballando con "contos pola paz". Este curso quixemos destacar a importancia dos libros como ferramentas que nos serven para descubrir outras realidades, outros mundos, outras vivencias... e cos que aprendemos valores tan importantes como a tolerancia, a solidariedade, a igualdade, a inclusión... que nos axudarán a conseguir un mundo máis xusto e mellor. Así quedou o noso mural colectivo...

       

O alumnado que participa no programa de Bibliotecas Solidarias, preparou durante a derradeira semana de xaneiro contos pola paz, que despois representaron para o alumnado de Infantil na biblioteca do colexio.

 

E para rematar, o 30 de xaneiro xuntámonos todas e todos no salón de actos do colexio para conmemorar o Día da Paz. Alí deuse lectura ao Manifesto pola paz que fixo cada titoría. Fixeron de presentadores dous rapaces de 6º B. No mural do fondo cada parella que saía ía pegando enriba dunha pomba o seu manifesto. Deixamos aquí algunhas fotografías que recollen ese momento.

     

        

  O mural dos manifestos ía encabezado coa frase:"Para que haxa paz..."

Rematamos cantando a canción "Chea de vida" da cantante galega Guadi Galego, con linguaxe de signos. 

 

 

XA CHEGOU O NADAL!!

O 21 de decembro celebramos no noso centro o festival de Nadal. O alumnado de 5ºA tocoulle facer o mural que se colocou na entrada do colexio.

 

Os nenos e nenas de 5º e 6º E.P. elaboraron as postais do mural que se colocou ao lado da biblioteca.

Antes do festival, Papá Noel e o Apalpador,  percorreron as aulas de todo o colexio para agasallar ao alumnado con biscoito e batido de chocolate. Grazas á ANPA por axudarnos na organización desta xornada tan emotiva para todas e todos.

 

E ás 11:30 h deu comezo o noso festival de Nadal, da man dos nosos presentadores: Patricia e Gabo. Aquí vos deixamos unha breve reportaxe do mesmo. 

 PREME AQUÍ

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER_25 NOVEMBRO

Seguimos necesitando datas para denunciar a violencia sistemática, física ou simbólica, que se exerce contra as mulleres na casa, na rúa, no traballo... 

Os centros educativos sumámonos a esta conmemoración do 25 de novembro realizando múltiples actividades. 

No noso centro, este curso, todas as actividades xiraron arredor da canción de Rozalén "A porta violeta". O departamento de Orientación escolleu vídeos, fichas, lecturas... para traballar desde Infantil ata 6º E.P esta temática nas aulas.

O alumnado de 5º B foi o encargado de preparar o mural que se colocou na entrada do colexio. 

  Pero creáronse outros murais en distintos corredores do centro, como o que fixo o alumnado de 1º E.P.

Os nenos e nenas de 4º e 5º E.P participaron tamén nunha Xincana coeducativa "Sen violencia, sen medo". Tratábase de detectar e escapar dos estereotipos e prexuízos que nos veñen impostos pola sociedade, aprender e respectar aos outros, coñecer o significado da violencia de xénero e todo o que conleva, recoñecer o que é un abuso, unha ameaza e promover unha actitude de rexeitamento de tales comportamentos...

 Traballáronse lecturas como: "Rosa Caramelo" en 1º e 2º E.P, "Arturo e Clementina" en 3º e 4º E.P e "A historia dos Bonobos con lentes" en 5º e 6º E.P. Este último deu pé a establecer un debate na aula sobre o papel das mulleres e dos homes na sociedade.

   

Así representaron algunhas nenas o país imaxinario dos Bonobos, un lugar onde homes e mulleres comparten as tarefas e as mulleres non sofren ningún tipo de discriminación.

        

 

MODELO DE CARTA PARA AS SÚAS MAXESTADES DE ORIENTE

 

Xa falta pouco para que cheguen os Reis Magos!! Deixámosvos aquí un modelo de carta, que podedes imprimir, para pedirlles eses agasallos que vos fan tanta ilusión. 

 Preme aquí

O ESCRITOR PABLO NOGUEIRA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Hoxe estivo na nosa biblioteca o escritor Pablo Nogueira, autor do libro "Nube Branca quere ser astronauta". Trátase dun conto de carácter lúdico e didáctico no que a protagonista desexa ver as estrelas de preto e coñecer a lúa e os planetas... Unha temática que entusiasma ós máis pequenos. O alumnado de primeiro e segundo de primaria tivo ocasión de escoitar en boca do propio autor o conto e fixéronlle unha morea de preguntas sobre as curiosidades que a lectura do libro espertou neles. Tamén houbo un intre para que o escritor lles asinase o exemplar do mesmo que eles mercaran, e foi agasallado polos seus pequenos lectores cun precioso cadro inspirado na temática do libro. Grazas Pablo por axudarnos a fomentar nos nosos nenos e nenas o amor pola lectura.

 

 

 

NA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS CONTAREMOS COA VISITA DA COMPAÑÍA DE TEATRO "GALEATRO"

Este curso 2018-19 poderemos gozar do espectáculo "O xogo das letras", a cargo da compañía de teatro Galeatro, de Carballo. Nesta obra de teatro, o protagonista terá que superar unha serie de probas relacionadas coa cultura, a literatura e a xeografía galegas. Trátase de achegarnos á vida e obra do autor homenaxeado: Antonio Fraguas, dunha maneira amena, así como á doutros autores homenaxeados/as en edicións anteriores. 

A actuación terá lugar no salón de actos do noso centro o 10 de maio de 2019, formando parte das actividades que organiza o EDLG con motivo das Letras Galegas. Realizaranse dous pases, un para o alumnado de Ed. Infantil e outro para o de E. Primaria. 

O Concello de Arzúa vén de concedernos unha subvención ao CEIP de Arzúa que nos permite financiar esta actividade!!

 

DÍA DA INFANCIA_2018

Esta semana traballamos no colexio os dereitos dos nenos e nenas. O mural da entrada recolle os principais dereitos da infancia. Ao pé das imaxes aparece o rótulo: Deféndeos, respéctaos!! 

 

O concello de Arzúa, un ano máis, organizou unha serie de actividades dirixidas aos máis pequenos e pequenas.

O luns, o alumnado de Infantil puido gozar coa compañía de teatro Ghazafelhos da obra "Bon appetit". Os tres chefs amosaron ao público infantil os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de receitas de Álvaro Cunqueiro. Foi unha comedia onde a cociña tradicional galega foi o condimento perfecto para escachar coa risa. 

  

 

O martes, 20 de novembro, tocoulle pasar pola Casa da cultura ao alumnado de 1º, 2º e 3º de E. Primaria, para ver a obra de teatro "Contos do recreo". 

  

E o mércores, 21 de novembro, foron os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de E. Primaria para ver a obra "Leonardo e os fontaneiros" de Mª Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano polas Letras Galegas. 

               

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet