Grupos de traballo

GT

O CAFI e os CFR da Comunidade Autónoma Galega, consecuentemente coas liñas básicas de formación do profesorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, poñen en marcha, para o vindeiro curso académico 2017-2018 diferentes sistemas de apoio ao perfeccionamento, entre os que se inclúe a convocatoria de grupos de traballo dirixidos ao profesorado en activo de todos os niveis educativos, agás o universitario, que imparta ensinanzas en centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os grupos de traballo desenvolveranse conforme ás seguintes bases:

Primeira. Características xerais
Tomando como base a importancia da colaboración entre o profesorado como elemento fundamental da formación en servizo, considérase o grupo de traballo como unha modalidade formativa baseada no traballo colaborativo que ten por obxecto a análise e a elaboración de proxectos e materiais curriculares, así como a experimentación destes centrada nas diversas situacións educativas.

Dado que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten entre os seus obxectivos procurar que os centros educativos desenvolvan o seu propio plan de formación permanente do profesorado (PFPP), o grupo de traballo será unha modalidade indicada só no caso de que non sexa posible desenvolver a formación no marco dun PFPP.

Con carácter xeral os centros educativos só poderán ser sede dun único seminario ou GT.

O proxecto do grupo de traballo elaborarase conxuntamente polos participantes atendendo ao que se recolle na pestana “Guión” da aplicación Fprofe. Deberá axustarse ás temáticas propostas no anexo I da presente convocatoria.

Independentemente da temática, todos os grupos de traballo contarán cun módulo de formación específica en convivencia, inclusión e igualdade, para o cal contarán co apoio, asesoramento e acompañamento das persoas asesoras da rede de formación permanente do profesorado.

Segunda. Compoñentes

Poderá participar o profesorado en servizo activo de todos os niveis educativos, agás o de nivel universitario, que imparta docencia en centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Con carácter xeral, os dous terzos do total de membros do grupo de traballo, así como a persoa coordinadora, deberán pertencer ao ámbito do CAFI/CFR no que se presente a solicitude, que se aterá ao establecido na base sexta desta convocatoria.
O grupo de traballo estará constituído por un mínimo de 3 membros e un máximo de 10, pertencentes ao mesmo ou a distintos centros educativos, incluíndo neste cómputo a persoa responsable da coordinación do grupo.
A participación nun grupo de traballo exclúe a participación nas convocatorias que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estableza como incompatibles coa de grupos de traballo.
A sede do grupo de traballo será, con carácter xeral, o centro educativo da persoa coordinadora e pertencerá ao ámbito do CAFI/CFR.

Terceira. Duración
A duración do grupo de traballo será dun mínimo de 20 horas e un máximo de 50 durante o curso académico 2017-2018.

As sesións de docencia ou traballo do grupo de traballo terán unha duración mínima de dúas horas e máxima de catro. Os grupos de traballo poderán contar cun número de horas de docencia que non excederá o 20% das horas totais do proxecto. Esta docencia será coordinada pola persoa asesora de formación correspondente.

As sesións de docencia ou traballo do grupo de traballo terán unha duración mínima de dúas horas e máxima de catro.

Ata un 30% do total das horas do Grupo de Traballo poderá realizarse de xeito non presencial (sexa traballo na Rede ou individual) e a asignación deste deberá constar nas actas das sesións de desenvolvemento. Este tempo de traballo non contemplará o tempo de aplicación e/ou experimentación en horas lectivas.

Cuarta. Orzamento e xestión
O proxecto poderá contar cun orzamento para o seu desenvolvemento que contemple os seguintes conceptos:

  • Horas totais da actividade.
  • Docencia, se a houber, de persoas expertas.
  • Desprazamentos. En ningún caso se admitirán como xustificación de gastos os desprazamentos para reunións dos compoñentes do grupo de traballo.

Os membros do grupo de traballo, o profesorado con destino nos centros sede, así como as persoas asesoras do CAFI/CFR poderán impartir a docencia sen remuneración.
A dotación económica de cada grupo de traballo será acordada pola comisión de selección, con cargo aos orzamentos do plan de formación do CAFI/CFR correspondente.
A persoa asesora de formación será a encargada de realizar a xestión do correspondente expediente económico e administrativo.
A bibliografía e os materiais adquiridos co orzamento concedido quedarán depositados no centro sede do grupo de traballo, unha vez rematada a actividade.

Quinta. PreinscriciónO profesorado interesado deberá facer a súa preinscrición a través da aplicación informática Fprofe: (https://www.edu.xunta.es/fprofe <“CONVOCATORIAS”>) ata o 10 de outubro de 2017. Non será tida en conta outro tipo de preinscrición.
Unha vez realizada a preinscrición, a persoa que vaia coordinar o grupo, poderá solicitar a orientación das persoas asesoras dos CFR/CAFI para a elaboración do proxecto.

Sexta. Solicitude de participación e proxecto da actividade
A persoa coordinadora do grupo de traballo fará a solicitude de participación e o proxecto a través de Fprofe:

  1. Solicitude: A solicitude xerada desde a aplicación entregarase en rexistro no CAFI ou CFR, en papel, debidamente selada e asinada.
  2. Proxecto: Elaborarase un proxecto en Fprofe seguindo o modelo da aplicación.

A data límite de presentación é o 31 de outubro de 2017.

Sétima. Comisión de selección
A selección dos grupos de traballo será realizada en cada CAFI/CFR por unha comisión integrada por:

  • O director ou directora do CAFI/CFR.
  • O secretario ou secretaria do CAFI/CFR, que actuará como secretario ou secretaria da comisión.
  • Dúas persoas asesoras de formación propostas pola dirección do centro.

Son funcións da comisión de selección:

  • Seleccionar e aprobar os proxectos presentados que cumpran os requisitos e criterios establecidos na presente convocatoria.
  • Velar para que se cumpran as condicións establecidas na aprobación definitiva.
  • Resolver sobre a continuidade daqueles proxectos dos que do seguimento se deduza que non se axustan ás condicións de aprobación.
  • Informar á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da marcha dos diferentes proxectos de formación en centros, cando sexa requirido por esta.
  • Avaliar e propoñer a certificación da formación dos participantes unha vez concluído o proxecto, entregada a memoria final e valorada positivamente.

Oitava. Selección dos proxectos
Unha vez presentado o proxecto nas condicións establecidas nas bases quinta e sexta da presente convocatoria, a comisión de selección deberá reunirse nun prazo máximo de 15 días contados a partir do día seguinte ás datas de remate do prazo de solicitude.
O proxecto deberá contar co informe da persoa asesora designada para tal fin.
A comisión de selección de grupos de traballo e seminarios terá en conta, ademais, os seguintes criterios:

  • Adecuación ás bases da convocatoria e ás liñas prioritarias de formación do profesorado establecidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e enmarcadas na lexislación vixente.
  • Repercusión do proxecto na práctica docente mediante a aplicación na aula.
  • Relevancia innovadora do proxecto.
  • Concreción dos obxectivos, contidos, actividades, metodoloxía e procesos de avaliación, así como  a concreción de todos os aspectos citados.
  • Adecuación e coherencia da proposta de organización temporal e dos recursos humanos e materiais.

A acta da comisión emitida a través da aplicación Fprofe recollerá a relación dos grupos de traballo aprobados e dos denegados e excluídos. Nela constarán: título do proxecto, nome da persoa coordinadora, centro sede, número de horas e orzamento asignado. No caso dos proxectos denegados e excluídos, especificaranse as razóns correspondentes.

Novena. Resolución da convocatoria
A resolución da convocatoria, coa relación de grupos de traballo aprobados, denegados e excluídos, farase pública no espazo web do CAFI/CFR e comunicaráselle por escrito á persoa coordinadora de cada un dos grupos de traballo.
Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar as alegacións que consideren oportunas perante a presidencia da comisión de selección, no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da súa publicación.
Con carácter xeral, unha vez resolta a convocatoria, non se admitirán modificacións na relación de participantes.

Décima. Coordinación e asesoramento
A persoa coordinadora de cada grupo de traballo terá ao seu cargo as seguintes tarefas:  

  • Coordinación na xestión e desenvolvemento do grupo coa persoa asesora.
  • Organización do traballo.
  • Convocatoria e coordinación das xuntanzas.
  • Dirección e coordinación do desenvolvemento e avaliación do proxecto.
  • Dirección e coordinación da experimentación e/ou elaboración de materiais.
  • Realización da memoria final.

Para tal efecto levantará acta, no programa de xestión (http://www.edu.xunta.es/fprofe <“CONVOCATORIAS”>), das sesións de docencia, de traballo en grupo e de traballo individual que se celebren e cubrirá todos os documentos relativos a este no citado programa de xestión.
A persoa asesora de formación asignada a cada grupo de traballo, nun proceso colaborativo, poderá asesorar ao grupo en todos os aspectos referentes ao desenvolvemento do proxecto e será a encargada de realizar a xestión do expediente económico e administrativo deste.

Décimo primeira. Seguimento
O seguimento do desenvolvemento do traballo dos grupos de traballo corresponde á comisión de selección.
A persoa asesora asignada a cada grupo elaborará un informe do desenvolvemento do proxecto para presentalo ante a comisión de selección.

Décimo segunda. Documentación que hai que entregar ao finalizar a actividade
A persoa coordinadora do grupo de traballo cubrirá a memoria final, ao remate do proceso, na aplicación Fprofe.
O grupo deberá achegar un produto final que evidencie as competencias profesionais adquiridas e a súa posta en práctica na aula e/ou no centro.
Tamén se debe entregar a documentación seguinte, en soporte papel, no correspondente CAFI/CFR:

  • Acta de resumo final, xerada na aplicación Fprofe, asinada polo coordinador ou coordinadora, co visto e prace de xefatura de estudos e o selo do centro. Deberá incluír as sinaturas do profesorado participante.
  • Relación detallada dos materiais elaborados, se fose o caso, indicando o procedemento de acceso aos mesmos, así como evidencias de todos os aspectos, formativos e/ou experimentais, traballados ao longo da formación.

A data límite de entrega desta documentación no CAFI/CFR correspondente será o 31 de maio de  2018.
A non realización e entrega da memoria final, no prazo sinalado nesta convocatoria, poderá ser causa de revogación da axuda concedida e librada, coa obriga de reintegrar a cantidade percibida e suporá a non certificación da actividade.

Décimo terceira. Avaliación final
A comisión de selección realizará a avaliación final dos grupos de traballo, tendo en conta o informe da persoa asesora do grupo de traballo e a documentación presentada, no prazo de 20 días contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de entrega da citada documentación.
A acta de avaliación reflectirá o número de horas recoñecido a cada grupo de traballo para os efectos de certificación, atendendo á documentación presentada e á calidade dos produtos.
 

Décimo cuarta. Certificación

A dirección do correspondente CAFI/CFR expediralles aos membros do grupo de traballo a certificación acreditativa da coordinación ou da participación nel, acordada pola comisión de selección, unha vez presentada e avaliada positivamente a memoria final.

Segundo a normativa vixente (Orde do 14 de maio de 2013, artigo 24, punto 2), para certificar a participación na actividade será precisa a asistencia, como mínimo, ao 85% das horas presenciais da actividade así como a presentación das evidencias correspondentes ao
traballo desenvolvido de xeito non presencial.
A certificación farase en función das horas de traballo dedicadas e xustificadas, por proposta da comisión, ata un máximo de 50 horas. Ás persoas coordinadoras dos grupos de traballo poderáselles incrementar o número total de horas ata nun 30% máis, en función das tarefas desenvoltas.
Ademais, se unha persoa membro do grupo de traballo, profesorado con destino no/s centro/s implicado/s ou persoal asesor de CAFI/CFR actuase tamén como relatora, poderá recibir a correspondente certificación que se axustará á normativa vixente.

Se o profesorado con destino no/s centro/s implicado/s ou persoal asesor de CAFI/CFR actuase como relator, poderá recibir a correspondente certificación que se axustará á normativa vixente. No caso de profesorado membro do seminario que imparta formación na actividade, só poderá recibir unha única certificación, como relator ou participante.

Décimo quinta. Difusión e publicación de materiais
Os materiais elaborados quedarán depositados no CAFI/CFR para consulta do profesorado interesado e poderá ser difundido polo devandito centro.
Se as persoas compoñentes dun grupo de traballo deciden publicar os materiais elaborados, deberán axustarse á normativa vixente, tanto na orixinalidade dos materiais como no uso de imaxes. Deberá tamén facerse constar que se elaboraron con subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e incluír o logotipo.
Para obter o logotipo: http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/composicion-con-presidencia-e-consellerias
Os materiais elaborados estarán suxeitos á licenza creative commoms by-sa.

Recoñecemento - Compartir igual (by-sa):
Permítese o uso comercial da obra orixinal e das
posibles obras derivadas, a distribución das cales
debe facerse cunha licenza igual á que regula a obra orixinal

Para máis información: http://www.edu.xunta.es/web/node/2562